Venres 29 Marzo 2024

Chichana Patiño, a primeira aviadora galega

Subiu a bordo dun avión con outro pioneiro galego, José Piñeiro, e faleceu pola gripe en 1919 con só 29 anos

 

O 12 de outubro de 1913, na praia de Baltar (Sanxenxo), unha moza galega de 23 anos fixo algo que posiblemente moitas outras soñaran, pero que ningunha fixera: voar. Elisa Patiño y Meléndez, coñecida como Chichana, moza dunha distinguida familia de Pontevedra, subiu ao aeroplano pilotado por José Piñeiro, un dos pioneiros do aire en Galicia, xunto a Joaquín Loriga Taboada ou Ramón Franco, entre outros.

Artigo sobre o primeiro voo de Chichana. Fonte: La Correspondencia Gallega.
Artigo sobre o primeiro voo de Chichana. Fonte: La Correspondencia Gallega.

Chichana nacera en 1890, os seus pais, Albino Patiño e Rosa Meléndez, ostentaban o título de Duques de Patiño. Desde moi nova estivo moi presente na vida social da cidade. “Recibiu unha educación exquisita, e como muller intelixente e inqueda, manifestouse a través da arte: tocaba o violín, o piano, cantaba e pintaba”, conta Milagros Bará nun artigo publicado no Diario de Pontevedra. E así o din as crónicas: La Correspondencia Gallega, co gallo dunha gala benéfica para a Cruz Vermella, falaba dunha interpretación de Chichana: “Afortunadísima na composición e caracterización do tipo, correctísima na expresión do xesto e da linguaxe. Ofreceunos ademais o agasallo da súa meliflua voz, cantando, entre bastidores, vibrantes cancións de sabor andaluz con pureza de acento e de dicción”.

Publicidade

“Una señorita por los aires”

A comezos do século XX, ver voar un avión era para moita xente algo semellante á maxia. Así, os primeiros voos de pioneiros como Piñeiro, en 1913, congregaban a multitudes. E no mes de outubro, nun dos seus exercicios, Chichana Patiño subiu a bordo. El Correo de Galicia titulou “Una señorita por los aires”. O artigo dicía así:

“O domingo último sorprendeu Piñeiro aos veciños de Sanxenxo cun soberbio voo feito en circunstancias moi interesantes. Ás nove da mañá elevouse no aeródromo de Baltar, e despois de varias evolucións interesantes, descendeu na pintoresca praia de Sanxenxo. Desde alí partiu novamente no seu magnífico ‘Bleriot’, levando á distinguida Srta. Chichana Patiño, quen cunha admirable serenidade cruzou os aires durante algúns minutos en compañía do notable aviador. Ao descenderen, foron obxecto dunha aviación”.

En 1916, Chichana casa en Pontesampaio con Enrique Alcaraz, secretario de Sanidade no porto de Corcubión, e en xuño de 1917 nace a súa filla Lucía. Quedaba toda unha vida por diante que, por desgraza, tronzou a letal gripe de 1918, coñecida como ‘gripe española’, meses despois da morte do seu irmán Eduardo con só 23 anos. Ás 5 da madrugada do 12 de abril de 1919, con 29 anos, Chichana Patiño morre “despois dunha longa doenza, sufrida con verdadeira resignación, rodeada dos coidados e cariños da súa amante familia”. Ao seu entero acudiron numerosos persoeiros de Pontevedra.

Esquela de Chichana Patiño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Unhas xornadas afondan en como creatividade e innovación xeran un futuro máis sostible

Celebraranse este mércores 24 na Casa das Campás, en Pontevedra, ao abeiro do programa "Ciencia de ida e volta" impulsado pola UVigo

O Servizo de Dixestivo do Hospital de Pontevedra, o mellor de España contra a hepatite C

Esta unidade é pioneira na utilización de técnicas de intelixencia artificial e big data para a detección de pacientes ou implementando o diagnósticos dos mesmos nun só paso

A Coruña é a provincia con máis xeodestinos de Galicia

A actualización do mapa desta áreas turísticas destacadas suma 12 novos destinos e xa está integrado por un total de 26