Son moitas, moitísimas máis. A lista podería incluír unha infinidade de nomes femininos estreitamente vinculados a Galicia e á súa ciencia. Mulleres que fixeron historia e romperon estereotipos, superaron obstáculos e convertéronse en referentes. Elas teñen poder e forza os 365 días no ano, pero recordalas no 8M é imprescindible. Dende a oceanografía, a astronomía, as matemáticas, a informática, a bioloxía e a medicina, hai 10 voces imprescindibles da ciencia galega de onte e de hoxe. Se non as coñeces… A que esperas?
Isabel Zendal
Un dos nomes imprescindibles é Isabel Zendal (Ordes, 1773-Puebla, México, n/c). En 1803 partiu da Coruña a expedición Balmis, capitenada polo médico Francisco Balmis, que convencera ao rei Carlos IV para financiar unha idea revolucionaria: infectar nenos orfos coa varíola e utilizalos para levar a vacina a América, onde a enfermidade, levada en 1518 polos primeiros colonos españois, tiña efectos devastadores. A bordo desta expedición ía a enfermeira Isabel Zendal, reitora do Hospital da Caridade da Coruña. Foi a gran protagonista que coidou dos cativos na súa viaxe.
María José Alonso

Unha das científicas máis influíntes de Galicia é María José Alonso (Carrizo de la Ribera,León, 1958). Graduouse en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1981 e obtivo o seu doutoramento en 1985. É catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC e dirixe o MJ Alonso Lab. En 2014, xunto a Alicia Estévez, foi a primeira muller en ingresar na Real Academia Galega de Ciencias despois de case 25 anos. Recibiu numerosos recoñecementos internacionais, alén de asesorar a revistas de alto impacto e ao Goberno español.
María Wonenburger

A súa vida estivo chea de recoñecementos en Estados Unidos, mentres en Galicia permanecía no anonimato. Esa foi a realidade na que viviu María Josefa Wonenburger (Oleiros, 1927-A Coruña, 2014). Licenciouse en Matemáticas en 1950, na primeira promoción da Universidade Central de Madrid. Foi a primeira española en conseguir unha bolsa Fulbright, o que lle permitiu estudar na universidade de Yale. Alí doutorouse nunha rama das matemáticas da que se converteu en toda unha experta mundial: a teoría de grupos. Tamén foi coñecida polos seus desenvolvementos en álxebras de Lie, que se usan en estudos de xeometría en espazos vectoriais. Regresou en 1983 á Coruña pola enfermidade da súa nai, e só nos seus últimos anos chegaron as homenaxes en Galicia. A Xunta de Galicia creou en 2007 o premio que leva o seu nome.
Ángeles Alvariño

A ciencia galega non sería o que é hoxe sen a figura de Ángeles Alvariño (Ferrol,1916 – California, 2005). A súa andaina investigadora comezou en Vigo, pero pronto marchou para os Estados Unidos, onde desenvolveu estudos de gran repercusión internacional. Algúns dos seus fitos foron o descubrimento de doce novas especies de quetognatos e nove de sifonóforos, minúsculos depredadores que forman parte do plancton. Tamén describiu unha nova especie de medusa. A súa relevancia queda sobradamente demostrada xa que dende 2012 un dos buques do Instituto Español de Oceanografía leva o seu nome.
Begoña Vila

O telescopio James Webb está a cambiar a nosa forma de ver e entender o universo. E detrás del está un dos nomes galegos de máis sona: a astrofísica Begoña Vila (Vigo, 1963). Comezou a estudar Física na USC e logo especializouse en astrofísica no Instituto de Astrofísica de Canarias. Realizou o seu doutoramento no centro Jodrell Bank de Manchester, onde investigou sobre galaxias espirais, e fixo o posdoutoramento na universidade de Cardiff. Máis tarde mudouse a Canadá, desde onde empezou a traballar coa NASA. Comezou como analista, ascendeu a enxeñeira de sistemas e, finalmente, foi designada como encargada técnica do Fine Guidance Sensor, o dispositivo que guía a viaxe do gran telescopio. Foi premio María Wonenburger en 2017.
Marisol Soengas

É unha autoridade internacional no estudo do melanoma, o cancro de pel máis agresivo. Esa é a mellor definición de Marisol Soengas (Agolada, 1968), acientífica galega dirixe o grupo de Melanoma no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO). Licenciouse en Bioloxía na Universidade da Coruña, continuou en Bioloxía Molecular na Universidad Autónoma de Madrid e doutorouse ao tempo que tiña a oportunidade de traballar con Margarita Salas no laboratorio do Centro de Biología Molecular Severo Ochoa.
Amparo Alonso

Unha das máis salientables expertas galegas en intelixencia artificial é Amparo Alonso (Vigo, 1961). Licenciouse en Química co especialidade de Química Industrial e doutorouse en Física na USC. Continuou a súa formación posdoutoral no Medical College de Georgia (Estados Unidos), ámbito no que afondou especialmente na monitorización antenatal. Posteriormente centrou o seu labor científico nas aplicacións da intelixencia artificial en ámbitos tan distintos como o medio ambiente, a saúde e a industria. Foi presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial e actualmente é catedrática da Universidade da Coruña, onde coordina o grupo LIDIA.
Elena Vázquez Cendón

A última premiada co María Josefa Wonenburger, Elena Vázquez Cendón (Ourense, 1966), é licenciada e doutora en Ciencias Matemáticas pola USC. Desenvolveu contribucións significativas ás leis de balance hiperbólicas coa metodoloxía de volumes finitos. Tamén foi investigadora principal e participou en proxectos nacioanis e internacionais. Está comprometida coa divulgación das Matemáticas e preside desde 2021 o Proxecto de Estímulo do Talento Matemático (Estalmat-Galicia).
Olimpia Valencia

O seu expediente académico foi brillante e iso converteuna nunha das primeiras licenciadas en Medicina de Galicia. Olimpia Valencia (Ourense, 1898-Vigo, 1987) sufriu a discriminación de xénero e viuse obrigada a optar pola xinecoloxía fronte a súa primeira opción, a neumoloxía, xa que estaba mal visto que as mulleres atenderan os homes. Na Segunda República apoiou ao Partido Galeguista, o que lle valeu un arresto en 1937 durante a represión franquista. Despois mantivo a súa consulta no centro de Vigo (onde hoxe ten unha rúa), e foi unha das fundadoras da Alianza Francesa na cidade olívica. Desde 2017 tamén leva o seu nome o edificio Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da Universidade de Vigo.
Sonia Villapol

A neurocientífica Sonia Villapol naceu na Pastoriza (Lugo) e licenciouse en Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Malia que a súa andaina científica comezou na súa Galicia natal, pronto abandonou a terra e xa leva 20 anos emigrada. A súa primeira parada foi a Universidade Autónoma de Barcelona, onde fixo un máster e un doutoramento en Neurociencias. Na súa etapa posdoutoral traballou en París, na Universidade Pierre e Marie Curie VI e no Hospital Robert Debré. No 2010 mudouse aos Estados Unidos e dende o 2018 é xefa de laboratorio e profesora de Neurocirurxía no Instituto Académico de Investigación do Hospital Metodista de Houston (Texas), e profesora de Neurociencia na Facultade de Medicina no Weill Cornell de Nova York.