Ciencia e teatro van da man no Día da Muller e a Nena na Ciencia

A Cidade da Cultura acolle mañá unha obra musical que afonda na figura de Christiane Dosne Pasqualini, científica fundamental na investigación da leucemia

Intre da peza de teatro
Intre da peza de teatro "Christiane. Un bio-musical científico". Foto: Cidade da Cultura

Para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) celebran conxuntamente a xornada do 11 de febreiro, apostando polo teatro e en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura.

Nesta ocasión, traen a Compostela o bio-musical científico Christiane. Unha obra escénica e homenaxe en vida á figura da recoñecida investigadora Christiane Dosne Pasqualini. A científica que, con 22 anos, chegou a Bos Aires para traballar xunto ao Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía (1947), Bernardo Houssay. Nada en Francia, criada en Canadá e arxentina de adopción, dedicouse con paixón á busca das causas do cancro, especialmente da leucemia. Fundadora do departamento de Leucemia experimental do Instituto de Investigacións Hematolóxicas, ao longo da súa extensa carreira publicou mais de trescentos traballos arredor da orixe das células cancerosas e o comportamento do sistema inmune durante o crecemento tumoral. Foi, ademais, a primeira muller en ocupar un asento na Academia Nacional de Medicina de Arxentina.

Visibilizar referentes entre as rapazas máis novas

Levada ás táboas e ao piano pola súa neta, a soprano e actriz Belén Pasqualini, quen con este proxecto homenaxea a figura da súa avoa, pero tamén a de tantas outras mulleres invisibilizadas en laboratorios e universidades de todo o mundo, a través desta peza, os centros de investigación achegan as claves de Christiane. Muller e científica, ademáis de figura singular e de vangarda, quen cumpre 102 anos o 9 de febreiro. O obxectivo da actividade é o de visibilizar referentes femininos que, co seu exemplo, sirvan de inspiración para as máis novas e contribúan a promover a ciencia como carreira profesional entre elas.

A obra de teatro, para a que aínda quedan prazas dispoñibles, representarase mañá venres, 11 de febreiro, no auditorio ‘Xosé Neira Vilas’ da Biblioteca e Arquivo da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Terá lugar en dúas sesións, cunha duración aproximada dunha hora cada unha —ás 10 e ás 12 horas— e orientadas fundamentalmente a alumnado de 3º e 4º ESO e do Bacharelato. En representación das entidades organizadoras, asistirán a directora adxunta do CiQUS, Dolores Pérez; a subdirectora do CiMUS, Mabel Loza; o director do IGFAE, Carlos Salgado; e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.