Inés de Castro, a galega que reinou despois de morta

Inés de Castro.

Por Víctor López

O Antigo Reino de Galicia ten unha protagonista de película: Inés de Castro. Filla ilexítima dun nobre galego, Pedro Fernández de Castro, e unha dama portuguesa, Aldonça Valadares, a súa é unha lendaria historia de amor, a que tivo co infante Pedro, pero tamén puido variar a posición política do reino galego de non ter sido asasinada.

Nada alá por 1320 ou 1325 na comarca da Limia ou en Monforte de Lemos, segundo a historiografía, Inés viaxou a Portugal en 1340 din que como dama de Constanza Manuel, quen casou con Pedro, herdeiro do trono de Portugal. Aínda que este punto tamén é rebatido nos últimos anos polos historiadores dada a mala relación que existía entre a familia dos Castro coa de Constanza. Inés e Pedro namoraron de inmediato e comezaron unha relación amorosa clandestina que terminaría de maneira tráxica. O rei Afonso IV, pai de Pedro, temía que a influencia de Inés no príncipe puxese en risco as relacións entre Portugal e o reino de Castela, polo que expulsou a Inés da corte en 1344. Ao ano seguinte, morreu Constanza, e Pedro volveu aceptar a Inés na corte, opoñéndose á vontade do seu pai. Ademais, negouse a casar con outra nobre elixida polo rei e decidiu vivir con ella e ter descendencia.

Alfonso IV, temeroso das consecuencias da relación do futuro reino de Portugal coa galega, ordeou matar a Inés

Afonso IV, que temía cada vez máis as posibles consecuencias da relación no futuro do reino de Portugal, ordenou matar a Inés. A mañá do 7 de xaneiro de 1355 en Coimbra Inés foi asasinada na Quinta das Bágoas por tres cabaleiros nobres da fracción castelá da corte portuguesa, apoiada polo seu sogro Afonso IV, decidido a rematar coa influencia galega diante do futuro monarca Pedro I e impedir un novo marco de relacións entre Galicia e Portugal que debilitase a posición de poder de Castela.

Revolta de Pedro I

Os propios nomes dos responsables deste crime de Estado, exiliados anos máis tarde en Castela e Francia, ou os sucesos políticos vividos en Portugal tras o asasinato, cunha revolta liderada no norte do país por Pedro I contra o seu pai, amosaron a natureza política do asasinato, que as recreacións literarias posteriores desfiguraron.

Foi inspiradora para moitos artistas, polo que deixou unha pegada permanente na historia e o patrimonio de Portugal. As tumbas da parella atópanse, enfrontadas, no Mosteiro de Alcobaça, e os seus magníficos relevos esculpidos son considerados obras mestras da escultura gótica portuguesa.

Túmulo de Inés de Castro no mosteiro da Alcobaça.

Inés foi executada en Coimbra e enterrada no Mosteiro de Santa Clara, que na actualidade é coñecido como Mosteiro de Santa Clara-a-Velha. Conta a lenda que aínda permanece a mancha de sangue de Inés no fondo de pedra da Fonte das Bágoas, lugar no que morreu. Tamén hai quen di que aínda se pode oír o seu pranto na Quinta dás Bágoas, onde buca eternamente a Pedro, o seu amor perdido.

Inés foi executada en Coimbra e enterrada no Mosteiro de Santa Clara

A raíña póstuma

Cando Pedro I ascendeu ao trono en 1357, executou coas súas propias mans a dous dos asasinos de Inés, arrancoulles o corazón en vivo. Afirmou que casara en segredo con ela. Ordenou que a enterrasen xunto a el, na igrexa do Mosteiro de Alcobaça, e encargou a construción das tumbas. En 1362, o corpo de Inés foi exhumado e transportado nun cortexo fúnebre desde Coimbra ata Alcobaça, onde foi coroada raíña e enterrada para descansar en paz á fin.


Da historia ao mito

A primeira adaptación desta historia foi a obra de 1577 Nise Laureada, do dramaturgo español Jerónimo Bermúdez, na que Inés non só era trasladada a unha nova tumba, senón que o seu cadáver era coroado nunha cerimonia. Desde entón, a escena dun rei tolo que insiste en que o corpo putrefacto da súa amante sexa vestido coas roupas da coroación, apoiado nun trono, coroado e coa súa man bicada polos nobres, resultou irresistible para a maioría dos adaptadores, formando unha grotesca escenografía para decenas de obras de teatro, poemas, pinturas, óperas, hai ata 29 operas con Inés como protagonista, cancións e numerosas novelas e películas como esta portuguesa de 1945 ou unha representación teatral española de 1977

Este pasodobre de Carmen Morell (1923-2015) escrito en 1947 por José do Valle, Luís Rivas e José Gardey, narraba a tráxica vida da nobre galega.

