O 43 % da comunidade investigadora española que publica en Web of Science (WOS), unha das principais bases de datos mundiais de referencias bibliográficas e citas de publicacións periódicas, son mulleres. Así o recolle o estudo La presencia de mujeres en la producción científica española da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia e Innovación. Por primeira vez, a análise ofrece datos que identifican a presenza de investigadoras na produción científica española publicada, entre 2014 e 2018, en revistas internacionais de referencia.
O obxectivo principal da análise é explorar e comparar aquela produción científica na que participan mulleres respecto daquela na que non están presentes, e así poder identificar diferenzas entre os dous grupos de publicacións e analizar o posible impacto que pode derivar das mesmas. Para iso, e en total, analizáronse 304.165 documentos da plataforma online, identificando a 145.276 investigadoras e investigadores de institucións científicas españolas.
O traballo da FECYT revela que, no 48% da produción científica española hai unha muller asinante da publicación. Porén, só un 20 % das investigadoras lideran os estudos nos que se identifican como autoras. Así mesmo, o informe mostra que o 12% da produción científica española na que interveñen mulleres atópase entre a máis citada do mundo, apenas un punto porcentual de diferenza coa media española, do 13%.
As materias STEM, unha área por conquistar
As categorías temáticas con maior número de documentos na produción científica na que participan mulleres son ciencias ambientais, ciencia dos materiais, bioquímica e bioloxía molecular, ciencia dos alimentos, física, química, farmacoloxía e farmacia e neurociencias. Pola contra, a análise da distribución temática confirma que unha das fendas de xénero que aínda persiste é nas áreas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), sobre todo en enxeñerías da comunicación, computación e electrónica, e matemáticas e física.
A análise da distribución temática confirma que unha das fendas de xénero que aínda persiste é nas áreas STEM
Unha fenda que tamén se aprecia nas solicitudes de sexenios de investigación nas principais áreas STEM como en enxeñerías da comunicación, computación e electrónica; matemáticas e física; e arquitectura, enxeñería civil, construción e urbanismo. Eidos nos que as mulleres presentan menos do 30% das solicitudes.
A disparidade na mobilidade
A media da produción científica española en colaboración con outros países sitúase no 53%. Así mesmo, e no que respecta á produción na que interveñen mulleres, as publicacións con participación internacional foron aumentando ano tras ano ao longo do período analizado. Con todo, e malia ese incremento, a cifra é substancialmente inferior á porcentaxe de documentos nos que non participan, e descende até o 48%.
Amais, identificouse que as publicacións de persoas investigadoras móbiles teñen maior impacto —en termos de citacións— que as de investigadores/as que nunca abandonaron o seu país de orixe. Nesta liña, o informe Elsevier Gender Report 2020 subliña que os homes teñen máis mobilidade que as mulleres e publican máis a miúdo fóra do seu país de orixe. Polo tanto, as diferenzas na mobilidade poden ser tamén outro factor que contribúe ás disparidades de xénero no avance da carreira investigadora.