Venres 29 Marzo 2024

Obradoiros e charlas para conmemorar o Día da Muller e da Nena na Ciencia

A 6ª edición do programa Elas fan Cientec, destinado a rapazas de secundaria, completa a programación respecto ao 11 de febreiro na Universidade de Vigo

Aínda que o Día da muller e da nena na ciencia se celebra o 11 de febreiro en todo o mundo, o mes que arrincou hai unha semana estará, en boa medida, dedicado na Universidade de Vigo (UVigo) a dar visibilidade ao traballo das investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as nenas e rapazas. Para conmemorar esta data, a institución programa, en colaboración coa FECYT, unha serie de actividades, tanto nos campus como en institutos, pensadas principalmente para as alumnas de secundaria. Trátase de que, por unha banda, coñezan a ciencia e a innovación que se desenvolve nos laboratorios da Universidade da man das mulleres que forman parte dos grupos de investigación. E, por outra, de achegarlles referentes femininos no campo da I+D.

A actividade central no campus de Vigo será o programa de obradoiros Elas fan Cientec, que terá lugar o 11 de febreiro, recuperando a celebración presencial desta actividade, tras a edición de 2021 desenvolta en liña. A organización corresponde a docentes e investigadoras da Universidade, co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade. Consiste nun programa de 16 talleres prácticos que se van desenvolver no Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e en tres escolas de enxeñaría do campus e nos que participarán catro institutos da provincia de Pontevedra.

Publicidade

Así, o CINBIO acollerá a estudantes do IES Illa de Tambo que poderán realizar obradoiros sobre moléculas, síntese de nanopartículas en disolución, as propiedades dos materiais na escala dos nanómetros, a resposta inmunitaria ou os cromosomas sexuais e a herdanza ligada ao sexo. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación tamén se uniu a esta celebración e programou, para as alumnas do IES Antón Alonso Ríos, un obradoiro de Lego Robotics, un taller de programación con Scratch ou introducións á programación web e ao seu funcionamento. Pola súa banda, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía recibirá ás rapazas do IES do Castro. Nos seus laboratorios poderán participar na xincana Science Games:Catching Fire, no concurso grupal The Wall ou en talleres de física e astrofísica, de materiais ou de minerais. Finalmente, Elas fan Cientec complétase coas propostas da Escola de Enxeñaría Industrial para o IES Valadares, con obradoiros de termografía infravermella, deseño e prototipado e espazo de exposición Open Lab.

Charlas nos colexios e institutos e un debate interxeracional

A estas actividades prácticas de Elas Fan Cientec súmanse tamén unha serie de conferencias e relatorios que, ao longo do mes de febreiro, impartirán científicas e enxeñeiras da Universidade de Vigo en colexios e institutos de toda Galicia. En total, participarán nesta iniciativa 37 investigadoras e dous investigadores e 35 centros educativos, conformando un programa de 65 charlas presenciais e virtuais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía.

A programación do 11F en Vigo complétase cunha proposta innovadora que ten como finalidade poñer en contacto investigadoras de diferentes xeracións para compartir as súas experiencias como mulleres na ciencia. O debate terá lugar o mércores 9 de febreiro ás 19.00 horas no segundo andar do edificio Redeiras, e será de acceso libre ata completar a capacidade da sala. Nesta charla participarán Talía Rodríguez, do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade; Cristina Delgado, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal; Susana Reboreda, da Área de Historia Antiga e Carmen García Mateo, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora de atlanTTic. Moderará o debate Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais.

O cartel do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia
O cartel do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

No campus de Ourense, a feira divulgativa eXXperimenta en Feminino

O campus de Ourense tamén se une á celebración do 11F, e faino retomando a feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. V Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. Organizada pola Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Escola Universitaria de Enfermaría, a cita, aberta á asistencia libre de centros educativos e familias da provincia, celebrarase o propio día na céntrica rúa do Paseo. O obxectivo é proporcionar ao alumnado a posibilidade de participar na realización de experimentos científicos e tecnolóxicos e coñecer as titulacións STEM que se imparten no campus de Ourense.

Caretas para 300 colexios do sur de Galicia

Coincidindo coa celebración desta data, desde a Unidade de Igualdade tamén quixeron traballar cos colexios da contorna para tratar de facer fronte aos estereotipos de xénero. Para isto, decidiron enviar a arredor de 300 colexios do sur de Galicia a colección de caretas, ilustradas por Marta Riera, ex-profesora da Facultade de Belas Artes, coas que a Unidade pretende dar visibilidad mulleres destacadas no mundo da ciencia e a enxeñaría. “Tratamos de chegar a nenos e nenas de curta idade, porque é precisamente arredor dos 6 anos cando se constrúen os estereotipos”, explica Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade. A idea é que nos centros educativos poidan empregar estas caretas para coñecer o traballo desenvolto por mulleres, en moitos casos descoñecidas para os cativos e cativas, e para que tamén vexan a estas mulleres como referentes en eidos moi masculinizados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que o exercicio físico axuda a que os tratamentos médicos funcionen mellor?

É unha ferramenta barata, fácil de usar e moi efectiva coa que podemos mellorar o prognóstico da maioría de enfermidades

O CINBIO explora novas estratexias terapéuticas para trastornos do sistema inmune

O proxecto coordinado pola investigadora Verónica Salgueiriño estuda as citoquinas, as cales facilitan a comunicación entre as células do sistema inmunolóxico

A UVigo adica febreiro a accións divulgativas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

O programa da Universidade de Vigo polo 11F inclúe obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro