“Cando Castela dominou a Galicia, a rivalidade pasou a ser menosprezo”

Publicación de 1858 na que se mantén a mofa polo feito de ser galego.

Por Víctor López

A lingua galega atopábase nun momento álxido na Idade Media, sendo o idioma de monarcas e das altas clases nas cortes. Pero pouco a pouco foi diminuíndo o seu esplendor, a medida que o reino de Galicia perdía tamén o seu poder político, e pasamos así dunha consideración de lingua de culto, a unha lingua bárbara.

BRR12. Doma e castración do galego.

Alexandre Peres Vigo (Trasancos, 1982) é licenciado e doutor en Humanidades na Universidade da Coruña, cunha tese na que fala do supremacismo e a xenofobia co idioma galego no pensamento castelán, e na que desenvolve a construción desta galaicofobia.

—Na Idade Media atravesamos un momento no que se pasa de falar e escribir moito en galego en boa parte da península, a empezar a poñer as bases do que poderiamos chamar galaicofobia. Que sucedeu para ese troco e como foi o proceso?

—No século XII hai unha hexemonía que está bastante determinada no occidente. Hai centros de poder moi fortes, como Compostela, e logo aparecerá o reino de Portugal. Na fachada atlántica hai un momento de esplendor cultural que vai ligado ao esplendor da lingua neses territorios. No 1230 perdemos o último rei, que era Afonso VIII. No seu testamento deixa escrito que as súas fillas continúen cun estado de independencia galego-leonés, onde o galego é a lingua de prestixio, pero non vai suceder isto. O rei Fernando de Castela faise co trono galego. Galicia deixa de ser unha metrópole e empeza a estar en certo modo supeditada a Castela. Desde ese momento, a lingua dos reis vai ser principalmente o castelán. Non é un declive directo, pero si unha inercia. O galego pasa de ser a lingua dun estado poderoso á lingua dunha periferia. Nas primeiras crónicas redactadas en Castela xa se empeza a falar dun sitio afastado, de xentes que vivían nas montañas…, comeza a construción dunha idea algo negativa.

“No século XII Compostela ou Portugal son centros de poder moi fortes, e o esplendor cultural vai ligado ao da lingua nos territorios”

Alexandre Peres Vigo, doutor en Humanidades na Universidade da Coruña

—Aymeric Picaud, un monxe francés do século XII, escribiu a primeira guía do Camiño de Santiago, incluso hai quen di que fixo a primeira guía de viaxes de Europa, incluída no libro V do Códice Calixtino. Falaba da terra dos galegos moi ben, con certa afinidade, pero faise eco xa dalgúns estereotipos que semellaba se empezan a instalar. De onde lle viñan eses prexuízos?

—No seu camiño cara a Compostela vai facendo unha guía de todos os pobos. Fala da xente francesa da Aquitania, dos vascos moi mal, e logo cruza e fala do que el chama a terra dos españois, que é Castela, e a terra de Campos. Pasado o Bierzo todo, chega á terra dos galegos. Di que se lle asemella moito á súa Francia natal, que é o máximo que pode dicir un autor desta orixe, e faise eco dalgunhas faladurías que escoitou dos galegos. Di que son xentes dispersas en pobos, pero con moita riqueza e recursos, moito ouro, mais logo di que é verdade que lles gustan moito os preitos e tamén son iracundos. Son cousas que el ía escoitando, pero estes estereotipos non teñen nada que ver co que vai pasar séculos despois, onde os galegos pasan a ser habitantes dunha terra pobre, de montañas inhóspitas, e non iracundos senón lacaios.

—No século XIII, cando morre Afonso VIII, poderiamos dicir que é cando empezan os menosprezos cara a Galicia?

—Hai un proceso moi lento pero persistente. Unha vez que se instala na mentalidade colectiva, pode durar séculos. Se pensamos, por exemplo, nas poboacións africanas, os textos latinos ou gregos, vemos que hai moitas cousas que perduraron. Cando morre Afonso VIII, o que existía era unha rivalidade con Castela. Levaban moito tempo en guerras, e nun último intento por facer as paces, Afonso VIII casou cunha princesa castelá, con Berenguela, pero as rivalidades continuaron. Cando Castela conseguiu dominar a Galicia, o que era rivalidade pasou a ser menosprezo.

