Vista aérea do castro da Lanzada.

Vista aérea do castro da Lanzada.

Un enclave comercial que rompe mitos da cultura castrexa

As últimas escavacións na Lanzada achegan datos para resolver as incógnitas que rodean o lugar

O castro da Lanzada é un dos sitios arqueolóxicos máis importantes de Galicia a pesar de ser tamén un gran descoñecido. As escavacións realizadas en 2010 e 2016 permitiron confirmar que A Lanzada foi durante a época romana e sueva un gran centro dedicado ao comercio. Confírmao o feito de que se atoparon restos de cerámicas procedentes de diversos puntos do Mediterráneo e a existencia dunha factoría de salgadura, que polo menos funcionou entre os séculos III e I a.C.

O castro está situado na parroquia de Noalla (Sanxenxo) e aséntase sobre a base dunha punta que se introduce no mar, nas inmediacións dos restos dunha fortaleza medieval coñecida como a torre da Lanzada. No extremo máis occidental levántase a capela da nosa Señora da Lanzada, que foi construída sobre parte dos restos do castro. En total, a superficie que ocupaba o asentamento podería elevarse ata os 9.000 m2 pero tras a última escavación realizada só pódense visitar 2.000 m2.

A superficie que ocupaba podería alcanzar os 9.000 m2 pero só se poden visitar 2.000

Algúns expertos cuéstionanse mesmo a cualificación da Lanzada como castro xa que o asentamento carecía da vocación defensiva que o define. Os restos máis antigos poden situarse no final da Idade de Bronce e a pegada dos diversos poboadores que pasaron por este asentamento permite realizar estudos para reconstruír as condicións de vida dos habitantes da zona desde o século VIII a.C ata os nosos días. O director das escavacións realizadas en 2016, o arqueólogo Rafael Rodríguez, non dubida en cualificar ao castro como “un libro da historia de Galicia”.

O feito de que o asentamento se atope pegado ao mar fai que as condicións de chan areoso (menos agresivo que a terra) sexan especialmente favorables para a conservación dos restos orgánicos. As excepcionais condicións de conservación dos ósos atopados en 2016 pode permitir nos próximos meses que se realicen novos estudos sobre as condicións de vida na zona e achegar datos dun asentamento sobre o que existen aínda numerosas incógnitas.

O que parece claro é que o lugar serviu como un enclave comercial ao longo de quince séculos (desde o VIII a.C ata o VII d.C) ao que chegaban mercadorías procedentes de diversos puntos do Mediterráneo (apareceron materiais procedentes de Exipto, Libano, Palestina, Turquía ou Tunes) e que mesmo funcionaba como un centro de distribución facía outros asentamentos das Rías Baixas. Entre as construcións que se aprecian sobre o terreo atópanse os restos do que puido ser un gran almacen, con grosos muros de pedra que permitirían illar perfectamente as mercadorías que alí se depositaban.

A análise dos ósos achados na última escavación permitirá coñecer mellor o modo de vida dos seus poboadores

O achado nas últimas escavacións de restos humanos de catro adultos e trece bebés na Lanzada supuxo un fito despois de que a última vez que aparecesen restos humanos na zona fose hai 30 anos. A análise dos ósos que se está realizando vai ser moi importante para seguir avanzando no coñecemento do modo de vida dos poboadores da zona nas distintas épocas.

A transcendencia destes últimos achados non fai máis que confirmar a importancia dun asentamento que presenta unhas características moi singulares respecto doutros en Galicia. Segundo comenta a antropóloga Olalla López Costas, unha das responsables do equipo que analiza os restos atopados na Lanzada, “nun país como Inglaterra, por exemplo, non hai dúbida de que este asentamento sería considerado un lugar estrela para a ciencia”.

Do Padre Sarmiento a Filgueira Valverde

Aínda que a última escavación foi a que levantou máis interese mediático pola aparición de numerosos restos humanos, xa no século XVIII o Padre Sarmiento realizou debuxos dos sepulcros aparecidos na punta da Lanzada e aludiu á existencia dun ara romana, dun faro e da capela que se erixiu na etapa medieval. Posteriormente, en 1949 as obras de ampliación da estrada costeira de Sanxenxo ao Grove deixan ao descuberto diversos restos óseos.

O Museo de Pontevedra decide organizar unha campaña de escavacións que é dirixida polo profesor Xosé Filgueira Valverde e na que tamén participou o historiador Francisco Sánchez Cantón. Nesta campaña descóbrese unha casa romana, os primeiros indicios dunha necrópole e escávase o estrato medieval. Os restos que se conservan desta escavación consérvanse no propio Museo de Pontevedra, que tamén recibirá os restos que se atoparon nas últimas escavacións, despois de que conclúa a fase de análise.

3 respostas a “Un enclave comercial que rompe mitos da cultura castrexa”

  1. Marcos Carballo

    Este é un achádego excepcional porque ata agora non se atoparan ósos da época galaica, polo que non sabíase nada dos ritos funerarios. A sorpresa foron os bebés, xa que pensábase que queimábanse coma noutras partes da península. Só “existe” outra necrópole (aunque penso que é anterior á época castrexa) atopada fai un par de anos. E digo “existe” porque creo que agora está a autoestrada Lugo-Santiago no seu lugar

  2. Xosé A. Vieiro Souto

    Non sei porque de tanta extrañeza, sabendo que nesa zona, non moi lonxe, existe outro necrópoli en San Vicente do Grobe, ( non sei se tan antigo), que estudiou o profesor Carro.

    • Xaime M.

      O mesmo pensei eu. A necrópole de S Vicente do Mar onde tm se encontraram restos oseos. O caso é se sacarom ja todos os que havia e que fizerom com eles.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.