“A prosa medieval galega é a irmá pobre da lírica”

Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade, o Boo.

Por Víctor López

Durante moito tempo foi unha constante no traballo ao redor da literatura galega medieval, dar moita menos importancia ao conxunto da produción en prosa. Non cabe dúbida de que onde a nosa literatura se prestixiou foi no ámbito da literatura trobadoresca. En boa medida, esta brillantez, o esplendor alcanzado polos versos trobadorescos, marxinaron á prosa. Así e todo, a prosa medieval galega é digna de atención.

Por suposto, merece valor cando se utilizan e aplican criterios lingüísticos, arqueolóxicos, ou mesmo outros de carácter histórico-político, por máis que no campo literario constitúa un espazo menor en relación ao da lírica. En definitiva, a presenza da materia de Troia, a materia de Bretaña… dan boa medida das interrelacións entre Galicia e toda Europa. É necesario, en definitiva, ordenar e analizar a situación na que se desenvolveu este proceso, por moito que, para expresalo, os resultados concretos non sexan —polo menos, en aparencia— tan vistosos como os do espazo das cantigas.

Podemos falar dun momento no que en boa parte da península se escribía maioritariamente en galego-portugués como idioma culto, sobre todo se nos referimos á lírica con respecto á prosa. Na área oriental, o que vén sendo hoxe Catalunya, e no reino de Navarra, a lingua lírica foi durante moito tempo provenzal, pero o galego-portugués dominaba no centro e o occidente da península, onde era o idioma decisivo. No aspecto da produción en prosa, era máis igualitaria nas tres grandes áreas da península, salvo no territorio vasco, onde se empregaba o euskera.

Literario e non ficción

Na parte de non ficción hai catalogados uns 65.000 documentos, o que supón unha cifra importante. Trátase de temática de carácter xurídico e notarial fundamentalmente. En canto á prosa literaria, habería que distinguir entre os textos de carácter historiográfico e os textos estritamente ficcionais, aínda que cos ollos de hoxe, a prosa historiográfica pode ser lida tamén como prosa ficcional. Segundo o doutor en Filoloxía Xosé Ramón Pena, “os textos medievais poden parecer inaccesibles ou cun xeito de narrar que pode producir certo rexeitamento. Sen embargo, se profundizas no texto, sorprenden agradablemente ao lector actual e atopas cousas moi divertidas, porque ademais a mentalidade medieval era unha mentalidade máxica”. 

“Os textos medievais poden parecer inaccesibles, pero se profundizas atopas cousas moi divertidas, a mentalidade medieval era unha mentalidade máxica”

Xosé Ramón Pena, doutor en Filoloxía

Non son moitos os textos que nos chegaron deste carácter. Temos un par deles da chamada materia de Troia que relatan acontecementos da guerra de Troia, é dicir, acerca da historia e da crónica troiana. Na novela artúrica ou de bretaña, os feitos que se relatan suceden na Gran Bretaña ou na Bretaña francesa. Que sexan escritos ao norte do Miño, contamos con apenas dous fragmentos do libro de Tristán, pero si ampliamos ao sur do Miño, si que hai un gran avance, porque atopamos unha versión do José de Arimatea, onde se nos explica a orixe do Santo Grial.

Tamén temos textos fragmentarios da vida do mago Merlín, e a parte máis bonita, que é a da procura do Santo Grial. Contamos ademais cos milagres de Santiago, na súa maioría trátase dunha tradución do Códice Calixtino, pero tamén inclúen episodios como o das aventuras de Carlomagno en España, como a historia turpini, onde atopamos a primeira guía turística que coñecemos de Santiago de Compostela, o que nos permite viaxar a través do tempo e que nos da unha visión fidedigna de como era a capital galega.

Libro de milagres dedicado á vida do fundador de Celanova, Rosendo Gutérrez, máis coñecido como San Rosendo.

Xosé Ramón Pena, catedrático de lingua e literatura galega, insiste nesa condición da prosa como a parente pobre da lírica. “A xoia da nosa literatura medieval é a literatura trobadoresca. A prosa medieval galega é a irmá pobre da lírica, diso non cabe dúbida. Cos textos que conservamos podemos demostrar dúas cousas; por unha parte, que o galego ía camiño dunha normalización social nesa etapa, iso nótase tanto na prosa de carácter literario como na xurídica; e por outra banda, na prosa de carácter literario, o que se pon de manifesto é que o que se escribe aquí, o que conservamos deses momentos, está en perfecta liña coa literatura de ficción que se estaba realizando nos lugares máis adiantados desa época en Europa”.

