Explicación: este abraiante conxunto de nebulosas e estrelas pode atoparse a uns dous graos ao sur da famosa rexión de formación estelar da nebulosa de Orión. A zona abunda en potentes estrelas novas que producen chorros e fluxos que empurran o material ao seu derredor a velocidades de centos de quilómetros por segundo. A interacción crea frontes de onda de choque luminosas coñecidas coma obxectos Herbig-Haro (HH). Por exemplo, o arco grácil e solto xusto á dereita do centro catalógase coma HH 222, tamén chamada a nebulosa da Fervenza. HH 41, que se ve por baixo da Fervenza, ten unha forma típica de cono. A brillante nebulosa azulada por baixo e á esquerda do centro é NGC 1999, unha nube poeirenta que reflicte a luz procedente dunha estrela variable incrustada. A vista cósmica completa abarca uns 30 anos luz, preto do bordo do Complexo Molecular de Nubes de Orión a uns 1 500 anos luz de distancia.