Libro Los Refranes o Proverbios en Romance (1555) escrito por Hernán Núñez de Toledo..

-Se na primeira metade do século XV se observa un castelán-centrismo lingüístico, derivado, en boa medida, dun castelán-centrismo político, amplamente desenvolvido durante o reinado de Afonso X (1252-1284), será na segunda metade desta mesma centuria cando en Castela se comece a desprestixiar ás linguas noroccidentais coa fin de prestixiar á lingua castelá. Con todo, as Cantigas de Santa María son en galego, por que esta contradicción?da literatura española aparecen algúns desprezos aos galegos. Quevedo tiña moitas referencias, Luis de Góngora tamén lle zoupou a Galicia. A que respondían estes ataques na literatura?

“No século XIII e comezos do XIV o galego é unha lingua de prestixio na lírica, como sería hoxe o inglés”

—No século XIII e comezos do XIV o galego é unha lingua de prestixio na lírica, como sería hoxe o inglés. Tratábase dun idioma que era utilizado por moitas persoas que non a tiñan como lingua nativa. Afonso X, ou IX se falamos da numeración real para nós, pois como o seu alcume indica era sabio, e aínda que nunca pisou Galicia, tocoulle vivir nunha época na que o galego era o idioma predominante. Se quería facer unha obra prestixiosa, como as Cantigas, sabía que tiña que facela en galego. Pero el era castelán, sentíase moi castelán, e na prosa si que promoveu o castelán. En Galicia cuestionábase moito a súa autoridade, porque era fillo de Fernando de Castela, que apropiárase do trono de Galicia, polo que aquí había moita xente que o consideraba un usurpador.

Galaicofobia

-Hai galaicofobia, pero hai tamén vasco ou navarrofobia, ou aragón ou catalanofobia, por parte de Castela. Esta repulsa só chega contra Galicia de Castela, ou tamén doutros reinos, como Portugal, unha vez que xa os reinos están separados, ou desde Aragón, ou mesmo Francia?

—Isto merecería unha resposta moi extensa. Hai vascofobia e navarrofobia, pero non tanto como pasou cos galegos. No refraneiro castelán do século XVI hai moitísimas referencias cara aos vascos. Dicían cousas como que nun barco castelán só podía haber un biscaíño, porque ter dous era insufrible por escoitar eúscaro ao natural. O que é diferente é obxecto de burla. Cando nos atopamos nunhas circunstancias políticas ou económicas superiores, tendemos a desenvolver o supremacismo e así tratamos de facer inferiores aos outros. O reino de Aragón era independente e tiña un respecto de Castela, por iso nós estabamos noutra liga. Desde comezos do século XVI, detecto unha certa aversión aos galegos en Portugal na literatura, que tamén chega, como sucede en Aragón, da galaicofobia castelá. Luís de Camões xa falaba dos sórdidos galegos.

“Desde comezos do XVI, detecto certa aversión aos galegos en Portugal na literatura, que tamén chega da galaicofobia castelá. Luís de Camões xa falaba dos sórdidos galegos”

—E a galaicofobia medrou entón aínda máis despois dos Reis Católicos? Cal é o motivo, unha vez sometido o reino de Galicia, para seguir batendo nel?

—Castela a finais do século XV tiña un grave problema de dominio sobre Galicia, porque os galegos non contribuían ás arcas reais como eles quixesen. As cidades galegas non se sentían representadas e por iso non o facían. Os señores feudais non estaban dominados pola monarquía castelá. Hai unha demonización do rival. Puido existir tamén por parte dos galegos sobre os casteláns, pero nós, sen ter unha monarquía, sen ser un estado, non tiñamos crónicas nin nada que o recollese, como si sucede nas crónicas de Castela, onde se falaba dos galegos como seres maléficos. Unha vez que Galicia está sometida, anos despois, chega un momento de degradación económica que coincide cun momento de mellora das cidades castelás. A monarquía vaise instalar en Madrid cos Habsburgo. Aí prodúcese un éxodo masivo de galegos á meseta. Pasan de ser os inimigos públicos, a ser a escala máis baixa das cidades castelás. Nos finais do século XVI hai un proxecto para repoboar as Alpuxarras de Granada, porque tiñan moitas revoltas e os seus habitantes son dispersados. Para repoboar utilizáronse galegos, moitos dos cales morreron antes de chegar alí. Os galegos xa non son o rival político que vive nos montes, nin son ladróns, o galego pasou a ser un pobre inxenuo, imbécil, cobizoso… O estereotipo cambia porque cambiaron as relacións entre Castela e Galicia.

