Explicación: os ovos deste polo xigante poden formar estrelas. A nebulosa de emisión que se amosa, en cores asignadas cientificamente, catalógase coma IC 2944 pero coñécese coma nebulosa do Polo Corredor pola forma da súa gran aparencia. Cara a parte alta da imaxe óllanse nubes moleculares pequenas e escuras ricas en po cósmico. Denominados Glóbulos de Thackeray polo seu descubridor, estes “ovos” son lugares potenciais para a condensación gravitatoria de novas estrelas, aínda que os seus destinos son incertos xa que tamén están a ser rapidamente erosionados pola radiación intensa procedente das estrelas novas achegadas. Estas estrelas masivas e potentes, xunto co gas brillante irregular mailas complexas rexións de po reflector, forman o cúmulo aberto Collinder 249. Esta excepcional paisaxe celeste abarca uns 60 anos luz á distancia estimada para a nebulosa de 6.000 anos luz.