“Os textos que conservamos demostran que o galego ía camiño dunha normalización social é que o que se escribe aquí está en perfecta liña coa mellor literatura de ficción de Europa”.

Brillantez lírica

Aos ollos de hoxe, a prosa non tiña a brillantez da lírica, porque a prosa de ficción estaba a nacer aínda en todas partes. Os autores de prosa en galego estaban ao día do que se escribía noutros lugares de Europa, o que demostra que había unha relación fluída, incluso tendo en conta os condicionantes sociais e de comunicación. O que nós conservamos son versións ou traducións. Non hai orixinalidade, que se rexistra no ámbito trobadoresco, pero “o que nós entendemos como orixinalidade, non ten nada que ver co que na Idade Media era orixinal. Ata o Romanticismo non se vai ter esa idea como a que temos na actualidade. Para o público da época non había a dicotomía que temos nós. A novela artúrica, ou a clásica, co ciclo troiano, era o que estaba triunfando en toda Europa occidental”, concreta o escritor betanceiro.

Igual que sucedeu no ámbito da lírica, o papel dos mecenas foi definitivo. Poderíase facer unha historia da literatura alternativa falando só dos mecenados. No da prosa de carácter axiográfico, o mecenado foi de carácter eclesiástico, e foi fundamental a sé de Compostela; mentres que no caso da prosa ficcional, ese mecenado foi levado adiante por casas da nobreza, como a Casa de Andrade. Sabemos que a crónica troiana de Fernán Martís foi propiciada polo mecenado de Fernán Pérez de Andrade, o Boo. A Crónica troiana é unha obra literaria medieval escrita en galego-portugués. Encádrase dentro do ciclo troiano, un dos ciclos narrativos con máis éxito na literatura medieval. A súa fonte orixinaria sería o Roman de Troie, escrito en francés por Benoît de Sainte-Maure. A súa versión galega consérvase nun manuscrito de 1373.

Exemplar dos milagres de Santiago.

Houbo un momento no que se estivo a piques de configurar unhas normas lingüísticas únicas que servisen para todo o cadrante noroccidental. A lingua de prestixio dentro do reino de León era o galego. Isto explica por que non se desenvolveu unha literatura escrita en astur-leonés. Na historiografía española teñen suxerido que se debía a que León quedaba incorporada no reino de Castela, pero en realidade se debe a que na corte galego-leonesa a cultura de prestixio en romance era en galego. Existen documentos de carácter xurídico en galego-leonés que dan mostras de que se ía polo camiño desa normativa única.

“A lingua de prestixio dentro do reino de León era o galego. Isto explica por que non se desenvolveu unha literatura escrita en astur-leonés”

Podemos facer unha distinción entre os romances galegos e portugueses destes séculos, a finais da Idade Media, pero ten que ver con prexuízos de carácter filolóxico ou político-filolóxico. “Non entendo que se trate dunha unidade sen fisuras, pero realmente o que hai entre o norte e o sur do Miño son variantes diatópicas. Non se escribe exactamente igual en ámbalas partes, pero está claro que hai un contínuum lingüístico e que as diferenzas que existen son moi pequenas. Fóra das nosas fronteiras non vían esa diferenciación. Non entendo que continuemos nunha disputa na que as árbores impiden ver o bosque”, conclúe o especialista en literatura medieval.  


Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, SpreakerSpotifyiHeartDeezer e Podchaser.


BRR1. Un reino agochado
BRR2.Vellos líderes de tribo
BRR3. Raíña despois de morta
BRR4. Unha galega de best seller
BBR5. Galicia, primeira revolución europea
BRR6. Eran os mosteiros os paraísos fiscais da época?
BRR7. Da vella Gallaecia á nova Galicia
BRR8. Galicia e Portugal, unha historia común
BRR9. Fortificacións en réplica
BRR10. A lírica trovadoresca galega
BRR11. De cando só se escribía en galego

O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022