

Á procura do escudo do Reino de Galicia

Por María Piñeiro
Para Héitor Picallo os armoriais europeos non teñen segredos. O investigador de textos antigos e medievais, orixinal de Cuntis, leva máis dunha década aproveitando as súas viaxes por Europa para identificar elementos distintivos de Galicia. No centro da súa atención atópase o escudo do antigo reino para entender cal é a súa orixe e a súa evolución.
Esta viaxe con Picallo comeza na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, a onde chega ollando cara á fachada do Hospital dos Reis Católicos. Alí podemos ver dous anxos termando dun emblema, posiblemente heráldico, composto por un cáliz coa hostia sagrada. “Temos que andar con cautela porque alén de ser os símbolos propiamente de Galicia, pode ter neste caso unha vinculación exclusivamente eclesiástica. É, polo tanto, desas armerías un tanto confusas como pasa na Catedral de Lugo e outros lugares”, asegura.
Símbolo de Galicia
A só uns metros do Obradoiro, na rúa de Fonseca, nunha das esquinas da catedral, o estudoso da simboloxía galega móstranos un escudo de España que aproveita a fisionomía das fachadas e onde aparecen as armas de Castela, León, Granada na parte inferior e, no centro, unha custodia coa hostia sagrada simbolizando a Galicia. “É un dos poucos testemuños pétreos que temos hoxe e un dos elementos máis bonitos dentro da heráldica compostelá vinculada co escudo de Galicia”, subliña o investigador.

As diferentes remodelacións arquitectónicas que se fixeron ao longo de tempo, tanto en Compostela como nas outras cidades galegas, empregaron as estéticas imperantes en cada momento e a simboloxía foise perdendo. “O Panteón Real na catedral de Santiago, por exemplo, foi remodelado no século XVI e trasladado dentro do recinto cara onde se encontra hoxe. Iso supuxo trasladar non só as sepulturas senón tamén elementos iconográficos que decorarían os propios monumentos e que foron substituídos por outros máis contemporáneos, máis modernos”, explica Picallo.
As diferentes remodelacións arquitectónicas empregaron as estéticas imperantes ea simboloxía foise perdendo
Nacemento da heráldica
A heráldica nace entre finais do século XI e principios do S XII na zona comprendida entre o Rin e o Loira, é dicir, nas terras hoxe, por exemplo, de Normandía e Bretaña e incluso o sur de Inglaterra ata Londres. Os cabaleiros que levaban ao combate unha protección nasal de ferro, non podían ser recoñecidos e tentaban identificarse con cores ou símbolos para saber quen era de cada bando. Paulatinamente e xa por todo o continente, aristócratas, nobres eclesiásticos e gremios de traballadores fixeron o mesmo e, como se dunha tarxeta de visita se tratase, do escudo metálico, os emblemas pasaron tamén ás teas das vestimentas e a soportes pétreos.
A primeira representación do brasón do Reino de Galicia que se coñece ata hoxe, aparece nunha copia facsimilar do rolo de armas inglés Segar’s Roll do ano 1282 onde se inclúen máis de douscentos escudos heráldicos europeos e, entre eles, o do Reino de Galicia. Consérvanse catro copias e unha delas, por exemplo, pódese consultar na British Library de Londres.
A primeira representación do brasón do Reino de Galicia que se coñece ata hoxe, aparece nunha copia facsimilar do rolo de armas inglés Segar’s Roll do ano 1282
“O que vemos nese emblema é un escudo en campo de azul con tres copas ou cálices ben ordenados, dous enriba e un embaixo en punta. Esa é a primeira representación. Non ten ningún tipo de elemento decorativo, no campo só aparecen eses tres cálices. Non hai cruces e polo tanto non podemos dicir que esa simboloxía teña que ver cun cáliz eucarístico senón que é a copa dun nobre ou a copa dun rei. Noutro libro de armerías, tamén unha copia do século XV pero redactado en picardo dous séculos antes, dise que o escudo do rei de Galicia era unha copa de ouro nun campo azul pero cuberta, ou sexa, con tapa. Tampouco se indica nada de que teña atributos eclesiásticos, é dicir, as cruces. Estes son os dous documentos que nos dan constancia de que Galicia xa tiña un emblema no arranque da Baixa Idade Media”, afirma Héitor Picallo.
Durante o século outros brasóns de Galicia circularon por Europa. É o caso da Torre de Hércules que describe o rei de armas e cronista dos Reis Católicos, o betanceiro Pedro de Gracia Dei, no seu libro Grandes insignias del universo como símbolo do antigo reino. Unhas décadas antes, nas crónicas do Concilio de Constanza, na zona xermánica, aparece o escudo do Reino de Galicia representado esta vez cunhas barras verticais combinadas de azul e ouro. “Algúns heraldistas indican que pode ter que ver co feito de que Galicia tamén tivo reis borgoñóns. O emblema da Borgoña é xustamente barras combinadas de ouro e azul. Raimundo de Borgoña foi o proxenitor de Alfonso VII que naceu en Caldas de Reis e foi coroado na catedral de Compostela chegando a ser emperador”, precisa Picallo, que tamén é escritor ademais dun excelente ilustrador.