—No século de ouro da literatura española aparecen algúns desprezos aos galegos. Quevedo tiña moitas referencias, Luis de Góngora tamén lle zoupou a Galicia. A que respondían estes ataques na literatura?

—Durante moito tempo, cando se facían investigacións sobre a galaicofobia, non lle chamaban así. Era a lenda negra anti galega, galego facinoroso… Hai moita bibliografía dos ataques contra os galegos. A maior parte destes autores lían a Quevedo, Góngora, Lope de Vega, que eran do século de ouro español, e cargan contra eles. Pero non temos en conta que eles naceron nunha sociedade que xa é profundamente anti galega, básicamente por razóns de xenofobia. Os galegos son, de lonxe, o colectivo estranxeiro máis grande que había en Castela, e iso suscitaba certos medos. Eles eran persoas intelixentes e sabían que non todos os galegos eran lacaios, sabían dos nobres e os eclesiásticos galegos moi poderosos, pero eles escriben para as masas que falaban castelán, e coñecían que, na mentalidade da época, o galego era motivo de risa fácil. Estes escritores non foron creadores de nada, pero si teñen un papel moi importante na consolidación deste estereotipo na literatura, e iso foi terrible.

Cervantes e o Quixote

—Incluso Cervantes incluíu na primeira versión do Quixote algún referente negativo contra os galegos, que finalmente tivo que retirar porque tiña como mecenas ao Conde de Lemos. Isto é así?

—No 1605, nesa primeira versión, aparecían uns arrieiros galegos que eran un pouco salvaxes, violentos…, e o conde de Lemos, como o seu mecenas, mandoullo retirar da obra. Moitas veces dicíase que os nobres galegos saían de Galicia e que se integraban rapidamente, e non foi así. Calquera persoa que lea ao Conde de Gondomar, ou que lea ao sétimo Conde de Lemos, verá que eran conscientes de que as súas familias estaban desterradas, pero que se sentían profundamente galegos.

—Para rematar, na fala coloquial pensa que segue sobrevivindo esta galaicofobia que nos chegou durante tantos séculos?

—Absolutamemte. Les cousas de hai 400 anos que se replican a día de hoxe. Hai uns meses estaba analizando algunhas obras do século XVI e da imaxe de Galicia nalgúns autores casteláns, e atopei a idea da Galicia profunda que creo que se mantén hoxe. Hai pouco, no concurso Masterchef, houbo moita polémica polo tema do acento galego. Xa no século XVIII, o Padre Sarmiento preguntábase, habendo tantos acentos ao longo de toda península ibérica, como podía ser que o único acento que lle facía tanta graza aos casteláns era o galego. Vén de moi atrás imitar a fala como un recurso burlesco. No século XIX houbo asasinatos de galegos en Madrid que están documentados por racismo. A día de hoxe está moi suavizado, pero quedan cousas, como cando queda algo no prato, o da vergonza do galego, cando isto era porque os galegos tiñan a educación de deixar algo no prato, e a esta cortesía déronlle unha volta para que fose denigrante. Agora mesmo a galaicofobia está amornada, pero se pode reactivar en calquera momento, porque pasa moitas veces con este tipo de sentimentos.


Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, SpreakerSpotifyiHeartDeezer e Podchaser.


BRR1. Un reino agochado
BRR2.Vellos líderes de tribo
BRR3. Raíña despois de morta
BRR4. Unha galega de best seller
BBR5. Galicia, primeira revolución europea
BRR6. Eran os mosteiros os paraísos fiscais da época?
BRR7. Da vella Gallaecia á nova Galicia
BRR8. Galicia e Portugal, unha historia común
BRR9. Fortificacións en réplica
BRR10. A lírica trovadoresca galega
BRR11 .De cando se escibía so en galego
BRR12. Doma e castración do galego.


O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022