O Teatro Principal de Pontevedra levanta este venres o pano para acoller durante dous días o ciclo A Foto 51, unhas xornadas de divulgación científica con perspectiva de xénero promovidas polo Concello de Pontevedra co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e nas que colabora GCiencia.
A doutora en Ciencias Matemáticas e Premio María Josefa Wonenburguer 2022, Elena Vázquez Cendón, será a encargada de inaugurar, ás 12.00 horas, as xornadas cunha conferencia-coloquio dirixida a estudantes de Secundaria, que leva por título O saber e o sabor das Matemáticas de proximidade.
Docente da área de Matemática Aplicada, investigadora centrada na Matemática Industrial e decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago (USC), foi merecedora do Premio María Josefa Wonenburguer 2022 pola súa traxectoria investigadora e contribucións significativas ás leis de balance hiperbólicas coa metodoloxía de volumes finitos. E tamén polo seu compromiso coa divulgación —está á fronte do proxecto Estímulo do Talento Matemático (Estalmat-Galicia)— e o combate contra o nesgo de xénero nas disciplinas STEM. Nas súas propias palabras “a ecuación buscada é a da igualdade, a solución correcta é a do equilibrio”.
Na súa intervención compartirá co alumnado sensacións e reflexións dos esgresados e esgresadas de Estalmat-Galicia, e falará dos seus referentes e espellos nos que se mirou e mira, así como da súa experiencia investigadora que comezou resolvendo as correntes na ría de Pontevedra. As súas reflexións no perderán de vista o marco referencial do 11-F, a realidade da muller na ciencia.
Elena Vázquez conxuga a docencia e investigación coa divulgación, captación de talento matemático e o compromiso feminista, que a leva a pór o foco sobre o nesgo de xénero no ecosistema STEM e a traballar a prol da igualdade.
Encontro
Este sábado 11 de febreiro, o Teatro Principal encherase de ciencia cun encontro de divulgadoras científicas nunha xornada na que tamén se estreará o roteiro urbano A pegada de mulleres científicas en Pontevedra.
No encontro, no que se abordarán distintas temáticas, as científicas participantes farán intervencións de 10 minutos. O evento inclúe un concurso de nanocharlas para persoas que queiran dar os seus primeiros pasos na divulgación.
Roteiro
O roteiro A pegada das mulleres científicas en Pontevedra vai dirixido ao público xeral (recomendable maior de 12 anos) e terán tres quendas máis: o 12 de febreiro e os días 25 e 26 de febreiro. A saída será, en todos os casos, ás 11 horas dos Xardíns de Colón. Para participar é preciso anotarse en apuntate.pontevedra.gal e a inscrición é de balde.
O percorrido porá en valor e visibilizará a unha ducia de mulleres científicas e investigadoras vencelladas á cidade de Pontevedra e reivindicará o papel de científicas galegas, mulleres que foron quen de abrirse paso en espazos ocupados tan só por homes ata que elas chegaron e que marcan un camiño pola igualdade que non ten volta atrás.
Son todas elas mulleres referentes nas súas áreas, respectadas e recoñecidas a nivel nacional e internacional e, porén, descoñecidas para gran parte da veciñanza.
Entre as protagonistas do roteiro atoparemos tres premios Wonenburger: a recentemente falecida María Inmaculada Paz Andrade, referente internacional en Microcalorimetría, primeira catedrática da Facultade de Física da USC e primeira muller que recibiu a Medalla de Ouro da Real Academia Española de Física; Isabel Aguirre de Úrcola, arquitecta e paisaxista, que redeseñou ambientalmente a Illa das Esculturas e foi a primeira muller en recibir o Premio Nacional de Arquitectura Manuel de la Dehesa, en 1997; e Alicia Estévez Toranzo, microbióloga e investigadora referente en patoloxía e acuicultura e a segunda académica da Real Academia Galega das Ciencias. E tamén a investigadoras de prestixio como a botánica e expertas en plantas ornamentais Carmen Salinero Corral, directora do Areeiro e ligada vital e profesionalmente á camelia ou a enxeñeira de Montes, Josefa Fernández López que adicou anos ao estudo do castiñeiro.
Axenda A Foto 51

Venres, 10 de febreiro:
- O saber e o sabor das matemáticas de proximidade, conferencia de Elena Vázquez Cendón. A partir das 12.00h no Teatro Principal de Pontevedra
Sábado, 11 de febreiro:
- Roteiro: A pegada das mulleres científicas en Pontevedra. Saídas ás 11.00 horas dos Xardíns de Colón. Posibilidade de inscrición en apuntate.pontevedra.gal.
- Micro-charlas e concurso de nanocharlas. As participantes intervirán na seguinte orde no Teatro Principal de Pontevedra:
- 11.00h – Presentación do evento
- 11.15h – Iria Veiga – O terceiro que Camiña a miña beira: alucinacións históricas
- 11.25h – Paula Otero – Previr o cancro a golpe de xeringa
- 11.35h – Concurso Nanocharlas (apuntate.pontevedra.gal)
- 12.00h – Descanso
- 12.20h – Elena Vázquez – Números máxicos
- 12.30h – Laura Veiga – Máis diversidade, mellores resultados
- 12.40h – Sandra Román – A cultura anti-dieta
- 12.50h – Olalla López – Historia das mulleres dos mortos
- 17.00h – Xurxo Mariño – O dilema obstétrico
- 17.10h – Joana Magallaes – Tecedeiras de duplas hélices
- 17.20h – Eva Cabanelas – Aos gatos nin tocalos
- 17.30h – Descanso
- 17.50h – África González – Inmuno Power: coñece e fortalece as túas defensas
- 18.00h – Estíbaliz Espinosa – Cosmos en perspectiva e poema
- 18.10h – Tamara Pazos – A perversión do benestar
- 18.20h – Premio concurso Nanocharlas 18.30 – Espectáculo co Piano-Bar Periódico ‘Elemental’
Outras actividades:
- A pegada das mulleres científicas en Pontevedra. Días 12, 25 e 26 de febreiro. Saídas ás 11.00 horas dos Xardíns de Colón. Posibilidade de inscrición en apuntate.pontevedra.gal.
- Obradoiros para a rapazada