Ao compás da Galicia medieval

Resonet, en San Domingos de Bonaval.

Por María Piñeiro

Os sons de cítolas, frautas e salterios resoaron unha vez máis en Compostela a finais de setembro, co gallo do primeiro Congreso Internacional do Reino Medieval de Galicia. Na Igrexa de San Domingos de Bonaval, o grupo Resonet ensaia horas antes dun concerto ao que van asistir expertos, curiosos e apaixonados pola música antiga. Fernando Reyes, director do grupo desde a súa fundación no ano 1990 na capital galega, fala co resto dos músicos e cos intérpretes, dá indicacións mentres toca e recorre boa parte do recinto á procura do mellor son. Porque para Reyes, cada ensaio, cada concerto, é un exercicio práctico e de investigación. 

Publicidade

A época de esplendor da música en Santiago de Compostela coincide coa do Reino de Galicia, sobre todo a partir do século XII cando o Códice Calixtino, o documento máis importante da peregrinación xacobea, inclúe, por primeira vez, nas súas páxinas, un elemento que mudará para sempre a música occidental. Para o director de Resonet, que pasou parte da súa infancia na Escolanía da Catedral de Santiago, non hai nada máis vangardista na música que a aparición da polifonía.

“A Igrexa e a nobreza rompen unha dinámica secular anterior que era a monodia e apostan por algo que, como o cambio do románico ao gótico, ofrecía unhas posibilidades inmensas e que terá froitos marabillosos. Aquí falamos das obras de Stravinsky, das óperas de Haendel, das de Verdi e moitos outros. Todos os compositores europeos coñecidos, todos, basean a súa obra nun elemento principal que é a polifonía e iso nace en Santiago de Compostela. O Códice é importantísimo porque xera unha nova tradición. Sen polifonía, non existirían nin Bach nin Mozart”, afirma.

Publicidade

Instrumento de comunicación por excelencia

A importancia da música na Galicia medieval crece coa expansión da Igrexa Católica. Unha organización relixiosa pero tamén política que fundamenta parte da súa acción na música, “ese elemento inexplicable que pode convencer a millóns de persoas de algo, dunha mensaxe ou dun sinal de identidade”, asegura Reyes. 

No Códice Calixtino tamén se relata como era a realidade musical en Compostela, sobre todo cando os peregrinos chegaban desde toda Europa á Catedral e o único xeito de comunicarse era facendo música no espazo que se lles reservaba diante mesmo do altar, “día e noite, desde o fondo do seu ser, nas súas linguas”, explica o laudista de Resonet.

A importancia da música na Galicia medieval crece coa expansión da Igrexa Católica, organización relixiosa e política que fundamenta parte da súa acción na música

Pero outra obra musical e literaria excepcional marcará na segunda metade do século XIII outro dos grandes momentos da música medieval europea e occidental. Nos libros das Cantigas de Santa María de Alfonso X, rei de Castela educado na súa infancia en Galicia, aparecen máis de catrocentas composicións.

O grupo Resonet.

“A música era un recurso para comunicar á humanidade, sobre todo o refinamento resultante de chamar aos mellores músicos do mundo. Alfonso X para facer as cantigas chama aos mellores músicos de Galicia, aos mellores trobadores, tamén aos de Francia, Iraq e o norte de África. Xúntaos a todos para facer música en galego”, subliña Fernando Reyes.

Marabillado pola perfección e a emoción que transmiten os instrumentos do Pórtico da Gloria, o director do grupo de música antiga lémbranos a consagración da catedral en 1211, en pleno auxe da peregrinación a Compostela. Un evento solemne no que a música xogou un papel esencial como no recente funeral de Isabel II de Inglaterra, asegura Reyes facendo un paralelo, onde os sentimentos foron transmitidos a través da música que, xunto coa palabra, foi o elemento principal. 

“Alfonso X para facer as cantigas chama aos mellores músicos de Galicia, Francia, Iraq eou norte de África. Xúntaos para facer música en galego”

Fernando Reyes, director de Resonet

Fernando Reyes.

