“Os galegos non sabemos practicamente nada da nosa historia”

Imaxe do ‘Tombo de Toxos Outos’.

Por Víctor López

A historiografía española viviu de costas ao antigo reino galego e continúa a facelo. O papel da historiografía galega no conxunto peninsular é algo que debatimos con varios dos nosos expertos, tratando de buscar unha resposta. No congreso do antigo Reino Medieval de Galicia celebrado o pasado mes de setembro en Santiago, o historiador catalán Jaume Sobrequés reflexionaba sobre como é posible que tendo Galicia a grandes investigadores de alto nivel erudito e científico, non tivese presenza algunha a nosa historia no conxunto da historia peninsular.

Publicidade

Anselmo López Carreira actuou como comisario científico dese congreso. Para el hai dous factores que contribuíron a crear a tormenta perfecta. Un é a forma na que se construíu o estado contemporáneo español. Os estados liberais europoeos edificáronse presentando ao estado como nación, e para iso había que buscar un pasado moi remoto, como se a historia fose conducindo ata aquí, porque xa había unhas bases na época romana ou prehistórica. O relato da historia de España quere crear unha secuencia que se remonta ata os visigodos, porque parece que alí se identifican elementos da historia contemporánea en España.

Por exemplo, que eran europeos arios. Non interesaba ver a orixe española nos musulmáns. Tamén que eran católicos, que unifican nun momento toda a península ibérica, que é o ideal frustrado da Hispania. Os Concilios, que se queren ver como precedente do parlamentarismo español. O tema é que os visigodos viron rematar o seu reino coa chegada do Islam, así que para salvar ese burato, mediante uns refuxiados que van a Asturias e que eran visigodos, aí volve a renacer a España visigoda con oito séculos de Reconquista: Asturias, León, Castela, Reis Católicos, Hispania. Con este esquema, Galicia sobra, non pinta nada, o mesmo que Catalunya, pero cos cataláns din que foi evolucionando á marxe e que conflúe cos Reis Católicos. “Os cataláns coñecen a súa historia, e mesmo fóra de Catalunya tamén, e grandes obras da historia de España resérvanlles un gran espazo, porque non se pode invisibilizar”, apunta Anselmo López.

Sen capacidade de resistencia

Pero hai outro factor que inflúe e que apunta o doutor en Historia. A historiografía galega non acadou a capacidade de resistencia que tivo, por exemplo, a catalana. Aquí non se cultivou unha historia de Galicia que fose capaz de facer fronte a ese paradigma oficial e plantexar outro alternativo. Cando se constrúen todas as historias nacionais europeas, a mediados do século XIX, a de Galicia chega con puntualidade. Están Murguía, López Ferreiro… hai grandes historiadores, pero os seus traballos quedaron incompletos ou metodoloxicamente foron estériles. A finais do XIX, o movemento rexionalista galego no que se inscribían estes historiadores, entra nunha crise moi profunda, e é que como se todo ese traballo quedase esquecido. De feito, non hai edicións desas historias de Galicia ata tempos moi recentes. Cando chegamos aos primeiros decenios do século XX, cando se publican as grandes obras da historia oficial de España, non existe unha historia de Galicia con suficiente forza. “Cando Lafuente publica a súa gran historia de España, que é o modelo das sucesivas, non é que el tivese unha intención malévola de ocultar a historia de Galicia, senón que probablemente non a coñecía.  Hai un ocultamento que parece unha maldade e que se trata dunha manía persecutoria, pero non tivo por que ser tal”.

“Cando Lafuente publica a súa gran historia de España, que é o modelo das sucesivas, non é que el tivese unha intención malévola de ocultar a historia de Galicia, senón que probablemente non a coñecía”

Anselmo López Carreira, comisario do congreso do antigo Reino Medieval

Para o coautor de varias historias xerais de Galicia, os propios galegos vivimos de costas ao reino. “Os galegos prácticamente non sabemos nada da nosa historia. Incluso diría que pode faltar a capacidade de entender un suxeito histórico que sexa Galicia. Eu creo que calquera catalán sabe que existe unha historia de Catalunya. Aquí, o paso do nivel erudito, académico, de investigación, ata o outro nivel, que sería o da divulgación da historia e o seu coñecemento xeral, non están conectados, non están construídas as pontes necesarias entre ambos niveis. O ensino serviría para divulgalo, e todas as ferramentas de tipo editorial e telemático das que poidamos dispoñer”.

