“Os mosteiros eran unha forma de evadir impostos para a nobreza galega”

Mosteiro de Santa Cristina Ribas de Sil.

Por Víctor López

O monaquismo é unha peza de singular importancia no estudo da Idade Media en Galicia. O feito de que moito do que sabemos da Galicia medieval dependa da documentación monástica é, en si mesmo, máis que revelador. Hai que retroceder ata o século VI para ter as primeiras referencias sobre o monacato galego.

Publicidade

BRR6. Eran os mosteiros os paraísos fiscais da época?

No que se refire aos textos escritos deberiamos agardar ao parroquial suevo, tamén coñecido como Divisio Theodomiri, que é onde se recolle a organización interna da Igrexa no reino suevo nos anos finais do mesmo. Nel fálase nas sés de Dumio e de Bretoña dunha organización monástica. A partir de aí, no século VII sobre todo, aparecen unha serie de regras redactadas en Galicia ou moi vencelladas a ela, como a regra de Froitoso de Braga, que semella ter sido moi seguida na Galicia altomedieval.

Unha vez que cae o reino suevo, o historiador Xosé Miguel Andrade fala de diferentes etapas na vida monástica galega. Unha primeira no século X, que sería a das grandes fundacións aristocráticas, con Mosteiros como Celanova, Sobrado dos Monxes ou Lourenzá, que xeran un modelo monástico moi característico, “non só de Galicia, pero que aquí ten unha transcendencia especial”. O profesor titular de historia medieval na Universidade de Santiago de Compostela sinala unha segunda etapa que tería lugar a finais do século XI e boa parte do XII. É o momento da bieitización, da conversión do monocato galego á orde de San Bieito. Coa chegada da orde do Císter, a versión nova da regra beneditina, é moito máis esixente e dirixida desde Francia. E por último, unha etapa na que salta ao século XV coa reforma dos Reis Católicos.

A partir do ano 1230 a escrita documental e de outro tipo deixa de estar feita en latín e utilízase a lingua vernácula, neste caso o galego

A partir do ano 1230-1240 a escrita documental e a escrita de todo tipo deixa de estar feita en latín e utilízase a lingua vernácula, que neste caso é o galego. O 98% dos textos que se escriben nos séculos XIII-XIV-XV están elaborados en galego. Ao inicio do XVI comezouse a abandonar a escrita en galego en favor do castelán, aínda que depende moito da diócese e do mosteiro. “Isto non ten tanto que ver cunha suposta orde dos Reis Católicos, que ata onde sei non se produciu nunca, senón máis ben sucedeu porque as ordes monásticas, unha vez que foron reformadas polos Reis Católicos, van estar dirixidas desde Castela, desde Valladolid no caso dos bieitos, e os bispos da época moderna son sobre todo chegados de fóra de Galicia e impoñen a lingua castelá”.

Mosteiro de Carboeiro.

A vida nos mosteiros era moito mellor da que tiñan os campesiños. Por unha parte pola mellor alimentació e por outra polos coidados de saúde dos que dispoñían. Pero había grandes diferenzas entre os mosteiros, como as houbo tamén entre as diferentes etapas. Algúns grandes mosteiros, como Samos, Celanova ou Sobrado, pasaron por momentos de grandes debilidades económicas, sobre todo a raíz da crise do século XIV-XV. Por norma xeral nos mosteiros vivían de forma señorial, como se fosen concebidos como señores máis que como monxes, “pero non sempre foi así, nin en todos os casos, nin en todas as épocas”, apunta o gañador do premio Losada Diéguez de ensaio.  

Algúns grandes mosteiros pasaron por momentos de grandes debilidades económicas, pero na maioría vivían de forma señorial

Na teoría a regra beneditina impoñía unha dieta curta en carne e abundante en pan, viño e legumes. A realidade era outra. Por exemplo, os bieitos negros rapidamente deixan de facer caso á regra e consumen carne e máis viño do debido. O Císter, en principio, era moito máis esixente na lectura da regra bieita, pero a partir do ano 1250, estes monxes comezan a ter un comportamento similar ao dos beneditinos, ou sexa, a comer como os señores. Tomaban carne de forma abundante, que era algo que a regra prohibía, porque entendía que comer carne chamaba á carne, e que lles podía provocar excitación.

Evasión de impostos

No século VII a actividade monástica galega era a máis destacada da península ibérica. O monocato galego altomedieval dos séculos VIII ao X era principalmente unha operación patrimonial da aristocracia. “A formación de mosteiros era unha forma de evadir impostos para a nobreza galega, se o quixésemos trasladar ao mundo contemporáneo. Salvagardaban unha parte do seu patrimonio para que non fose partillado polo sistema de herdanzas vixente, que era de tipo igualitario entre homes e mulleres. Coa fundación de mosteiros evitaban que o seu patrimonio se desfixese en moitas partes”.

Pero os mosteiros eran moito máis que iso para os seus fundadores. Eran centros onde se refuxiaban a pasar os seus últimos anos de vida, onde ir en caso de doenzas para recibir os mellores coidados, para estar recluído en casos de inestabilidade emocional ou física, onde se acollían aos seus nenos para que fosen educados, lugares de memoria colectiva para a familia do fundador, e lugares de enterramento.

“A clausura aquí era case inexistente: había unha relaxación de costumes, unha convivencia entre homes e mulleres, nenos e adultos, laicos e cregos”

Xosé Miguel Andrade, historiador

“Eran moito máis que un obxeto de interés patrimonial por parte dos fundadores. Os mosteiros son un microcosmos. A imaxe que transmiten os mosteiros do monacato galego altomedieval non é a da película No nome da rosa. A clausura aquí era prácticamente inexistente, había unha relaxación de costumes, unha convivencia entre homes e mulleres, entre nenos e adultos, laicos e cregos, é dicir, tratábase dun mundo moito máis diversificado do que podiamos pensar nun principio”, argumenta Xosé Miguel Andrade, que ten boa parte das súas investigacións relacionadas co mundo do monacato medieval galego.

Santa María de Oia.

O momento máis álxido dos mosteiros galegos tivo lugar co rei García, que foi o introdutor da regra beneditina en Galicia, no caso do mosteiro de Toques, segundo os documentos atopados. Antes del houbo unha serie de reis que contribuíron, sobre todo coa figura de San Rosendo en Celanova. En xeral, todos os reis e raíñas da época tiveron a súa función na doazón e no mantemento dos patrimonios e das propiedades materiais dos mosteiros.

O declive dos mosteiros chegou a partir do século XIV, coa data sinalada do 1348 coa aparición da peste negra, que non foi o único factor da crise “pero si o que fai que se converta a crise nunha especie de pandemonium, nunha situación irreversible”. “Cando os mosteiros quedan en mans da nobreza, que pasa por dificultades económicas, atopan nos mosteiros unha fonte de ingresos fácil e pouco conflitiva. Quedan pois nas garras da nobreza e os seus cabaleiros. A partir de aí empeza a decadencia económica e moral da vida monástica”, conclúe o profesor Andrade.


Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, SpreakerSpotifyiHeartDeezer e Podchaser.


BRR1. Un reino agochado
BRR2. Vellos lí­deres de tribo
BBR3. Raíña despois de morta
BRR4. Unha galega de best seller
BBR5. Galicia, primeira revolución europea
BRR6. Eran os mosteiros os paraísos fiscais da época?

O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022