Un privilexio ao alcance de todos

As cantigas falan dos milagres de Santiago pero tamén das relacións políticas. Hai pezas descritivas, outras son máis íntimas e a forma de interpretalas podía ser teatral ou solemne para as procesións. Creatividade, rigor e diversidade son algunhas das características da música do antigo reino pola temática pero tamén a nivel social. “Santiago é o único lugar da historia occidental onde se xuntaban as capelas de reis e as persoas do pobo, as persoas máis humildes, as do pobo máis baixo. Xuntábanse no mesmo lugar para compartir un espazo de música. Ese lugar diante do altar é o crisol da música occidental. Algo hoxe inimaxinable e irrepetible”, lamenta.

Música e danza, indisociables

As cantigas interpretábanse, cantábanse e tamén se bailaban. Loli Fojón é profesora de danza en Santiago de Compostela e a súa paixón polas danzas históricas é ben coñecida. A súa curiosidade por todo tipo de baile levouna a investigar en varias ocasións sobre a danza na Idade Media, un período sobre o que se ten pouca información como acontece en xeral con toda a disciplina, explícanos Fojón. Hai unha década organizou na cidade un festival onde o elemento central foi o primeiro tratado de danza escrita, o chamado “Thoinot Arbeau”, polo nome do seu autor, un sacerdote do leste de Francia. Un libro do século XVI en forma de diálogo entre o mestre e o seu alumno Capriol, co que todo o mundo podía aprender e exercer a danza.

Loli Fojón con vestido medieval inspirado no Códice Calixtino

A música e a danza estaban estreitamente vinculadas na Idade Media, “naquel tempo eran a mesma cousa”, sospeita con seguridade Fojón. Prohibida moitas veces pero tamén coidada pola Igrexa, a danza estaba presente sobre todo na rúa. De feito, o lugar onde conversamos hoxe coa profesora e directora da súa propia escola en Compostela, non é casualidade. O ano pasado, as beiras do Sarela, preto da Capela do Carme de Abaixo, foron escenario dunha das actividades dun proxecto de danza antiga. Alí, nos lavadoiros, bailábanse branles, a forma máis antiga de danza. Levaban os nomes dos diferentes oficios e eran moi sinxelos: dous pasos á esquerda e dous á dereita, máis ou menos adornados. 

“A música e a danza estaban estreitamente vinculadas na Idade Media, naquel tempo eran a mesma cousa”

Loli Fojón, especialista e profesora de danza

“Aquí decidimos mostrar o branle das lavandeiras que frecuentaban o lugar. Facían os pasos coincidindo co xesto de golpear as teas, retorcelas e sacudilas. Foi recollido así e tamén temos coñecemento, por exemplo, do branle dos chícharos que dando un salto homes e mulleres imitaban a saída da vaina, ou o branle do sacerdote que recolle as mans e baixa a cabeza. Todo isto practicábase claramente moito antes de que Arbeau escribise o seu tratado”, explica Fojón.

As danzas mouriscas con máscaras, as macabras ou da morte nos tempos da peste negra, as procesións da igrexa co bispo como rexedor, as dos banquetes nos palacios ou as das vendimas, nas danzas da Idade Media participaban homes e mulleres case por igual. 

Un patrimonio que debemos coidar

Tanto Fernando Reyes como Loli Fojón defenden a investigación da música e da danza medievais nas universidades ou centros especializados de Galicia e alertan do risco da situación de fraxilidade na que se pode atopar este patrimonio se non se estuda con rigor, agarimo e profesionalidade. 

E mentres a profesora de danza insiste na necesidade de incluír a danza histórica nos conservatorios, Reyes advirte dos perigos de esquecer o tempo no que a Galicia medieval marcaba o ritmo en Europa. “É unha pena que hoxe en día habendo máis de dúas mil cantigas, aínda non se estean estudando a nivel musical, dunha forma institucional. En Galicia non hai hoxe ningún centro no que se estuden e as cantigas están feitas para ser cantadas. Non podemos imaxinar que dentro de cinco séculos a xente só estude as letras dos Beatles. Co traballo dos trobadores debería ser igual”, asegura sorrindo o laudista do grupo Resonet.


Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, SpreakerSpotifyiHeartDeezer e Podchaser.


BRR1. Un reino agochado
BRR2.Vellos líderes de tribo
BRR3. Raíña despois de morta
BRR4. Unha galega de best seller
BBR5. Galicia, primeira revolución europea
BBR5. Galicia, primeira revolución europea
BRR6. Eran os mosteiros os paraísos fiscais da época?
BRR7. Da vella Gallaecia á nova Galicia
BRR8. Galicia e Portugal, unha historia común
BRR9. Fortificacións en réplica

O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022