Investigadores do grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo integrados no proxecto Biocaps lograron obter cerámicas biolóxicas a partir do dente de quenlla con aplicacións xa testadas na rexeneración de tecido óseo, en particular nos ámbitos da traumatoloxía e a odontoloxía. Dado o seu grao de innovación e os resultados positivos obtidos tras os ensaios preliminares, está a tramitarse a patente europea para protexer o achado. Estes novos implantes, que segundo os científicos vigueses poderían estar no mercado nun prazo breve de tempo, ampliarán o abano dos materiais de uso biomédico á vez que supoñen unha solución innovadora de aproveitamento de recursos mariños. Neste vídeo de Paulino Pérez explícase de forma didáctica o uso práctico resultado da investigación, que está a punto de lograr a patente europea.