Cando a vella Gallaecia pasou a ser a nova Galicia

Afonso VI de Castela.

Por Víctor López

A historia do antigo Reino de Galicia ten un momento que se pode considerar crucial por varios motivos. Porque aquí é cando Portugal e Galicia pasan a ser reinos diferentes, e ademais no que a vella Gallaecia convértese na nova Galicia, para dar paso ás orixes da monarquía nacional feudal galega. É o período comprendido entre e 1037 e 1139, un século que se pode considerar o do cambio no noroeste peninsular. Aí remata a Gallaecia como a coñeciamos, para dar paso a novos reinos. Foi un troco xeográfico, pero tamén político, porque o desencadeante é un conflito militar polo que Fernando I, rei de Castela e membro da dinastía dos reis de Navarra, faise co control do reino da Gallaecia e impón a súa autoridade.

Non só foi un cambio de tronos, tamén trouxo consigo un novo modelo de monarquía na que o rei é o cumio da sociedade, e os nobres e todos os que están por debaixo están vencellados por lazos de fidelidade persoal a el. “Digamos que agora xa non é o reino o que fai ao rei, senón o rei o que fai  reino, e convértese, tal e como segue sendo na actualidade, na figura na que todo o resto se estrutura arredor del”, apunta Carlos Baliñas, o catedrático de historia medieval na Facultade de Humanidades de Lugo.

Estes novos dominios repárteos e estrutúraos doutra maneira e xorden así novos espazos políticos e aparece unha Galicia que se parece máis á da actualidade. Aquí se produce unha gran fenda que separa o conxunto político do reino da Gallaecia para desmembralo xeográficamente e que Portugal e Galicia collan camiños diferentes. Máis aló do cambio de nomes, hai un cambio de réxime. Isto está sucedendo en toda Europa. Podemos buscar analoxías do que estaba a acontecer aquí co que pasaba noutros lugares, nos que o empurrón tamén puido ser militar, como a incorporación de Inglaterra a este réxime feudal, ou como cando os magnates normandos deron orixe ao reino de Sicilia, ou das dúas Sicilias no sur de Italia.

“Os nobres facían o que querían coas súas delegacións rexias, e iso afectaba ao destino do campesiñado, os burgos. Co novo modelo chega a paz e a integración”

Carlos Baliñas, catedrático de historia medieval da USC

A imposición da monarquía feudal non foi unha catástrofe, a pesar de que na historiografía téndese a citar así, por varios motivos. Por unha parte, porque con canta máis independencia, mellor para Galicia, e por outra, pola identificación dos destinos de Galicia cos destinos dunha elite. “O vello sistema desa nobreza altomedieval xeraba unha gran inestabilidade. Os nobres, que poñían e quitaban reis, tamén facían o que querían coas súas delegacións rexias, e iso afectaba ao destino do campesiñado, os burgos… e con este novo modelo chega a paz e a integración”, afirma o tamén doutor en historia pola USC.

Fernando I e dona Sancha.
Fernando I e dona Sancha.

A diferenza do que sucedeu en Inglaterra, onde o feudalismo foi implantado pola forza, como se aprecia na novela histórica Ivanhoe de Walter Scott, en Galicia, aínda que comeza cun conflito militar, a intelixencia dos novos monarcas foi buscar o consenso. Hai unha transición, pero non houbo un cambio drástico. Iso supón recoñecer varias cousas. En primeiro lugar, que o rei asume toda a autoridade política e xudicial , e tamén que pode incluso expropiar terreos da nobreza.

A diferenza de Inglaterra, onde o feudalismo foi implantado pola forza, en Galicia os novos monarcas buscaron o consenso

“Nisto influíu moito a raíña Sancha, que é dos últimos membros da aristrocracia da gran Gallaecia. Como muller de Fernando I, xoga un papel de lexitimadora, de acompañante, pero tamén de corrixir ao carón do seu home. Tiveron a intelixencia de comprender que a nova estrutura política estaba composta por territorios moi diferentes e de aí que se producise un reparto do negocio entre a familia. Iso pasa coas empresas aínda hoxe”, aclara Carlos Baliñas.

A raíña Sancha

Fernando I é un rei intruso que chega ao poder mediante un acto violento. Sen embargo, foi recoñecido bastante rápido en Galicia e moito máis tarde en León. A figura da súa consorte dona Sancha tivo moita influencia para que fose admitido aquí con rapidez. Exerceu como rei de Galicia e asinaba como tal.

Galicia tiña incluso a súa propia contabilidade. Dentro do seu proxecto xeral quixo atender as necesidades dos galegos. Mantivo a raia á nobreza, implanta o novo sistema e cambia e sitúa a novas figuras. Vaille dar grandes competencias á Igrexa e retírallas á nobreza laica. Un dos seus grandes apoios foi o Bispo de Iria e tamén o Bispo Pedro I de Lugo. O esplendor virá despois, pero nesta época puxéronse as bases das catedrais de Santiago, Ourense, Braga e ampliáronse mosteiros como o de Samos ou o de Celanova, por iso esta época é fundamental para a historia de Galicia.

O rei García de Galicia.

Nesta época xa empezaba a entrar en crise o mundo Al-Andalus, polo que a unión  facía a forza, e ter un exército baixo o mesmo rei combinando Castela, León, Galicia e parte de Portugal tiña unha potencialidade enorme, ademais do aproveitamento das rutas comerciais e de peregrinaxe, pero tamén había realidades sociais e identidades moi diferentes. “Era unha España con moitas Españas. Non é un problema de agora, isto xa vén daquela época”.

O rei de Nós

Fernando I fixo un reparto cos seus fillos varóns do seu reino. Entregou a Sancho Castela, a Afonso VI deulle León e a García o reinado de Galicia. Sancho botou a Afonso VI e quíxolle quitar pola forza as súas propiedades, pero Sancho desapareceu nun misterioso atentado. Despois Afonso entrou en Galicia para levar preso ao seu irmán García e telo dezaoito anos encadeado nas montañas e no castelo de Luna nunhas condicións terribles ata que morreu no ano 1090.

O rei García posúe un nome navarro, pero foi un rei moi galego. Na historia queda representado por unha parte como unha tráxica figura literaria á que lle escribiron Víctor Hugo, Darío Xoán Cabana ou Frank Baer, que meteron nas súas novelas históricas ao rei García. Tamén no imaxinario da mitoloxía nacionalista galega é o rei de nós, que foi traizoado e que puido ter un reino glorioso de non telo impedido o seu irmán.

E por último, queda a imaxe que teñen na historiografía española, onde o debuxan como unha anomalía, ou tamén a dos portugueses, xa que para eles tamén aparece unha idea denostada do rei García. “A historia é escrita polos vencedores. Afonso VI gañou e ocupouse na súa historiografía de xustificar os seus aberrantes actos e a usurpación que levou a cabo. Para iso amosaron a García como un monarca feble e inútil”, conclúe o historiador Baliñas.  


Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, SpreakerSpotifyiHeartDeezer e Podchaser.


BRR1. Un reino agochado
BRR2.Vellos líderes de tribo
BRR3. Raíña despois de morta
BRR4. Unha galega de best seller
BRR5. Galicia, primeira revolución europea
BRR6. Eran os mosteiros os paraísos fiscais da época?
BRR7. Da vella Gallaecia á nova Galicia

O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022