Escavación do Monte do Castro, en Ribadumia. Moitos xacementos non conservan restos óseos.

Escavación do Monte do Castro, en Ribadumia. Moitos xacementos non conservan restos óseos.

‘Por número de xacementos da Idade do Ferro somos un fenómeno mundial’

Rafael Rodríguez, arqueólogo provincial, aposta por "converter os castros nun gran atractivo turístico"

A Deputación de Pontevedra pon en valor o patrimonio castrexo e romano dunha provincia rica en xacementos arqueolóxicos. Baixo o lema “En busca da pegada galaico-romana”, en colaboración co Ministerio de Fomento, o plan inclúe escavacións, musealización, labores de sinalización e limpeza, para converter o pasado nun atractivo turístico de primeira orde. Rafael Rodríguez é o arqueólogo provincial, responsable dunha iniciativa que quere poñer de actualidade máis de dous milenios de historia.

-Cal é o obxectivo deste plan?

-Trátase de obter rendemento  turístico para uns recursos que estaban esquecidos, deteriorados ou que carecían da difusión e divulgación que merecían. Queremos que estes activos culturais se convertan nun activo económico. E facelo desde unha base plenamente científica.

-Coñecen os propios galegos o rico patrimonio arqueolóxico de Pontevedra?

-Non. Non se coñece. Temos un serio problema co descoñecemento por parte dos cidadáns do seu patrimonio arqueolóxico máis próximo. O caso do Trega é un exemplo, xa que é pouco visitado polos propios galegos, aínda que veñan visitantes de todo o mundo. O castro de Alobre, que está no centro de Vilagarcía, é pouco coñecido polos propios habitantes da cidade. Ou a vila romana de Porta de Arcos, en Rodeiro, que ninguén sabe onde está. Son activos cos que temos que empezar traballando coa xente da provincia, porque son grandes descoñecidos, tamén para os propios galegos. O que sucede tamén cos petróglifos, coas mámoas ou cos castelos.

“Eramos un Finisterrae permeable, non illado, conectado co Atlántico e o Mediterráneo”

-Que lugar ocupamos en número e calidade de xacementos da Idade do Hierro?

-Por densidade de xacementos por metro cadrado, somos a primeira potencia mundial. Somos un fenómeno. Hai moitos. Non todos son dignos de poñer en valor, pero si todos dignos de coñecer. O bo que ten Galicia é que aínda ten moitas fases da súa arqueoloxía por descubrir. Ata hai pouco, diciamos que no Neolítico sabiamos onde morrían pero non onde vivían. Porque tiñamos grandes mámoas pero non poboados. Agora xa temos poboados.

-E o mesmo sucederá cos castros…

-Exactamente. Na Idade do Ferro sabemos onde viven, pero non onde morren. Non coñecemos os seus enterramentos. Parecía que, ata que chega Roma, en Galicia andabamos en taparrabos. E non é verdade. Estamos a ver que son sociedades complexas, dinámicas e permeables a outros pobos da península Ibérica, do Mediterráneo e do Atlántico.

-En canto a Roma, fálase dunha presenza débil…

-Aparentemente, estabamos pouco romanizados, pero apareceron xacementos de primeira orde. Non son como na Bética ou en Cataluña, que son grandes poboacións. Pero si ocupan moito territorio e hai unha industria especializada na salgadura.

Escavación no Monte do Castro, en Ribadumia.

Escavación no Monte do Castro, en Ribadumia.

-Hai que apartar a idea dun Finisterrae illado?

-Eramos un Finisterre, pero permeable. Non estabamos illados de todo. Vivimos metidos nas dinámicas culturais e económicas de Europa desde o Paleolítico. Unha singularidade de Galicia é que conflúen Atlántico e Mediterráneo. Vese desde o Neolítico. Chegan influencias que configuran unha cultura diferente.

-Nas 18 actuacións, hai un variado catálogo… castros defensivos, outros máis envorcados no comercio, de monte, de mar…

-Queremos que a xente que visita a provincia de Pontevedra coñeza como era a Idade do Ferro. E que o faga con variedade. O Mercado dos Mouros, en Valga, está relacionado cunha aldea que vivía do río Ulla; pero coa romanización se converteu nun porto para tráfico de mercadorías. Na Lanzada había unha industria de salgadura da época prerromana. O que significa que tiñan relación comercial con outros pobos que lles ensinaron a facer salsas de peixe para vendelas aos romanos. En Troña, un petróglifo permítenos atopar aos adoradores das serpes e imaxinar a relixión desa época. E, no Monte do Facho, descubrir un santuario romano, ao que daquela seica ían en peregrinación.

“Hai un turismo internacional especializado en arqueoloxía que se mobiliza moito”

-Pódese converter o mundo castrexo e romano en Pontevedra nunha ruta turística?

-Por suposto. Nunha oferta para visitar os xacementos, un tras doutro. Non pretendemos ser orixinais. Estamos a copiar cousas que funcionan. Por exemplo, en Inglaterra co muro de Adriano. Unha muralla que protexía o Imperio das tribos do norte. E alí crearon unhas rutas turísticas, onde se visitan os campamentos romanos, hai xente que as fai a pé, en bicicleta, dacabalo ou en coche. E van cubrindo etapas. Por que non facelo na provincia de Pontevedra?

-Hai un turismo internacional especializado en arqueoloxía?

-Haino. Un turismo internacional especializado en arqueoloxía que se mobiliza moito. Hai xente que vén de Francia percorrendo toda a cornixa cantábrica, coa arte rupestre, e van das grandes covas cántabras e asturianas ata os petróglifos de Campo Lameiro. Ou que veñen á península para ver o legado dos íberos. E temos que captalos para que veñan ver tamén os nosos poboados da Idade do Ferro.

-Que papel xogan os escolares en todo isto?

-É básico. Temos que aprender aos máis pequenos o patrimonio que teñen á beira da súa casa. Para que leven ás súas familias para ver os xacementos. E para que valoren o patrimonio hoxe e no futuro.  Temos a obriga de contar o que facemos. Unha escavación arqueolóxica ten que ser algo transparente. O lema é “aberto por obras”. Que nos vexan ós arqueólogos. Que saiban en que traballamos. Isto é fundamental.

4 respostas a “‘Por número de xacementos da Idade do Ferro somos un fenómeno mundial’”

  1. Ramiro

    En Galicia tenemos muy poca cultura por parte de nuestros politicos. Se sacan los castros a la luz del dia y despues se dejan morir por falta de mantenimiento.
    Nuestros arqueologos perecen que ocultan sus trabajos. Nunca hemos visto durante su actuacion un dia de puertas abiertas. Para dar a conocer lo que estan haciendo.

  2. Absolutely agree that Pompeii is a must see. My husband lived in Rome in coeglle and then we honeymooned there. We spent quite a few hours at Pompeii and still could have seen more. I find it fascinating!Also, my husband studied Latin in high school – good to know he wasn’t the only one. 🙂

  3. Muy buena iniciativa. Me parece una gran idea dar a conocer nuestro patrimonio cultural. Galicia es tierra de castros y demás construcciones de la época. Es una pena que nosotros mismos no lo sepamos. Adelante y mucha suerte.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.