Pontevedra acolle un Encontro de Divulgadoras Científicas para celebrar o 11F

As investigadoras Andrea Muras, Carmela Cela, Alba Aguión e Paula Otero serán as protagonistas do coloquio. que se celebra mañá ás 12.00 horas no Pazo da Cultura

Alba Aguión (arriba), Andrea Muras, Paula Otero (abaixo) e Carmela Cela (dereita).
Alba Aguión (arriba), Andrea Muras, Paula Otero (abaixo) e Carmela Cela (dereita).

Achegar a ciencia á xente é a paixón compartida polas catro investigadoras que participarán no Encontro de Divulgadoras Científicas que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra, este venres 11 de febreiro, ás 12.00 horas. A cita forma parte das actividades organizadas polo Concello de Pontevedra, en colaboración co portal GCiencia, co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

As protagonistas do encontro son as científicas Carmela Cela (Ecos de Xigantes) Paula Otero (Ciencia e Tal), Alba Aguión e Andrea Muras (Ciencia miúda ), todas elas divulgadoras vocacionais, mulleres resoltas a compartir o coñecemento e facelo dun xeito atractivo e interactivo. E conségueno da man das novas canles de comunicación: plataformas de streaming, Twitch, Youtube… cuxa audiencia medra día a día.

Paixón pola ciencia

Andrea Muras recoñece que “sempre gustei de saber curiosidades científicas que logo lle contaba a miña familia e os meus amigos” polo que para ela “a divulgación científica é facer iso mesmo pero con moita máis xente”; mentres que Carmela Cela ve na divulgación “a maneira de contribuír a devolverlle á sociedade” o que investiu e inviste na súa formación.

Pola súa banda Alba Aguión pensa que “hai unha gran desconexión entre a investigación científica e o público” e que “a desconexión é cada vez menor grazas á divulgación”. Un obxectivo didáctico que guía tamén o amor de Paula Otero por compartir o coñecemento: “o meu interese pola divulgación espertou no momento no que me din de conta de que a xente ve a ciencia como algo difícil e complicado. e iso é algo que percibía tanto en rapaces coma en adultos”.

“Hai unha gran desconexión entre a investigación científica e o público”

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, será a anfitrioa do encontro que terá como limiar a entrega dos premios do Certame de relatos curtos A muller e a nena na ciencia.

O encontro formúlase como un debate-coloquio que terá como público principal alumnas e alumnos dos últimos cursos da ESO, de Bacharelato e FP.  Enriba da mesa cuestións como a importancia de compartir o coñecemento e a crecente demanda de información, o nesgo de xénero no mundo científico e a necesidade de que as nenas teñan referentes femininos nas disciplinas STEM, ou as posibilidades de achegamento da ciencia á sociedade, sobre todo á xente nova, que veñen da man das novas canles de comunicación.

Quen é quen no encontro:

  • Carmela Cela Rodríguez-Ecos de Xigantes. É graduada en Bioquímica pola Universidade Complutense de Madrid e traballa como investigadora predoutoral no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa do CSIC. Os seus quefaceres no laboratorio altérnaos con varios proxectos que lle permiten facer o que máis lle gusta: divulgar sobre ciencia. Ten unha canle de YouTube sobre bioquímica (Ciencia con Carmen), na que fala de curiosidades xunto con dúas amigas da carreira e tamén copresenta un programa de divulgación científica en galego en Twitch (Ecos de Xigantes).
  • Paula Otero Sánchez-Ciencia e Tal. É graduada en Ciencias Biomédicas e actualmente traballa coma investigadora predoutoral no grupo Genomes and Disease do CiMUS, da USC. nun proxecto de investigación baseado en analizar os mecanismos que empregan os virus para causar cancro en humanos. Ademáis, Paula participa en dous proxectos de divulgación científica: ‘Ciencia e tal’ unha iniciativa na plataforma Twitch que realiza xunto co seu compañeiro Iván Varela; e ‘CiMUS Podcast’, un programa de entrevistas a investigadores do centro no que, cando é posible, tamén colaboran asociacións de pacientes.
  • Alba Aguión Tarrío. Divulgadora científica e monologuista. É graduada en Bioloxía e investigadora do laboratorio Future Oceans Lab da Universidade de Vigo. A súa investigación está centrada na sustentabilidade dos océanos, cun especial énfase na pesca artesanal galega. Alba leva cinco anos estudando un animal tan descoñecido e importante para Galicia como é o percebe. Antes de enrolar na Universidade de Vigo, Alba participou nunha campaña científica estudando os glaciares do Ártico e proximamente espera visitar a Antártida dentro do programa de liderado feminino Homeward Bound. A súa paixón pola divulgación científica levouna, entre outros éxitos, a ser gañadora do concurso de monólogos científicos Famelab España 2016, do concurso de vídeos de ciencia da Fundación Aquae 2017 e Somos Científicos 2017. 
  • Andrea Muras Mora-Ciencia Miúda. É unha doutora en Microbioloxía que trata de convencer a xente de que as bacterias molan. Ten un máster en biotecnoloxía e outro en cultura científica. Como investigadora participou en 18 publicacións científicas e tivo a oportunidade de pasar varios meses traballando en centros de investigación de Amsterdam e Israel. Hoxe en día está contratada como investigadora posdoutoral na Universidade Pública de Navarra onde estuda o comportamento das bacterias para tratar de previr infeccións. En 2018, creou o seu proxecto de divulgación científica Ciencia miúda co que conta curiosidades a través das redes sociais. Ademais, Andrea tamén dá charlas e cursos de divulgación científica.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.