Cando o Camiño converteu Santiago no centro de Europa
Por Víctor López
Existe un feito inicial causante do fenómeno Xacobeo, a inventio dos restos do Apóstolo Santiago, xerado na crédula mentalidade relixiosa da época. Trátase dun momento crucial para a historia do antigo Reino de Galicia. Este feito será determinante na historia da cidade de Santiago de Compostela, que se converteu nun centro cultural e económico europeo.
As súas consecuencias da inventio —descubrimento— deixarán pegadas que hoxe seguen presentes na historia de Europa. Aínda que con controversias. A primeria, acerca do ano deste fito histórico. Hai quen o situaba no 813 para que a historia do descubrimento coincidise co relato do Códice Calixtino, onde a Carlomagno se lle apareceu o Apóstolo Santiago en soños. Pero esa data non se pode dar por boa despois do infinitos estudos realizados.
Non está claro en que ano se pode situar, pero o 813 semella enfocado a facer cadrar as datas co que aparece no Códice Calixtino, é a versión feita desde o imperio franco, na que se trata de dar protagonismo a Carlomagno. “Pero se Carlomagno morre de vello no 814, por moito que se force, sería difícil que no 813 estivese non só peregrinando, senón tamén loitando en Hispania contra os mouros. Os últimos estudos propoñen unha data un par de decenios máis tarde, sobre a década do 830”, asegura Anselmo López Carreira, doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela.
A versión que sitúa o descubrimento no ano 813 semella enfocada a facer cadrar as datas co que aparece no Códice Calixtino
A intencionalidade que tivo esta inventio da tumba do Apóstolo, o que perseguía e o que conseguiu, é algo que convén discutir en profundidade. Dá a sensación de que o que hai detrás de todo é a política hexemonista do imperio franco. Máis que o combate contra o mundo musulmán, como se ten enfatizado, como se fose unha cruzada ou unha guerra de relixión, o que existe é unha controversia entre dous poderes hexemónicos na Europa occidental: o imperio franco e o emirato de Córdoba.
Non se pode separar a inventio, o descubrimento, do movemento relixioso que vai contra unha herexía da que se acusa á Igrexa de Toledo, que era a que gozaba dunha situación de preeminencia en toda a península. “O problema é que a Igrexa de Toledo estaba situada en territorio andalusí e era proclive a un entendemento co emirato cordobés, por iso van acusala de herexía adopcionista. Esta ruptura coa Igrexa toledana vai traer como consecuencia a creación dunha Igrexa nacional en Galicia, que está claramente influenciada ou dirixida desde a Francia de Carlomagno”, argumenta o comisario científico do Primeiro Congreso Internacioal sobre o Reino Medieval de Galicia.
“A ruptura coa Igrexa toledana trae a Galicia unha Igrexa nacional influenciada pola Francia de Carlomagno”
Anselmo López Carreira, doutor en Historia pola USC
Influencia francesa
A Igrexa dá por boa a descuberta da tumba do Apóstolo porque os lazos de Roma coa Francia carolinxia e coa postcarolinxia son moi estreitos, polo que a influencia francesa sobre Galicia vai continuar tamén nos séculos posteriores. E vai dalo por bo tamén porque se trata dunha Igrexa ortodoxa, non ten nada que ver cos musulmáns, é unha Igrexa máis apostólica. A segunda figura do mundo cristián, que é un apóstolo de Cristo, vai estar en Santiago, mentres que a outra, San Pedro, está en Roma. “Se están aí os restos de Santiago ou os de San Pedro en Roma…, é algo que non parece verosímil. Os restos de santos durante a Idade Media proliferaron por todas partes, e na maioría dos casos eran invencións. É moi difícil que un personaxe como Santiago, que é martirizado en Palestina no ano 44 e cuxa pegada desaparece posteriormente, apareza de súpeto no século IX en Galicia. Francamente é difícil crer nisto”, afirma Anselmo López.
“Se están aí os restos de Santiago ou os de San Pedro en Roma… É algo que non parece verosímil”
A partir deste feito configúrase a peregrinación como unha manifestación esencialmente relixiosa, ramificada posteriormente a unha complexa rede de causalidades e influencias que se estenden á literatura, á arte, á cultura, ao comercio, ás relacións políticas e xurídicas e á case totalidade das actividades sociais da época. Aparece así o Camiño de Santiago, dotado de Estatutos propios, e as organizacións asistenciais e policiais autónomas. Todo iso favoreceu esas influencias colaterais e impulsou un frutífero intercambio entre as diferentes rexións europeas, precisamente no momento en que se poñía en marcha unha recomposición do fragmentado espazo de occidente.
A conexión galega con Carlomagno
A corte de Carlomagno e os seus sucesores tiveron conexións coa Gallaecia, pero tamén os monarcas que van emerxendo naquela época, tanto en Asturias como na Galicia actual, que se foron presentando como reis. Fundamentalmente Afonso II, chamado o Casto, que tivo relación directa co mundo franco. “Sabemos que había misivas que ían e viñan de Galica á corte franca, pero tamén de Galicia á propia sede apostólica, a Roma. Hai un contacto moi estreito entre estes poderes, o hexemónico franco, o ideolóxico da Igrexa, e o poder local destes novos monarcas. Esta situación vai levar a un triunfo do poder hexemónico franco sobre o andalusí, aínda que logo o andalusí recupera a súa hexemonía”, destaca o historiador galego. Posteriormente o mundo franco entrou en crise, diluiuse o imperio e produciuse unha caída desa influencia sobre Galicia, que vai coincidir, no século X, co momento álxido do poder califal cordobés. No século XI disolveuse o califato, e a partir de aí en Galicia vólvese sentir a hexemonía francesa.
“Cando Carlomagno chega ao cumio do seu poder é cando resulta nomeado sucesor dos emperadores romanos no ano 800. Nese momento aínda o mundo andalusí non tiña todo o poder sobre a península, e iso é o que aproveitan para facer de Santiago un centro da cristiandade. Cando o imperio franco entra en decadencia e se disolve o imperio entre os seus sucesores, vaise dividir en varios espazos de poder, e aumenta o poder califal. Aí veremos unha influencia andalusí tremenda sobre Galicia. A partir do século XI teremos unha gran ofensiva do poder feudal europeo, de novo patrocinado polo Papa e pola coroa francesa”, argumenta Anselmo López.
O Camiño francés
Galicia, grazas ao Camiño francés, vai ter relación con toda a Europa occidental. Esta ruta tivo moito que ver coa formación de Galicia. Outros camiños, como os marítimos, tamén conectarán coa franxa atlántica europea, e incluso o camiño polo sur que leva ata Al-Andalus pola vía da prata, así como outras vías, van provocar que a atracción sexa infinita.
“Hai quen di que Europa tamén se foi facendo sobre o Camiño, pode ser algo esaxerado, pero é indudable que a importancia é grande. Sempre se di que Galicia é un territorio marxinal e excéntrico, pero naquel momento non o era. O Camiño fixo que Galicia estivese no centro. Santiago converteuse en centro cultural e mesmo económico de Europa na plena idade media. Cando se constrúe a Catedral de Santiago, constitúe o monumento máis grande da Europa latina, e hoxe segue sendo en importancia histórica e cultural, unha das grandes cidades europeas”, conclúe.