Comeza o traballo de recuperación da Croa do Castro de Cerqueda

O proxecto de recuperación da Croa do Castro de Cerqueda, en Malpica de Bergantiños (A Coruña), xa botou a andar. Trátase dunha iniciativa de arqueoloxía social acariñada polos veciños da parroquia que comezou en xaneiro de 2014 e que agora inicia a súa fase decisiva. A zona estaba afectada pola concentración parcelaria e xurdiu a posibilidade de que eses terreos do castro fosen transferidos ao concello. Grazas ó labor de compromiso dos veciños e do Concello, o castro xa é de titularidade pública e municipal, e agora comezará a primeira fase, de limpeza do castro, na que tamén poderán participar voluntarios o día 28 de marzo nunha xornada de traballo e lúdica.

“Os veciños e o Concello queremos apostar pola posta en valor, promoción e divulgación do rico patrimonio arqueolóxico da parroquia, co emblema do castro de Cerqueda como un lugar no que as novas xeracións poidan tomar contacto coa vida dos seus devanceiros. O noso primeiro paso será abordar a limpeza da cuberta vexetal do castro, para que este poida ser ben apreciado visualmente. Este é un primeiro paso financiado polo concello de Malpica de Bergantiños”, explican os responsables deste proxecto.

Publicidade

A Croa do Castro de Cerqueda atopábase nunha situación de serio perigo para a conservación deste patrimonio arqueolóxico. De feito, en canto ás destrucións ou posibles alteracións do xacemento, os responsables do proxecto constataron que aparte da intensa actividade agrícola que se desenvolve nas inmediacións, existen dúas torres de electricidade, que se atopan situadas no parapeto e no recinto interior ou croa, que puideron orixinar graves danos no xacemento arqueolóxico no momento da súa construción. Ademais, sinalan que apertura dun camiño de terra na contorna leste do castro puido alterar levemente a morfoloxía do parapeto nesta parte. A isto hai que engadir a densa vexetación que cubre o castro, sobre todo fieitos, silvas e algún arbusto, chegando case a dous metros na zona interior da croa. Tamén se verifica a presenza de numerosos eucaliptos na zona suroeste do parapeto e algún no interior da croa. Todo isto dificultou en gran medida o acceso e estudo do recinto interior, advirten.

Poucos datos do xacemento

A Croa do Castro sitúase na parroquia de San Cristovo de Cerqueda, lugar de Resiós, e está catalogado na Dirección Xeral de Patrimonio cos topónimos Croa do Castro ou Castro de Aldeola, segundo Manuel Díaz Vázquez, co código: GA15043002, nas coordenadas: UTM (X): 517.025 UTM (Y): 4.792.960. Non existen moitos estudos ou referencias sobre este xacemento. Os primeiros datos relativos ao sitio son de Parga Pondal nos anos cincuenta do pasado século. Pero a primeira catalogación estrita é de Rodríguez Casal, na súa obra Carta arqueólogica del partido judicial de Carballo de Bergantiños (Coruña) de 1975.

Os escasos datos referentes ao castro e a ausencia de intervencións no mesmo fan difícil establecer unha cronotipificación certeira deste, máis os autores deste proxecto de recuperación, cos datos que manexan, cren que se podería situar na II Idade do Ferro.

O proxecto conta cunha páxina web propia na que se irán publicando distintos tipos de contidos para informar aos cidadáns das labores de recuperación deste ben arqueolóxico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.