A maioría de solos galegos, bastante ácidos, desintegran 'rapidamente' os ósos. No caso de terreos areosos, como este da Lanzada, os esqueletos poden durar máis, ata milleiros de anos.

A maioría de solos galegos, bastante ácidos, desintegran 'rapidamente' os ósos. No caso de terreos areosos, como este da Lanzada, os esqueletos poden durar máis, ata milleiros de anos.

Ósos que descobren misterios

Os novos restos humanos atopados na Lanzada achegan pistas sobre a vida dos seus poboadores

O achado de novos restos humanos nas escavacións realizadas na Lanzada ao longo de 2016 vai permitir afondar, durante os vindeiros meses, na investigación sobre o modo de vida dos poboadores do castro ao longo dos primeiros séculos da nosa era. Por primeira vez desde hai 30 anos descubríronse restos humanos no xacemento e o seu estado de conservación é excelente.

Entre as sorpresas que depara o castro da Lanzada atópase o descubrimento de que unha parte da necrópole estaba dedicada só a bebés, algo excepcional xa que o habitual neste tipo de asentamentos é que aos nenos se lles enterrase dentro das casas.

Por primeira vez en 30 anos descubríronse restos humanos no xacemento

Olalla López Costas, antropóloga física da USC, explica que isto pode indicar que os nenos recibiron un coidado especial ao ser enterrados. “Mesmo debaixo da cabeza dun dos esqueletos atopamos unha peza de cerámica, coma se quixesen suxeitarlle mellor a cabeza ao enterralo”, sinala a investigadora. Os corpos atopados recentemente pertencen a nenos enterrados entre os séculos I e II d.C.

Outro dos enterramentos de bebés presenta a particularidade de que se trata de dous bebés que foron enterrados xuntos, o que parece indicar que morreron ao mesmo tempo.

As sorpresas tamén aparecen nos restos de adultos que se atoparon. En total apareceron restos de catro corpos, tres deles completos. Dous dos adultos foron enterrados xuntos e na mesma caixa, apareceron un fronte ao outro en posicións invertidas. As análises xa realizadas revelan que un deles tiña entre 17 e 20 anos e gozaba dunha estatura moi inusual para a época, xa que alcanzaba o 1,81. O outro corpo é doutro home de máis idade e medía 1,70. Os estudos de ADN que se están a realizar permitirán establecer se eran parentes e cal era a súa procedencia. Ao parecer foron enterrados cando xa se atopaban en estado de descomposición.

O primeiro corpo en aparecer durante a última escavación foi o dunha muller bautizada polos investigadores como Cornelia. Era unha persoa de idade bastante avanzada e ao parecer sufría algún tipo de doenza porque foi enterrada coa cabeza moi dobrada cara a un lado. Tanto no caso de Cornelia como no dos outros dous adultos atopáronse os cravos das caixas nos que foron enterrados nas catro esquinas do sepulcro. Os enterramentos en caixas foron máis habituais a partir do século V d.C.

O coláxeno dos ósos e as mostras de parasitos e do chan son fontes de información

As análises que se están a realizar sobre estes restos van permitir seguir sacando conclusións sobre as características físicas e o modo de vida dos habitantes do asentamento nos primeiros séculos da nosa era. Hai cousas que xa se saben, por exemplo que a dieta destas persoas era rica en peixes e mariscos e que contaban con algún tipo de servizo médico xa que se atoparon fracturas nos ósos que foron curadas, aínda que non sempre do xeito máis adecuado.

Os novos restos humanos atopados na Lanzada achegan pistas sobre a vida dos seus poboadores. O coláxeno que se extrae dos ósos, así como as mostras de parasitos e do chan no que estaban enterrados son algunhas das fontes de información coa que contan os científicos. As características do chan areoso da Lanzada permitiron unha mellor conservación dos ósos do que é habitual para uns restos que poden chegar a alcanzar os 2.000 anos de existencia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.