Venres 19 Abril 2024

Galicia: a comunidade con máis investigadoras na Administración pública

O informe ministerial Científicas en Cifras 2021 revela unha profunda pero decrecente brecha de xénero no campo da ciencia

Ao longo da historia, as mulleres tiveron que enfrontarse a numerosos obstáculos para poder adicarse á ciencia e ser recoñecidas por elo. Pese ás dificultades, foron moitas as pioneiras que abriron camiño e loitaron para que na actualidade se poidan ver datos como que o 41% do persoal investigador en España está composto por mulleres. Nestes últimos anos, aínda que houbo grandes avances en materia de igualdade no eido científico, queda moito por mellorar. Por iso, datas como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que ten lugar o 11 de febreiro, seguen a ser necesarias.

O último informe de Científicas en cifras 2021 do Ministerio de Ciencia e Innovación recolle unha tendenza positiva, lenta pero estable, na presenza das mulleres no mundo da ciencia. Así o exemplifican datos como que na Administración Pública en Galicia o 59,3% sexan investigadoras, sendo xunto con A Rioxa a comunidade autónoma con máis presenza feminina neste sector. Non obstante, a memoria elaborada pola Unidade Mulleres e Ciencia tamén se fai eco da brecha de xénero que aínda persiste.

Publicidade

Proporción de investigadoras segundo Comunidad Autónoma e sector de execución. 2019. Extraído do informe Científicas en Cifras 2021.
Proporción de investigadoras segundo Comunidad Autónoma e sector de execución. 2019. Extraído do informe Científicas en Cifras 2021.

Tendencias positivas

O aumento paulatino na presenza de mulleres dentro do persoal investigador do noso país sitúa a España por encima do valor medio do conxunto da Unión Europea. No ámbito estatal, as mulleres adicadas á investigación dentro das administraciónsé do 52%, do 43% no Ensino Superior e máis desigual no sector empresarial, cun 31% de media, e un 30,3% e Galicia.

Doutra banda, segundo se avanza na carreira investigadora nas universidades e Organismos Públicos de Investigación (OPIs) no conxunto de España, tamén se atopan máis mulleres. Así, o grao B —persoal postdoutoral senior— pasou dun 42% en 2016 ao 44% en 2019. E no grao A —chanzo máis alto na carreira investigadora— as mulleres eran o 24% en 2019 fronte ao 21% do 2016.

No Sistema Universitario de Galicia a porcentaxe de catedráticas no 2020 —25,3%— mellorou notablemente dende o 2010, no que só había un 19,3%. O número de profesoras titulares de universidade experimentou variacións máis moderadas en dez anos: se no 2020 era de 42,5%, no 2010 constituía o 40,5%, segundo o Instituto Galego de Estatísica. En canto ao estudantado universitario, a tendencia é a baixa. As mulleres seguen sendo maioría, xa que no 2020 supuxeron un 60,8% das tituladas, pero esta cifra é inferior á de 2007, cando as tituladas alcanzaron o 64,9% do total.

Menor presenza das mulleres en áreas STEM

O termo STEM fai referencia en inglés ás competencias de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas. Neste eido, o informe do ministerio revela un descenso preocupante na proporción de investigadoras do Ensino Superior que traballan nas áreas de enxeñería e tecnoloxía. En 2019 era só un 12% do total do persoal investigador. Tamén continúa sendo menor a participación de alumnas nos estudos de grao nas carreiras de enxeñería e arquitectura, que e dun 25%.

Soledad Torres Guijarro, profesora da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo,  sinala que un factor que inflúe moito na escasa presenza feminina nestas carreiras son os xuízos do entorno cercano e as mensaxes que se transmiten dende medios de comunicación ou libros de texto, que seguen perpetuando a imaxe do home tecnólogo. Comentarios como “de verdade vas estudar informática? Non te ves mellor en farmacia?” poden de forma sibilina orientar ás rapazas cara outro tipo de carreiras. “Os nesgos inconscientes que temos como sociedade son moi difíciles de identificar e moito máis aínda de correxir”, sinala Guijarro.

