Xoves 28 Marzo 2024

“A falta de conciliación e o teito de cristal impiden rachar coa fenda de xénero na ciencia”

Verónica Bolón, Susana Ladra e Ana Crujeiras clausuran 'Ciencia en feminino' cunha análise sobre as desigualdades entre homes e mulleres

Tres décadas. Tan só 33 anos para acadar a igualdade absoluta entre homes e mulleres. Esa é a principal conclusión dun informe do grupo ClosinGap, pero non todo o mundo apoia esta tese. “Levamos miles de anos de existencia nos que non houbo paridade nin igualdade. Non quero pecar de pesimista, pero 33 anos parécenme poucos”, di a experta en intelixencia artificial Verónica Bolón, participante xunto a Susana Ladra e Ana Belén Crujeiras na cuarta e derradeira cita de Ciencia en feminino. Este ciclo, organizado por GCiencia coa colaboración da Deputación de Pontevedra co gallo do 8M, chegou esta tarde á súa fin cunha mesa redonda sobre como se pode rachar dunha vez por todas coa fenda de xénero na ciencia.

Crujeiras, pola súa parte, mostrouse máis optimista que as súas compañeiras. Malia que tamén considerou que a igualdade absoluta queda lonxe, si espera que de aquí a 30 anos se avance nesta materia. De feito, a investigadora matizou que no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, onde traballa, a gran maioría do persoal científico son mulleres. “O problema está nos postos de dirección, aos que é moito máis difícil acceder. Avanzouse moito e estamos no camiño, pero aínda estamos bastante lonxe debido a barreiras como a conciliación“, engadiu. Tamén puntualizou que ela vén dun ámbito, a biomedicina, no que tradicionalmente hai máis representación feminina. Moi lonxe de carreiras máis técnicas, como a informática, ás que se adican Verónica Bolón e Susana Ladra na Universidade de Coruña.

Publicidade

Neste sentido, Verónica Bolón explicou que no campo da intelixencia artificial tan só entre un 13% e un 15% son mulleres. “As nosas necesidades non están representadas, por iso aparecen nesgos. Por exemplo, o algoritmo de Amazon que discriminaba os currículos de mulleres”, exemplifica. “Non debía haber ningunha muller no equipo de desenvolvemento. Se os sistemas están feitos por homes, non van ter en conta as nosas particularidades”, insistiu. E engadiu: “Temos que incentivar máis as mulleres. Necesitamos a igualdade, non só porque quede bonita no papel”.

As dificultades laborais á hora de ser nai

As tres investigadoras coinciden en que o principal obstáculo para romper coa fenda de xénero e rachar dunha vez por todas coas desigualdades que aínda perviven na carreira científica é a conciliación. “Hai moitos problemas arredor da maternidade. Chega un punto na nosa carreira investigadora que, se somos nais, hai un retraso. Está descrito por moitos medios, publicado e demostrado”, dixo Crujeiras, ao tempo que recoñece que non sabe como se pode solventar esta situación. A este respecto, Susana Ladra opinou: “Moitos académicos aproveitan as semanas de permiso polo nacemento dun fillo para investigar e traballar en proxectos e propostas. Estou xeneralizando, pero as mulleres na casa dedícanse aos coidados e os homes a mellorar o currículo“.

Pese a todo, as tres investigadoras recoñeceron que nunca notaron grandes desigualdades na súa carreira investigadora con respecto aos homes. Porén, Ladra matizou que iso non implica que a fenda de xénero non exista. “Estamos ofrecendo unha visión nesgada. Se cadra vivimos situacións así pero non nos decatamos. Por exemplo, hai eventos que se producen fóra do lugar de traballo, como as redes informais ou os congresos, onde xorden moitas oportunidades. Neste tempo é cando as mulleres se dedican ao coidado dos nenos”, apuntou. E engadiu: “Discriminación que estamos a vivir por non estar aí presentes”.


Escoita Ciencia en feminino en: SpreakerIvooxSpotifyiHeartGoogle PodcastsDeezerPodcast AddictJioSaavn e Podchaser.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas
00:36:16

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. O emprendemento das mulleres

A doutora en Investigación Clínica en Oncoloxía pola Universidade de Santiago, Catalina Fernández, conta a súa experiencia como directora xeral de Hifas da Terra

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%
00:57:23

“En ciencia, moitas veces tes que demostrar que es tan capaz como un home”

A primeira actividade do ciclo 'Ciencia en feminino' analiza as vocacións científicas e como mantelas pese aos obstáculos por ser muller