A Foto 51, ciencia rigorosa e entretida para celebrar o 11-F en Pontevedra

GCiencia súmase aos actos do Concello de Pontevedra cunha conferencia da Premio Wonenburguer 2022, Elena Vázquez Cendón, e un roteiro de mulleres científicas

Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra

Apostar pola divulgación científica “rigorosa á par que entretida”, reivindicar e visibilizar o traballo das científicas  e combater o nesgo de xénero que lastra desde idades temperás ás mulleres que queren adicarse á investigación e a tecnoloxía e que as persegue ao longo da súa traxectoria profesional. Son principios que guían a programación promovida polo Concello de Pontevedra, co gallo da celebración o 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, baixo o nome A Foto 51 e na que colabora GCiencia.com

“Desde que hai rexistros a ciencia vainos acompañando na historia humana: o lume, a roda, as vacinas, os foguete espaciais… e que queremos facer nós? Levar a ciencia até a nosa cidade”. Son palabras da concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, durante a presentación da Foto 51, a marca que dará acubillo a un encontro de divulgadoras, un concurso de “nanocharlas” para os que queiran probar no mundo da comunicación científica, unha conferencia-coloquio coa matemática e Premio María Josefa Wonenburguer 2022, María Elena Vázquez Cendón, e un roteiro sobre a pegada de mulleres científicas na cidade do Lérez.

O Concello procura con este programa ofrecer unha nova mirada sobre a ciencia, partindo de bases actuais e necesarias, como a perspectiva de xénero. “É un eido onde tamén se repiten patróns negativos, como é o desigual reparto de poder e responsabilidade e até persecución das mulleres ao longo da historia. A día de hoxe, existe unha fenda brutal entre a carreira profesional dun home e a carreira profesional dunha muller dentro da ciencia. Temos o exemplo doado de atopar na sanidade, onde sabemos que hai unha inxente maioría de mulleres en Medicina, pero se sobes na escala os equipos son dirixidos por homes, as mulleres comezan a desaparecer”, contextualizou Fouces. 

Conferencia

O programa bota a andar o venres 10 de febreiro cunha conferencia-coloquio con alumnado de Secundaria da cidade con María Elena Vázquez Cendón. Docente da área de Matemática Aplicada, investigadora centrada na Matemática Industrial e decana da Facultade de Matemáticas da USC. Foi merecedora do Premio María Josefa Wonenburguer 2022 pola súa traxectoria investigadora e contribucións significativas ás leis de balance hiperbólicas coa metodoloxía de volumes finitos e máis tamén polo seu compromiso coa divulgación  —está á fronte do proxecto Estímulo do Talento Matemático (Estalmat-Galicia)— e combate contra o nesgo de xénero nas disciplinas STEM.

Encontro de divulgadoras

O sábado 11 de febreiro a ciencia estará presente en Pontevedra toda a xornada. O epicentro situarase no Teatro Principal que acollerá un encontro de divulgadoras, con intervencións de 10 minutos.

  • 11.00h – Presentación do evento 
  • 11.15h – Iria Veiga – O terceiro que Camiña a miña beira: alucinacións históricas 
  • 11.25h – Paula Otero – Previr o cancro a golpe de xeringa
  • 11.35h – Concurso Nanocharlas (apuntate.pontevedra.gal
  • 12.00h – Descanso
  • 12.20h – Elena Vázquez – Números máxicos 
  • 12.30h – Laura Veiga – Máis diversidade, mellores resultados 
  • 12.40h – Sandra Román – A cultura anti-dieta 
  • 12.50h – Olalla López – Historia das mulleres dos mortos
  • 17.00h – Xurxo Mariño – O dilema obstétrico 
  • 17.10h – Joana Magallaes – Tecedeiras de duplas hélices
  • 17.20h – Eva Cabanelas – Aos gatos nin tocalos 
  • 17.30h – Descanso 
  • 17.50h – África González – Inmuno Power: coñece e fortalece as túas defensas
  • 18.00h – Estíbaliz Espinosa – Cosmos en perspectiva e poema
  • 18.10h – Tamara Pazos – A perversión do benestar 
  • 18.20h – Premio concurso Nanocharlas 18.30 – Espectáculo co Piano-Bar Periódico ‘Elemental’ 

Roteiro científico

O 11 de febreiro será tamén o día no que se celebre a primeira das catro quendas do roteiro A pegada das mulleres científicas en Pontevedra.  Dirixido a un público xeral —recomendable maior de 12 anos— terán lugar os días 11 e 12 de febreiro e o 25 e 26 de febreiro, a partir das 11 horas. Para participar é preciso anotarse en apuntate.pontevedra.gal

O percorrido porá en valor e visibilizará a unha ducia de mulleres científicas e investigadoras vencelladas á cidade de Pontevedra e reivindicará o papel de científicas galegas, mulleres que foron quen de abrirse paso en espazos ocupados tan só por homes ata que elas chegaron e que marcan un camiño pola igualdade que non ten volta atrás.

Entre as protagonistas do roteiro atoparemos tres premios Wonenburger: a recentemente falecida María Inmaculada Paz Andrade, referente internacional en Microcalorimetría, primeira catedrática da Facultade de Física da USC e primeira muller que recibiu a Medalla de Ouro da Real Academia Española de Física; Isabel Aguirre de Úrcola, arquitecta e paisaxista, que rediseñou ambientalmente a Illa das Esculturas e foi a primeira muller en recibir o Premio Nacional de Arquitectura Manuel de la Dehesa, en 1997; e Alicia Estévez Toranzo, microbióloga e investigadora referente en patoloxía e acuicultura e a segunda académica da Real Academia Galega das Ciencias. 

Ademais, inclúe a outras mulleres que son parte da historia da cidade como María Alicia Crespí González, primeira catedrática dunha escola técnica superior en España; Elisa Patiño Meléndez, primeira muller en voar en Galicia e España e probablemente en Europa, e Concepción Arenal, a primeira muller visitadora de cárceres, en 1863 e a primeira premiada pola Real Academia de Ciencias Morais e Políticas. 

Por que o nome A Foto 51?

A Foto 51 é a historia dunha ignonimia.  A Foto 51 é o nome informal que se lle deu a unha imaxe de difracción de raios X do ADN froito do traballo realizado por Rosalind Franklin ao longo da súa investigación no King’s College de Londres. Esta foto foi unha proba fundamental para identificar a estrutura do ADN pero ninguén citou a autora.

Maurice Wilkins mostroulle esta foto a James Watson sen ter Rosalind Franklin coñecemento de tal asunto. Esta fotografía converteuse nunha das probas decisivas que levou á confirmación da estrutura dobre helicoidal do ADN, que fora postulada ao longo de 1953 nunha serie de varios artigos publicados na revista Nature. De tal xeito, a Foto 51 converteuse na proba definitiva que as investigacións destes homes (Watson, Crick e Wilkins), logo gañadores do premio Nobel de Fisioloxía e Medicina, precisaban. 

Nunca citaron á Franklin nin o seu traballo, nin esta soubo nunca que a súa imaxe fora a peza que precisaban os gañadores do Nobel para probar a súa investigación. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.