50 anos do primeiro paseo espacial

Alexei Leonov, no primeiro paseo espacial, en 1965
O 18 de marzo de 1965, o cosmonauta ruso Alexéi Leónov converteuse na primeira persoa en realizar unha camiñada espacial, cando saíu da súa nave espacial Voskhod. A saída non foi sen problemas: Leónov saíu ó espazo exterior provisto dunha mochila de substento vital e un traxe especial unido á nave por medio dun cable umbilical de pouco máis de cinco metros. O traxe espacial de Leónov expandiuse no baleiro do espazo tanto que o astronauta era incapaz de meterse de novo na nave espacial. Leónov tomou unha decisión arriscada: abriu unha válvula no traxe para deixar escapar o aire suficiente para poder entrar na esclusa. O seu paseo espacial durou só 12 minutos, pero demostrou por primeira vez que os astronautas poderían traballar fóra das naves, no espazo exterior. Menos de tres meses máis tarde, o estadounidense Ed White fixo a primeira camiñada espacial da NASA como parte da misión ‘Gemini 4’; que durou 21 minutos. O primeiro europeo en dar un paseo espacial foi o francés Jean-Loup Chrétien, quen voou á estación espacial rusa Mir en 1988. A súa incursión durou seis horas, todo un récord nese momento. A primeira camiñada espacial dun astronauta da ESA (Axencia Espacial Europea) fíxoa Thomas Reiter arredor da Mir en 1995, nun traxe ruso Orlan. Once anos máis tarde, Thomas voou á Estación Espacial Internacional e realizou outra camiñada coa Unidade de Mobilidade Extravehicular da NASA, polo que se converteu nun dos dous únicos astronautas que utilizou ambos os dous tipos de traxe. A máis recente camiñada espacial dun astronauta da ESA protagonizouna Alexander Gerst; foi durante a misión Blue Dot, en 2014. Nos 50 anos transcorridos dende a primeira camiñada espacial de Leónov, máis de 200 astronautas de 10 países traballaron fóra das naves, no espazo exterior.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.