

“As mulleres estiveron detrás de moitos trobadores e mecenados”

Por Víctor López
A partir do ano 1100 comezou a estenderse por Europa un fenómeno que supuxo unha verdadeira innovación cultural: a lírica trobadoresca, que ten as características de ser de carácter culto, de tema profano, estar composta en lingua vulgar e ser obra de autores que teñan interese en conservar o seu nome. As composicións combinaban harmoniosamente texto e melodía, porque estaban deseñadas para ser cantadas; e, salvo no xénero satírico, as melodías trataban de ser, na medida do posible, orixinais.
En Galicia, a aristocracia do reino de Galicia-León é o núcleo aglutinador das primeiras xeracións de trobadores, que compuxeron cara á década de 1170.
De todas as liñas de investigación de Mercedes Brea López (A Estrada, 1950), catedrática de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela, destaca a literatura románica medieval. Foi a coordinadora do programa de mestría e doutoramento en estudos medievais, ademais de dirixir numerosos proxectos de investigación do Plan Nacional.
—Cando falamos de lírica trobadoresca galega, de que época data?
—Os anos están delimitados entre o 1170 e o 1350, que é o ano no que o Conde Pedro de Barcelos, probablemente un dos últimos grandes trobadores, redacta o seu testamento e doa un Libro de Cantigas ao seu sobriño Alfonso XI de Castela.
—De cantas composicións, de cantos trobadores estamos a falar en canto á produción conservada?
—Poderiamos falar dunhas 1.700 composicións conservadas, das que aproximadamente corresponden a uns 155 nomes de trobadores. Temos catro ou cinco nomes de trobadores máis, pero o que acontece é que non temos textos, porque aínda que si aparecían copiados no Cancioneiro da Biblioteca Nacional en Lisboa, perdéronse os folios. Si se conserva o índice, e por iso coñecemos os seus nomes.
—E de que xéneros falamos?
—Os xéneros fundamentais son os de amor, amigo e escarnio e maldizer, que é como veñen estruturados nos propios cancioneiros. Logo hai textos dos que temos moi poucos exemplares, como algún pranto, os lais de Bretaña e algún máis, pero con pouca representación. Son interesantes, aínda que non teñen un apartado específico nos cancioneiros, as tenzóns. Trátase dun xénero dialogado no que interveñen dous trobadores, temos máis de trinta conservadas. Algúns detes textos teñen moitísimo interese.

—A través de que testemuños coñecemos esta produción? O Pergamiño Vindel é o documento máis destacado en canto a estes testemuños?
—O Pergamiño Vindel pode ser o documento máis antigo que conservamos. Sen dúbida é da segunda metade do século XIII, pero pode ser anterior ao Cancioneiro de Ajuda, que está datado a finais dese século. Ademais, o Pergamiño Vindel é, moi probablemente, un resto de como circularían os textos trobadorescos antes de que recompilasen en cancioneiros. É un bifolio que só ten escrita a parte interna, pero que ten anotacións musicais, e conserva o nome de Martín Códax. Ten sete cantigas de amigo e só unha carece de música, as demais si a inclúen. Despois estaría o Cancioneiro de Ajuda, onde hai unhas trescentas cantigas de amor, pero do que seguimos sen saber onde foi elaborado e por encargo de quen. O único que podemos asegurar é que quedou inacabado. Non se chegaron a facer as anotacións musicais nin contén nomes. Cara a mediados do século XIV apareceu outro documento, que se atopou na Torre do Tombo en Lisboa, que tamén contén música e que leva o nome de Don Dinís. Coñecemos as cantigas en xeral grazas a dúas copias do Libro di Portuguesi, que aparecen no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal e o da Biblioteca Vaticana, e ademais en ambas están dixitilizados.
“Coñecemos as cantigas en xeral grazas a dúas copias do Libro di Portuguesi, que aparecen no Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal e o da Biblioteca Vaticana”
Mercedes Brea López, catedrática de Filoloxía Románica
—Era Santiago de Compostela no 1170 un lugar de gran produción lírica?
-Case todo o século XII é unha época de grande esplendor para Santiago. Non só se estaba rematando a Catedral, é a época onde tivemos reis que pasaron á historia como reis de Galicia e León, sentíanse reis de Galicia. Digo isto porque, aínda que non morreron en Galicia, deixaron o seu desexo de ser soterrados no Panteón Real de Santiago, e xa existía o de San Isidro de León. Nesa época hai unha familia nobre galega que influíu notablemente na educación dos reis, que é a familia Traba. Foron as mulleres as que estiveron detrás de moitos trobadores e dos mecenados, as mulleres desa familia Traba.
Importancia das mulleres
—Falaba da importancia das mulleres no mecenado dos trobadores, pero do que nos chegou aquí, os que compoñían eran homes, cando si hai mulleres na lírica trobadoresca occitana. Na galega non hai constancia delo?
—Non podemos asegurar que non houbese mulleres que non compuxesen, pero non nos chegaron. Podería existir algunha muller que estivese tras o nome dun home, pero tendo en conta como se desenvolvía esta lírica e os precedentes occitanos, onde si hai constancia e coñecemos quen foron esas mulleres, se algunha muller na Península Ibérica tivese composto algún texto dos que chegaron a nós, terían posto o seu nome. A única dúbida que si teño é que hai que ter en conta que falamos de ambientes cultos e aristocráticos, e que habendo mulleres con suficiente cultura como para compoñer elas, polas razóns que sexa, non chegaron a nós.

