Venres 19 Abril 2024

Políticas e xornalistas, as mulleres máis insultadas en Twitter

As profesionais da información e as que están en política son as máis deostadas, segundo un estudo realizado no marco da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo

“Twitter revélase como un territorio hostil para as mulleres, con especial incidencia naqueles ámbitos de maior proxección pública, como a política e a comunicación, que cumpren unha función esencial nas sociedades democráticas”. Esta é unha das principais conclusións do proxecto Mulleres pontevedresas na rede. Análise do sexismo, misoxinia e discurso do odio en Twitter, que o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán e a investigadora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro levaron a cabo no marco da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo.

O estudo, seleccionado na convocatoria de investigación da cátedra que promoven a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, baseouse na análise das publicacións realizadas ao longo dun ano por 50 mulleres de “recoñecido prestixio na esfera pública”, 22 delas vinculadas á provincia de Pontevedra, así como das interaccións cos seus perfís dos usuarios e usuarias desta rede social. En total, Rolán e Piñeiro analizaron máis de 550.000 chíos, entre os que detectaron 62.560 que contiñan insultos e comentarios ofensivos, a meirande parte, o 96%, dirixidos a políticas e xornalistas.

Publicidade

“Este estudo nace da crecente preocupación polo discurso do odio e sexismo que atopamos día a dia na internet”, sinalan os investigadores no póster no que presentan as conclusións dun proxecto que se completou coa creación dunha páxina web e unha serie de podcast nos que analizan os resultados da investigación. “A diario, as usuarias de internet teñen que facer fronte a diferentes actitudes e situacións violentas só polo feito de ser mulleres”, salientan Rolán e Piñeiro, que seleccionaron para este traballo os perfís de 50 mulleres dos ámbitos da política, a comunicación, a cultura, os deportes, a ciencia e o mundo empresarial. A análise abrangueu as 41.103 publicacións propias realizadas ao longo dun ano por estas 50 profesionais e as 302.790 interaccións que se produciron cos seus perfís, así como outras 208.797 “mencións indirectas”, chíos que as nomeaban sen citar a súa conta nesta rede social.

Os autores do estudo, Teresa Piñeiro e Xabier Martínez Rolán.

“Os resultados son como para preocuparnos como sociedade supostamente avanzada”, salienta Martínez Rolán do detectado nesta “análise do contido da conversa social 2.0”, co propósito de estudar diferentes manifestacións de sexismo, misoxinia e discurso do odio. Nese senso, as conclusións deste estudo alertan do “sexismo imperante nos social media”, así como da “normalización do discurso do odio” nas redes sociais.

Máis insultos directos que indirectos

O proxecto comprendeu, en primeiro termo, unha “análise de contidos automática, seguindo unha serie de palabras que nos permitiron analizar o alcance do discurso do odio verbal en Twitter”. Nela, detectáronse 62.560 publicacións que contiñan insultos, presentes no 15% das interaccións directas cos diferentes perfís e no 10% das mencións indirectas.

Termos como ‘feminazi’, ‘falsa’, ‘analfabeta’, ‘cerda’ e ‘asquerosa’ figuraban entre os insultos máis frecuentes, dos que o 13% tiñan unha compoñente sexista e o 96% ían dirixidos ás representantes dos ámbitos da política e da comunicación, nunha “especie de intento de atacar as mulleres que teñen a capacidade de contarnos historias e presentarnos perspectivas diferentes”, salienta Piñeiro, que pon tamén o acento na “sensación de impunidade” que se produce entre os usuarios e usuarias das redes sociais. “Na vida real non virtual, non insultas a alguén directamente, pero, sen embargo, isto si se dá en internet”, engade Rolán.

Alusións en negativo

O proxecto abrangueu tamén “unha medición de sentimento e análise do discurso” de acordo coas categorías establecidas na pirámide do odio da Anti-Defamation League, que agrupa os comportamentos prexuízosos en diferentes categorías.

Esta análise levouse a cabo cunha “submostra” composta por 666 chíos, todos eles mencións directas. Desta serie de mensaxes só o 15% foron cualificadas como “positivas” polos investigadores, mentres que nun 61% dos casos recibiron a consideración de negativas. Destas, o 33% ían dirixidas ás propias mulleres ás que aludían, mentres que o 66% centrábanse no colectivo que representan, implicando “un ataque á profesión”, como apunta Rolán.

O 35% destas mensaxes poderían encadrarse así mesmo dentro do chamado “discurso do odio”, a maior parte delas, o 60%, enmarcadas na categoría situada na base da pirámide da Anti-Defamation League, aquela que recolle “actitudes prexuízosas, como comentarios insensibles ou bromas ferintes”.

O 40% restante situaríase no seguinte chanzo, que se corresponde “cos actos prexuízosos, que serían xa insultos máis directos, alcumes e intentos de ridiculización”, sinala Piñeiro, que explica que os seguintes niveis da pirámide implicarían tamén “ataques físicos ou cibernéticos que non podemos ver xa neste estudo”. Así mesmo, a análise permitiu constatar tamén como o 6% destas mensaxes presentaban características misóxinas e un 2% encadraríanse no chamado “sexismo benevolente”.

Aquí podes ler a nova no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:54:16

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica
00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado
00:59:50

“A presión que hai en España por investigar fóra non a hai noutros países”

As científicas galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras participaron na terceira sesión de ‘Ciencia en Femino’ para falar sobre as súas experiencias investigadoras no estranxeiro
00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas