Sábado 20 Abril 2024

Só o 18% das persoas tituladas no eido da ciberseguridade son mulleres

A Universidade de Vigo celebrou unha xornada para darlle visibilidade a esta profesión, e para recalcar que presenza feminina segue a ser moi reducida

Nunha sociedade cada vez máis tecnolóxica, a ciberseguridade consolídase como un sector esencial que demanda constantemente profesionais especializados. De feito, as cifras oficiais prevén que só en España se van necesitar 80.000 profesionais da ciberseguridade nos vindeiros anos, pero a presenza das mulleres segue a ser moi reducida neste eido, e as titulacións tecnolóxicas que dan acceso a esta profesión están copadas polos homes.

Para darlle visibilidade ás mulleres que si apostaron por esta profesión, a Universidade de Vigo (UVigo) celebrou este mércores a Xornada ‘Mulleres e ciberseguridade’, unha iniciativa organizada por Ana Fernández Vilas, directora do Máster Interuniversitario en Ciberseguridade (Munics) e polo profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática e coordinador do título propio de Especialista en Ciberseguridade Industrial, José Ignacio Armesto. Nela catro expertas neste campo falaron sobre as súas motivacións e experiencias ao longo do seu percorrido profesional e analizaron as causas desta fenda de xénero e as posibles solucións.

Publicidade

Diferentes perfís

O acto de apertura, que se celebrou no edificio Miralles, contou coa presenza do reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira. Amais,o evento contou coa participación de Sara García Bécares, responsable do Diagnóstico de Talento en Ciberseguridad do Incibe, Instituto Nacional de Ciberseguridad; Esther Mateo, directora xeral de Seguridade, Procesos e Sistemas Corporativos de ADIF; Belén Pérez, CISO de Grupo Nueva Pescanova, e egresada da Universidade da Coruña e Susana Rey, da oficina DPO de Grupo MásMovil. A encargada de moderar o debate foi a profesora Ana Fernández.

Mar Pereira: “Ante unha revolución dixital como a que estamos a vivir, é unha obriga da sociedade que as mulleres xoguen un papel activo”

O reitor felicitou ás persoas organizadoras por un evento “extraordinariamente interesante” que permite analizar “o déficit de igualdade nas carreiras STEM”. Pola súa banda, a directora de Amtega recalcou que “ante unha revolución dixital como a que estamos a vivir, é unha obriga da sociedade que as mulleres xoguen un papel activo en igualdade de condicións e que acheguen o seu talento”  para construír “un contexto dixital seguro e confiable para as persoas e para as empresas”. Mar Pereira lembrou que no sector TIC europeo “só tres de cada dez persoas son mulleres e, en España, isto redúcese á metade” e “isto é unha perda de talento para esta revolución tecnolóxica que temos por diante”.

Falta de profesionais

Na súa intervención, Sara García, a responsable do Diagnóstico de Talento en Ciberseguridad do Incibe, explicou que non existe unha falta de mulleres na ciberseguridade, senón que é unha carencia, en xeral, de profesionais. “Agora mesmo farían falta preto de 25.000 profesionais en España e esas cifras van seguir crecendo porque non somos quen de formar tantos profesionais”, pero nestas titulacións tecnolóxicas as mulleres son minoría, como se recolle no Análisis y Diagnóstico del Talento en Ciberseguridad en España, un informe elaborado por Incibe e ONTSI e presentado a pasada semana.

Sara García: “Agora mesmo farían falla preto de 25.000 profesionais en España no campo da ciberseguridade”

As cifras son claras: só o 18% das persoas tituladas en ciberseguridade son mulleres, “pero se atendemos a perfís mixtos, como dereito e ciberseguridade, esa proporción increméntase ata case o 50%, polo que vemos que as mulleres están aí pero non lles chaman suficientemente as titulacións estritamente técnicas”. A parte boa, explicaba García, “é que estamos reducindo a fenda, xa que a porcentaxe de mulleres que optaron por estudar carreiras STEM aumentou 5 puntos porcentuais en 5 anos, pasando dun 24% de mulleres matriculadas no curso 2016-17, ao 29% en 2019-20. O mesmo sucede a nivel profesional, hai 5 anos eramos un 15% agora estamos sobre o 30%”. Con todo, recoñecía, esa porcentaxe redúcese bastante nos postos máis tecnolóxicos e nos de dirección.

A clave está na infancia

Sobre as causas desta desigualdade, as catro expertas coinciden en que son múltiples e diversas: unha educación sen referentes femininas, o descoñecemento sobre as oportunidades laborais, os estereotipos sobre a profesión e o mundo hacker, medo a enfrontarse a un sector masculinizado…

Tanto Sara García como Belén Pérez recalcan que as empresas demandan profesionais con independencia do xénero, pero o problema é que non chegan candidatas, a orixe do problema está en que “as mulleres non queren formarse” neste eido. De feito, as catro participantes no debate coincidiron en que o punto de inflexión para mudar esta situación está na infancia, “cómpre traballar nos colexios, nas familias… na universidade é xa tarde para xerar vocacións”.

O punto de inflexión para mudar esta situación está nas idades máis temperás

Para isto, varias das participantes traballan en programas de mentorización, como o InspiraSteam da UVigo, para tratar de descubrir estas profesións entre as máis cativas. “As nenas non poden elixir algo que non coñecen, e existe un gran descoñecemento desta profesión e moitos estereotipos arredor dela”, explicaba Pérez. “Cando imos aos colexios e lles din que van coñecer un profesional da ciberseguridade, imaxinan un mozo, con capucha, que non se sabe relacionar e se alimenta de pizza e sorpréndese cando ven chegar unha muller”, recoñecía.

Tamén incidiron en desmitificar a dificultade das enxeñarías. Lembraba Belén Pérez como as mulleres eran maioría na Facultade de Informática de Sevilla, pero a situación deuse a volta automaticamente cando o centro pasou a chamarse Escola de Enxeñaría Informática. “Temos que amosarlles ás nenas que son tan capaces como os demais”, recalcaba, ao que Esther Mateo engadía que “as mulleres facemos cousas máis difíciles, como ser nais, pero ninguén se plantexa non selo porque sexa difícil. Pero esa mensaxe ten que dala a sociedade, as mulleres afrontan retos complicadísimos que asumen con naturalidade, pero ás enxeñarías púxoselles unha etiqueta” que cómpre eliminar. Tamén recalcou que no sector sanitario as mulleres representan o 90% do persoal, “pero non somos capaces de trasladar a idea de que en ciberseguridade tamén se cura, doutros virus e con outras medicinas, pero é tan potente e tan útil para sociedade como a medicina”.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña
00:00:21

A galega Ana Ulla participa no achado do buraco negro estelar máis masivo da Vía Láctea

O denominado ‘xigante durmido’ ten unha masa de case 33 veces a do Sol e está a menos de 2000 anos luz da Terra

A UVigo lanza unha serie de podcast para concienciar sobre as doenzas cardiovasculares

As actividades, organizadas dentro do plan 'Ciencia de ida e volta', inclúen charlas en colexios e institutos