A extensión da mancha do ‘Oleg Naydenov’ xa é de 70 quilómetros

A extensión da mancha de fuel do Oleg Naydenov é de “polo menos 70 quilómetros”, segundo Greenpeace. Membros da organización ecoloxista sobrevoaron esta mañá a zona do afundimento do pesqueiro ruso para cotexar a información oficial aportada polo Goberno español.

“Durante o voo constatamos a presenza dun barco de control e ningún no punto do afundimento onde continúa saíndo hidrocarburos, a pesar de que Fomento asegurou que hai catro dispositivos (tres barcos e un avión). Observamos 70 km de mancha dende o punto do afundimento e logo fomos obrigados a volver, xusto antes de que se decretase a exclusión aérea total”, explica Greenpeace nun comunicado.

A organización solicitou que se lle permita acceder á zona de limpeza e embarcar no buque Miguel de Cervantes para garantir a transparencia sobre o proceso e poder completar a comprobación in situ da acción.

“Tras varios días de vertedura e cunha orientación suroeste, vemos con preocupación que a vertedura poida chegar ás costas de Cabo Verde, un arquipélago onde a poboación depende das súas costas enormemente e onde ademais nidifica unha das poboacións máis ameazadas de tartarugas mariñas, a da tartaruga boba”, alerta Greenpeace.

Segundo a información da que dispón a organización, só unha pequena porcentaxe da mancha é de fuel, “o que podería indicar que aínda queda a maior fracción das 1.400 toneladas de combustible por chegar á superficie”, engaden os ecoloxistas. Por iso, consideran que a información que achegue o robot submarino será relevante para coñecer se o fuel aínda permanece nos tanques e se está a liberar ao medio mariño ou se parte se consumiu durante o incendio.

Greenpeace tamén esixe imaxes e análises da situacion independentes e que toda a información que manexan as autoridades sexa pública, e considera que a decisión de sacar o Oleg Naydenov de porto foi a “peor solución posible, como se está a comprobar”. Segundo os ecoloxistas, “parece que o que se pretendía era quitar o problema de enriba situando o barco nun punto onde unha máis que previsible vertedura non afectará a territorio español”, denuncian.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.