Un factor que inflúe na escasa presenza feminina nas carreiras de enxeñería son os xuízos do entorno cercano

Neste sentido, Susana Ladra González, profesora da Universidade da Coruña na área de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información, engade que o descoñecemento do contido que se imparte nas carreriras da área STEM e as posteriores saídas laborais, así como a falta de referentes, inflúe en que as rapazas empecen estudos superiores onde cren que son boas e coñecen a experiencia doutras mulleres, o que as distancia de carreiras máis tecnolóxicas.

Conciliación e postos de alto cargo

As mulleres non participan de forma plena e igualitaria na toma de decisións no eido científico. Un dato que exemplifica esta realidade é que só o 23% de mulleres en España chegan a reitoras ou directoras de institutos de investigación. Segundo Ladra, a explicación da ausencia feminina en postos de alto cargo son os problemas de conciliación. “Que o peso dos coidados siga recaendo nas mulleres dificulta o liderazgo por falta de tempo e posibilidades de mobilidade”, indica.

Pero non é o único que inflúe. “Só por ser muller xa te avalían de forma diferente nos procesos selectivos”. E engade que nun experimento de selección de persoal para a súa contratación, o mesmo currículo tiña máis posibilidades de ser o escollido se levaba a firma dun home en vez da dunha muller. Outro dato a ter en conta é que pese ao incremento de investigadoras, non todas progresan na carreira científica ao mesmo ritmo que os seus compañeiros, e incluso teñen maior taxa de abandono ca eles.

Acabar coa brecha de xénero

Dende a Unidade de Mulleres e Ciencia propóñense varias liñas de actuación para seguir avanzando na integración das mulleres. As investigadoras consultadas, ambas integrantes da Asociación de mulleres investigadoras e tecnólogas (AMIT), están de acordo con estas liñas, pero tamén teñen as súas propias ideas. Por exemplo, Guijarro aposta porque se tomen medidas de discriminación positiva, se realicen avaliacións cegas nas convocatorias competitivas e se revise con perspectiva de xénero a normativa existente e os sistemas de avaliación.

“É importante que as rapazas vexan que hai mulleres presentes nas áreas STEM”

Ladra, pola súa banda, fai fincapé en achegarlle ás rapazas que están na ensinanza secundaria coñecementos sobre as áreas STEM. “É importante que vexan que hai mulleres que tiran por esta rama e que lles vai ben, hai que deconstruír o ideario de que son carreiras masculinizadas”, indica.

Outra das súas propostas é transmitirlle ás rapazas a idea de que non é necesario ser excelente para poder facer unha boa carreira científica, que está ben visibilizar ás mulleres que fixeron historia. “Pero non hai que ser Marie Curie para optar por ciencias, calquera con traballo e interese pode ser investigadora se é o que lle gusta”, resalta. E engade: “As medidas en materia de igualdade no ámbito da ciencia non se poden aplicar de forma aislada, teñen que vir acompañadas de medidas transversais en todos os ámbitos sociais”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:56:22

“A falta de conciliación e o teito de cristal impiden rachar coa fenda de xénero na ciencia”

Verónica Bolón, Susana Ladra e Ana Crujeiras clausuran 'Ciencia en feminino' cunha análise sobre as desigualdades entre homes e mulleres

María José Alonso recolle o Premio Nacional de Investigación 2021

A catedrática da USC, galardoada co Juan de la Cierva de Transferencia, reclama aos investigadores que teñan sempre presente a repercusión social do seu traballo

Así acharon o biomarcador para a detección precoz do cancro de páncreas

Investigadores españois describen como atoparon un novo sinal que permitirá o diagnóstico temperá dun dos tumores máis graves e agresivos

Forte descenso da carga viral nas augas residuais da Coruña

"Espérase que continúe á baixa, mentres que na tendencia das variantes haxa maior variabilidade”, declaran dende o proxecto CovidBens