Despois dunha viaxe de case cinco anos ao planeta máis grande do sistema solar, a nave Juno da NASA entrou con éxito na órbita de Xúpiter tras unha complexa manobra de 35 minutos.
A confirmación das operacións co motor principal, que se utilizou para frear a nave, foi recibida entre aplausos no Jet Propulsion Laboratory da NASA ás 05:53h deste martes (hora peninsular española). O buscador Google tamén celebrou o acontecemento poñendo un doodle na súa web.
O administrador da NASA, Charlie Bolden, destacou: “Con esta nave investigaremos as incógnitas dos cintos de radiación de Xúpiter, indagando en profundidade non só no interior do planeta, senón en como naceu e evolucionou o sistema solar no seu conxunto”.
Unha vez en órbita, Juno dará a volta ao mundo xoviano 37 veces durante 20 meses, viaxando a un 5.000 km da superficie por riba das nubes. Esta é a primeira vez que unha nave espacial orbitará os polos de Xúpiter, proporcionando novos datos sobre o núcleo, a composición e os campos magnéticos do xigante gasoso. Cando remate a súa misión, a nave vai autodestruirse penetrando no interior do planeta.