—A nosa produción lírica como nace? Xa tiñamos trobadores aquí ou vén do contacto con trobadores chegados de fóra?
—Algúns musicólogos atopan unha certa afinidade entre as estruturas das cantigas de amigo e algúns cantos adicados a Santiago dos que se conservan no Liber Sancti Jacobi. É posible que existisen xa cantigas de amigo en lingua vulgar. O que é seguro é que existía unha lírica tradicional en lingua vulgar, que era sobre todo canción de muller, e que estaba repartida por toda Europa. Os nosos trobadores entraron en contacto cos trobadores occitanos moi cedo, porque sabemos da presencia de trobadores occitanos nas cortes de Galicia e León na primeira metade do século XII. Cando se analizan as primeiras composicións dos trobadores galego-portugueses atópanse bastantes semellanzas cos occitanos, e logo sucedeu que outros estaban a compoñer en galego lonxe de aquí a finais do século XII. Hai que ter en conta que o groso da nosa produción é do século XIII.
“As cantigas comezan a minguar a mediados do XIV, pero non foi un corte brusco, houbo un cambio de gustos. A actividade lírica non desapareceu nunca”
—No século XII falamos dunha lírica galego-portuguesa ou dunha lírica específica galega?
—Entre o Miño e o Douro as diferenzas lingüísticas eran mínimas. Os autores das cantigas de amigo son maioritariamente galegos, aínda que eu prefiro falar de lírica galego-portuguesa dunha maneira convencional. Por unha parte, porque hai algúns que eran portugueses, e outros galegos, e por outra, pola circunstancias da tradicional escrita. Se só tivésemos o Pergamiño Vindel e o Cancioneiro de Ajuda, eu diría que iso é galego, porque a lingua que se ve neses documentos é a mesma que se atopa nas cantigas de Santa María. Pero como a maior parte da nosa produción é copia dun Libro di Portuguesi, composto na maior parte na corte de Don Dinís ou na do seu fillo, ese libro leva a cabo unha reorganización lingüística que está tratando de levar adiante Don Dinís para a lingua portuguesa. Está tratando de normativizar a lingua portuguesa e hai unha serie de cambios en formas verbais e a nivel morfolóxico. Trátase dun cambio consciente e non se debe a problemas de copistas. Isto responde a unha planificación.
—Como foron perdendo a súa actividade, cando van desaparecendo das nosas cortes?
—Van desaparecendo, no caso de Portugal, a partir de Don Dinís, e no caso galego, desde a época de Sancho IV. Comeza a minguar desde mediados do século XIV. Non foi un corte brusco, houbo un cambio de gustos. A actividade lírica non desapareceu nunca. Houbo unha evolución nos cancioneiros que aparecen no século XV e XVI, pero que xa se diferenzan dos cancioneiros medievais. Os que tiñan o poder económico para coleccionar textos poémicos perderon eses intereses.
Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, Spreaker, Spotify, iHeart, Deezer e Podchaser.
O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022