Mapa incluído na Historia General de España de Modesto Lafuente, ano 1850. O autor traduce o termo árabe Jalikiah (Galicia) por Reino de León.

Na opinión de Carlos Callón, que foi presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e como profesor de Xeografía e Historia, considera que “esta deturpación está apoiada desde o campo académico, e ten sobre todo orixes políticas. Continúase a repetir a día de hoxe nos libros de texto contra todo rigor e toda pesquisa histórica. E isto sucede tamén no ámbito das linguas e a literatura, onde se repiten como verdades, creacións político-académicas. Manteñen visións franquistas, como cancións españolas, cristiás, castas, que non se corresponden co que nos din os textos. A escola de tradutores de Toledo, que nunca existiu, falsedades que se repiten de forma totalmente acrítica”.

“Como se explica que a lingua galega chegase tan lonxe no seu uso se só fósemos un reduto de Castela?”

Alexandre Peres, doutor en Humanidades

As razóns da peregrinaxe

Para o tamén licenciado en Filoloxía galega e portuguesa, isto nos leva á erradicación no ensino obligatorio “de algo que existiu obxectivamente, que foi o reino de Galiza. En segundo da ESO Galiza é resumida coa peregrinaxe a Compostela, sen explicar por que tiña lugar esa peregrinaxe, xa que se oculta a historia do reino do que falan os documentos medievais”.

Península Ibérica por volta do ano de 950 segundo a Crónica do mouro Rasis (al-Razi) e a Crónica de 1344.

Alexandre Peres, doutor en Humanidades, durante anos impartiu a materia de Historia na ESO, e asegura que os libros de texto teñen unha total ausencia de Galicia. Engade sobre este ocultamento no relato da historia peninsular, da parte que se refire a Galicia, que “do pouco que se di, é que se trata dun destino xacobeo. Sen embargo, falan da transcendencia de Al Andalus, do gran e importante reino de Castela…, non é entendible que apareza ocultada a día de hoxe a historia do reino de Galicia. Como se explica que a lingua galega chegase tan lonxe no seu uso se só fósemos un reduto de Castela? Hai moito medo a facer unha revisión dos contidos. O gran desafío noso é que iso sexa reparado de forma urxente. Depende de nós, porque hai infinidade de investigacións feitas. Deben ser as institucións galegas as que se posicionen”. 

Precisamente ao fío desta reclamación, Anselmo López recorda que este é un traballo moi lento, e de decisións a nivel político. “Hai moita xente que traballa na secundaria, e mesmo na universidade, e ve que os traballos da historia de Galicia son subsidiarios. En secundaria, a materia troncal obrigatoria é a historia de España. Logo, en cada capítulo podemos atopar un apartado que ten que ver con Galicia, pero sen entidade propia. Unha historia construída desde a investigación galega, que se poida expoñer con autonomía propia, por desgraza non existe, e iso é polo que debemos pelexar no futuro”, conclúe a reflexión do historiador.


Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, SpreakerSpotifyiHeartDeezer e Podchaser.


BRR1. Un reino agochado
BRR2.Vellos líderes de tribo
BRR3. Raíña despois de morta
BRR4. Unha galega de best seller
BBR5. Galicia, primeira revolución europea
BRR6. Eran os mosteiros os paraísos fiscais da época?
BRR7. Da vella Gallaecia á nova Galicia
BRR8. Galicia e Portugal, unha historia común
BRR9. Fortificacións en réplica
BRR10. A lírica trovadoresca galega
BRR11. De cando se escribía só en galego
BRR12. Doma e castración do galego.
BRR13.A inventio da tumba do Apostolo
BRR14. A diversidade sexual na Idade Media
BRR15. De costas ao reino de Galicia

O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022