Explicación: chamada informalmente coma o Monte Wright, unha montaña ancha cuns 150 quilómetros de diámetro e 4 quilómetros de altura cunha fonda depresión no cumio, amósase aquí neste recadro captado durante o sobrevoo da New Horizons en Plutón en xullo de 2015. Por suposto, as montañas amplas con cráteres nos cumios atópanse por todas partes no Sistema Solar, como o gran volcán de escudo Mauna Loa no planeta Terra ou o xigante Monte Olympus en Marte. Os científicos da New Horizons observan o espectacular parecido do Monte Wright de Plutón, e os achegados montes Piccard, cos grandes volcáns de escudo, suxerindo que os dous ben poderían ser crío-volcáns que entraron en erupción unha vez cuspindo xeo fundido desde o interior do frío e afastado mundo. De feito, atopándose nun planeta anano conxelado, o Monte Wright podería ser o volcán máis grande do Sistema Solar exterior. Como só se ten identificado un cráter de impacto nas súas pendentes, o Monte Wright ben pode ter estado activo na historia máis recente de Plutón. Esta imaxe en cor da máis alta resolución desvela tamén material vermello esparexido escasamente por toda a rexión.