Explicación: hai algo moi estraño nesta imaxe da Terra; podes atopalo? Un fenómeno fuxidío que antano se pensaba era só unha lenda captouse recentemente se sabes onde ollar. A fotografía superior tirouse desde a International Space Station, ou Estación Espacial Internacional (ISS) en órbita, o pasado abril e amosa os familiares paneis solares da ISS no extremo esquerdo e parte dun brazo robótico no extremo dereito. O fenómeno, raramente fotografado, coñécese coma un espectro* vermello e pode verse, aínda que sutilmente, xusto sobre a área brillante á dereita da imaxe. A area brillante e o espectro vermello son clases diferentes de lóstregos, sendo o flash branco a clase máis típica. Aínda que os espectros foron notificados de xeito anecdótico ao longo de 300 anos, foron captados por primeira vez nunha película no ano 1989; por accidente. Aínda hai moito sen saber sobre os espectros, incluíndo como ocorren, o seu efecto no circuíto eléctrico atmosférico global e se están dalgún xeito relacionados con outros fenómenos de lóstregos da atmósfera superior tales coma os jet ou chorros azuis ou os flashes gamma terrestres.
* N. T.: no orixinal, “sprite”. Optamos polo termo “espectro” pois ten o dobre sentido de algo pantasmal e relacionado co espectro electromagnético.