Máis recente, a portuguesa Luisa Sobral, irmá do gañador de Eurovisión Salvador Sobral, fixo xunto a Antonio Zambujo un tema no 2013.

Segundo a xornalista e escritora británica Holly Williams, esta fascinación ofrece un lugar para explorar todo tipo de temas: o amor e a devoción, a inocencia e a inxustiza, a política e a guerra, a tolemia e a obsesión, a morte e a dor, a feminidade e a masculinidade.

“Como hai tan poucos documentos históricos da época, os artistas teñen moita marxe de manobra”, di Aida Jordão, académica luso-canadense da Universidade de York, en Toronto, que investigou amplamente as representacións de Inés de Castro.

E realmente é difícil esaxerar o fundacional que é esta historia en Portugal. “Está na nosa memoria colectiva”, di Aida Jordão. “A maioría dos escolares portugueses coñecen a historia en cuarto ou quinto curso; o meu sobriño interpretou ao asasino na obra de teatro do colexio. Isto é moi común, aínda que a historia está depurada”, apunta Jordao.Os adolescentes portugueses tamén se atopan con Pedro e Inés cando estudan ao seu poeta nacional, Camões, na escola, normalmente centrándose no episodio no que aparecen no seu poema épico de 1572 Vos Lusíadas.

“Camões é o gran responsable de que a historia sexa unha representación tan icónica de Portugal”, di Jordão, e engade que foi a tradución de Camões a outros idiomas o que “levou a Inés fóra de Portugal e a Europa”.

De peón a raíña

Ao longo dos séculos XVII e XVIII, Pedro e Inés abríronse paso sen cesar polo Vello Continente.

O seu amor condenado serviu de base para óperas en italiano, inglés e alemán. E en 1843, Inés foi obxecto dun cadro do artista ruso Karl Bryullov, que a mostraba suplicando de xeonllos pola súa vida, vestida de branco nun mundo de vermellos e marróns escuros, agarrada por dous nenos pequenos: “a imaxe definitiva da inocencia”, escribiu Holly Williams.

A historiografía sempre concedeu a Inés de Castro un papel secundario, sen embargo nos últimos anos a ficción documentada trata de dar a volta a isto. A investigación de Aida Jordão non apunta a esta inocencia de Inés senón ao seu protagonismo, é dicir, a deixar de ser un personaxe secundario da súa propia historia. “É moi problemático dar a volta a historia porque é difícil converter unha raíña morta en protagonista. A historia vira ao redor del: como declara a guerra civil, como tortura aos asasinos, como saca a Inês do seu lugar de descanso”, di Jordão e engade: “Mesmo nos contos infantís e na cultura popular do século XX, a feminidade sentimental e a pasividade de Inés están totalmente esaxeradas. Descríbena como alguén que é fermosa, pero que non fai nada.

Os cronistas da época medieval escribiron cousas sobre Inés que non están probadas como que pedise clemencia. Puido ser unha muller erudita porque ella foi creada nunha familia nobre e non é tratada como tal”. A reflexión de Jordao é que os cronistas da época, considerados como historiadores tamén fixeron relatos interesados do sucedido “escribían ao servizo dun rei e tiñan que probar a ilexitimidade de Inés. Por iso a súa perspectiva tamén pode ser irreal”.

É en parte pola frustración ante isto que Jordao escribiu a súa propia obra. “Eu, Castro”, que pon a Inês en conversación con outras mulleres ignoradas na narrativa, como a súa irmá e a filla de Pedro.

Nesta liña tamén se inscribe unha novela histórica da escritora e xornalista portuguesa Isabel Stilwell, cuxo slogan é “espía, amante e raíña de Portugal”. Nesta obra, Inés é unha xogadora, máis que un peón, no xogo do xadrez político do seu tempo.


BBR1. Un reino agochado
BBR2. Vellos líderes de tribo.
BBR3. Raíña despois de morta

Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, SpreakerSpotifyiHeartDeezer e Podchaser.


O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022