Así nace un polbo

O nacemento dun polbo en directo. As cámaras do acuario de Virginia, nos Estados Unidos, publicaron a pasada semana unhas imaxes que deron a volta ao mundo. No vídeo, de apenas 10 segundos de duración, vese como unha cría de polbo se libera do ovo no que aínda fican moitos dos seus ‘irmáns’ e cambia, case de xeito instantáneo, de coloración.

A reprodución do polbo é un curioso ciclo que científicos galegos teñen estudado en varias zonas do noso litoral. Un dos tentáculos do macho, transformado en pene, copula á femia e deposita nela os espermatozoides. Hai evidencias de que existe competencia espermática; é dicir, un macho pode retirar o seme de copuladores anteriores e introducir o seu.

Publicidade

Unha vez realizada a fecundación, a femia procura un lugar agochado no fondo mariño para depositar os feixes de ovos, nunha distribución semellante aos acios das uvas. Durante o desenvolvemento dos embrións, a femia fica protexendo os ovos no seu tobo, osixenando, limpando e protexendo a zona de depredadores. En todo este tempo, non se alimenta, senón que tira das súas propias reservas para sobrevivir. Despois de tanto esforzo, trala eclosión, a nai do polbo acaba morrendo.

A dificultade de recrear este proceso de cría en condicións de catividade é un dos principais obstáculos para o cultivo do polbo. Con todo, investigadores galegos traballan desde hai anos para conseguilo, e hai menos dun mes publicaron un estudo con importantes avances.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.