A ciencia redescobre o Pórtico da Gloria e a súa policromía perdida

A Fundación Barrié e a Fundación Catedral de Santiago promoven o novo Espazo Divulgativo do Pórtico da Gloria na Sala de Armas do Pazo de Xelmírez, en Santiago de Compostela. Este espazo permanente aborda a historia, iconografía e o programa de restauración que se está a desenvolver no Pórtico da Gloria: o Programa Catedral, financiado pola Barrié con catro millóns de euros e co que se recuperará a súa policromía perdida.

Baixo o asesoramento científico de Francisco Prado-Vilar, experto internacional en arte medieval, os contidos deste espazo ofrecen unha visión e un discurso didáctico novos e únicos sobre a historia, a iconografía e a restauración da grande obra do mestre Mateo. Aplicacións interactivas, fotografías de gran formato e paneis explicativos expoñen o alto grao de deterioración e a urxencia de intervención, así como os traballos desenvolvidos entre 2008 e 2012 por equipos multidisciplinares de expertos de Alemaña, Italia e España (documentación histórica e planimétrica; análises construtivas e estruturais; estudos da policromía, da biodeterioración, de sales, da humidade e da pedra e morteiro: a monitorización das condicións ambientais; e as probas dos distintos tratamentos químicos e con láser).

Así mesmo se detallan os traballos actualmente en marcha na primeira fase da restauración iniciada en xuño de 2014 que conta coa codirección técnica do Instituto do Patrimonio Cultural de España do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e da Xunta de Galicia.

Este plan de restauración está a ser implementado en dúas fases: a primeira delas comprende a finalización da documentación, da investigación histórica e unha serie de medidas preventivas (estudo xeotécnico do subsolo xunto ás torres do Obradoiro, mapa de alteracións provocadas polas sales solubles nos paramentos da tribuna, restauración de reixas e colocación de filtros nas xanelas da fachada do Obradoiro). A segunda corresponde á aplicación dos tratamentos axeitados de conservación e restauración.

Os contidos do novo espazo inclúen:

  • Pórtico Virtual en 3D, un traballo pioneiro no mundo que permite visualizar o monumento desde perspectivas inéditas.
  • Fotografías artísticas de gran formato que permiten apreciar detalles do Pórtico non visibles a simple vista.
  • Paneis con información actualizada do estado do avance do proxecto que explican os diferentes tipos de danos que sufre o monumento e os estudos realizados no marco do proxecto de conservación e restauración do Pórtico.
  • Réplicas en madeira e en realidade aumentada dos instrumentos medievais dos 24 anciáns do Apocalipse  representados no Pórtico.
  • Dúas proxeccións audiovisuais: Pórtico da Gloria: pasado, presente e futuro que ofrece unha visión global do estado e os traballos realizados no Pórtico e IACOBUS. O mar, a pedra, o espírito que narra a historia sobre a orixe da peregrinación a Santiago e a construción e claves para entender a gran catedral románica.

O Espazo Divulgativo do Pórtico da Gloria na Sala de Armas do Pazo de Xelmírez incluirase no circuíto de actividades didácticas e visitas aos Espazos Catedralicios programadas e xestionadas pola Fundación Catedral, e irá incorporando novos contidos e información actualizada do estado do proxecto de restauración, cuxa finalización está prevista para o mes de marzo de 2017, a medida que dito proxecto vaia avanzando.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.