A escasa difusión destes emblemas, o faro brigantino nos libros de armas portugueses que se conservan na Torre do Tombo en Lisboa e o escudo das barras azul e ouro polos Países Baixos e Alemaña nos libros do concilio, permitiu quizais que o cáliz se establecese como o emblema definitivo do Reino de Galicia.
Relixión e literatura no mesmo escudo
Menos de dous séculos despois da súa primeira representación no Segar´s Roll, a copa dun señor poderoso pasa a ter unha vinculación directa co elemento da eucaristía. O emblema do cáliz aparece xa con tapa e unha cruz coroándoa e así vai estenderse polos Países Baixos e Francia.
Pero será tamén a partir da segunda metade do século XV cando no campo de escudo comecen a xurdir novos símbolos acompañando o cáliz. Primeiro serán os trevos, o emblema de Irlanda directamente relacionado coa introdución do cristianismo na illa por San Patricio. “Desde 1490 imprímese en francés, alemán e inglés e distribúese por Europa un libro anónimo que eu considero moi interesante, Le Roman de Ponthus et Sidoine, que relata a historia do fillo dun rei galego que consegue fuxir despois de que os sarracenos o aprisionen e maten o seu pai na Coruña chegando coa súa barca ás costas bretoas onde se namora de Sidoine, filla do rei de Bretaña. Se analizamos a historia literaria deste personaxe e a do propio San Patricio vemos que a este último pasoulle o mesmo: estivo preso, consegue a liberación despois de evanxelizar Irlanda, vai nun barco ata as costas francesas e, segundo algúns historiadores, chega a Bretaña. Polo tanto, eu considero que hai un paralelismo entre relixiosidade e literatura”, afirma Picallo.
E xa a principios do século XVI aparecerán as cruces representadas por primeira vez como brasón do Reino de Galicia nos tapices que o nobre bruxelés Franz von Tassis encarga para a capela onde será enterrado na Igrexa de Nôtre-Dame du Grand Sablon. Hoxe, os fragmentos destes tapices encóntranse repartidos por algúns dos museos máis destacados do mundo como o Hermitage de San Petersburgo ou o Musée de la Ville de Bruxelles. “Eu considero, e é unha teoría porque non o podo afirmar rotundamente, que a raíz de que en 1519 Carlos V é proclamado emperador do sacro imperio xermánico, para facer fincapé en que é o dono de ese imperio que é sacro e cristián e que rexeitou no seu momento as correntes doutrinais que había daquela, pois un bo feito era substituír ou mutar ese trevo e transformalo nunha cruz”, explica o investigador.
Deixarnos asombrar pola nosa propia historia
Camiñado polas rúas de Compostela, Héitor Picallo asegúranos que se descoñece, pola falta de documentación e as sucesivas remodelacións arquitectónicas, se a simboloxía do escudo xa estaba presente antes da aparición do Segar’s Roll no 1282. Para o estudoso de Cuntis, sen dúbida ningunha, algo tiña que existir. “Galicia era no século XII e incluso no XIII moi importante en Europa a nivel cultural, relixioso e comercial. Nos portos de Galicia era moi importante a comunicación cos Países Baixos e Inglaterra, por exemplo. Esa era a nosa grande autoestrada e polo tanto era lóxico que nós tivésemos un emblema que nos identificase”, subliña.

A última parada nesta viaxe con Picallo á procura dos emblemas do antigo reino, é a Praza da Quintana. Alí atopamos a representación de Galicia nunha placa de bronce ofrecida polos estudantes de Compostela a finais do S XIX para homenaxear o Batallón Literario de 1808. E mentres a contemplamos o investigador enumera outros lugares onde o escudo do Reino de Galicia aínda se pode admirar como Viveiro, Betanzos pero tamén o Museo de Liexa, o Palais du Franc en Bruxas ou o Rijksmuseum de Ámsterdam.
É outono, a chuvia ameaza na capital galega e Héitor Picallo despídese de nós falando coa mesma paixón sobre a simboloxía galega coa que levamos conversando toda a mañá. “Queda moito por investigar desde aquí, pero tamén desde universidades europeas como en Alemaña, nos Países Baixos ou en Francia. O importante é que abramos ben os ollos e nos deixemos asombrar porque é marabilloso o que podemos atopar en bibliotecas, en arquivos de todo o mundo ou en elementos de arquitectura europea importantes. Recuperar a nosa propia historia pode ser emocionante. Os manuscritos medievais están agardando por nós”, remata.
Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, Spreaker, Spotify, iHeart, Deezer e Podchaser.
O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022


