Sonia Villapol: “En España non é raro ver paneis co 100% de homes. En EEUU é ilegal”

A neurocientífica inaugura "Ciencia en feminino", un ciclo de entrevistas e mesas redondas organizado por GCiencia en colaboración coa Deputación de Pontevedra

Naceu en Bretoña, unha aldea do interior galego. Sendo cativa xa tiña interese pola natureza pero, sobre todo, por axudar os demais. Decidiu estudar Bioloxía en Santiago e despois de rematar a carreira marchou a Barcelona facer un doutoramento. De alí a París e, finalmente, a Estados Unidos, onde leva vivindo 13 anos. A neurocientífica Sonia Villapol cre que hai grandes diferenzas entre a investigación norteamericana e a galega, incluso en materia de igualdade. “En España non é raro ver paneis de discusión de proxectos cun 100% de homes. En Estados Unidos non só é estraño, senón case ilegal”, recoñeceu na primeira charla de Ciencia en feminino, o ciclo que celebra GCiencia en colaboración coa Deputación de Pontevedra co gallo do 8M.

Aínda que recoñece que a situación está cambiando, “hai que normativizar”. “En Galicia pode parecer normal que se celebre unha mesa redonda falando do papel da muller no xornalismo dos anos 50 e que sexan todo homes. Iso nunca pasaría en Estados Unidos”, apuntou Villapol. Matizou as súas palabras asegurando que se tratan de xeneralizacións e que aínda que se avanzou moito en materia de igualdade, quedan cambios por facer. Por exemplo, no que respecta á mentalidade. Tamén engade que nos Estados Unidos a desigualdade está moi presente, non só en relación á muller, senón en todo o asunto racial que non existe a tan grande escala en Galicia.

A maternidade

Villapol tamén foi contundente ao asegurar que, a día de hoxe, non cre que haxa “ningunha limitación” por ser muller no campo da investigación, pero si por outros problemas relacionados. Por exemplo, en todo o que respecta á maternidade. De todos xeitos, ela considera que unha muller nunca debería ter que escoller entre a súa carreira profesional e ser nai. “Que teñas que priorizar xa é algo discriminativo”, asegurou. “Os negos de xénero non se poden permitir”, continuou a neurocientífica galega.

“Os negos de xénero non se poden permitir”

No que respecta á conciliación, e ás diferenzas entre Estados Unidos e Galicia, ela considera que a situación é máis complicada ao outro lado do Atlántico. “Aquí non hai ningún tipo de apoio e as garderías custan unha fortuna. As baixas de maternidade non se poden nin comparar e en Galicia son un privilexio“, expuxo. Recalcou que nos Estados Unidos non hai axudas sociais que si existen no seu país de orixe. Porén, ela considera que a maternidade, en relación á investigación, é algo “complicado pero transitorio”. “Os fillos non requiren tanta atención e coidados durante tantos anos. Non é unha marca que te radicaliza nin te deixa estancada a nivel profesional. É máis, ben, unha cuestión de unidade familiar”, recalcou.

Ela exemplificou estas afirmacións asegurando que durante os primeiros anos da súa maternidade reduciuse a súa produción científica. “Pero iso refórzate noutros aspectos e nos anos seguintes é todo diferente e con máis madurez”, apuntou. De feito, ela considera que a súa condición de muller foi un dos factores que menos lle afectaron na súa carreira científica. “Se houbo discriminación foi moi sutil ou eu non a quixen ver”, sostivo. “É certo que tiven moitas vallas que saltar, pero máis por ser de Bretoña, pola lingua e pola cultura, que por ser muller”, insistiu. E concluíu: “Ademais, eu nunca tiven esa mentalidade de que no podía facer algo polo simple feito de ser muller“.

Programación Ciencia en feminino

  • 15 de marzo. Mesa redonda: Espertar a vocación científica: como promover os estudos STEM entre as nenas. 19.00 horas.
    • Ana Freire, directora do Departamento de Operacións, Tecnoloxía e Ciencia da UPF-BSM, a escola de Management da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Tamén é a impulsora do concurso Wisibilízalas, dirixido a centros educativos de todo o mundo para romper cos estereotipos de xénero.
    • Rosa Crujeiras, matemática, directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA) e profesora da USC.
    • Vanessa Valdiglesias, doutora en Bioloxía e coordinadora do grupo de Nanotoxicoloxía e Toxicoloxía Xenética do Centro Intercisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña.
  • 22 de marzo. Entrevista coa catedrática de Medicina Legal Victoria Lareu. 19.00 horas.
  • 29 de marzo. Mesa redonda: Retos de futuro: que nos queda por facer para romper a fenda de xénero
    • Verónica Bolón, investigadora en intelixencia artificial e profesora da Universidade da Coruña (UDC).
    • Susana Ladra, directora do Campus Innova e profesora na UDC.
    • Ana Crujeiras, líder do grupo de Epixenómica e Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

CF. Ciencia en feminino, con Sonia Villapol.

Escoita Ciencia en feminino en: SpreakerSpotifyiHeartGoogle PodcastsDeezerPodcast Addict, JioSaavn e Podchaser.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.