Sábado 20 Abril 2024

O campus de verán Xuvenciencia bate o seu récord de inscricións

A VI edición do Campus Científico Internacional de Verán Xuvenciencia pechou a mellor cifra de inscricións da súa historia con 264 alumnos/as solicitantes de praza, dos cales só os 150 primeiros/as preinscritos/as poderán participar neste programa divulgativo do Campus Terra da USC, cuxa primeira lista de admitidos/as publicarase este mércores 9 de maio na web de Xuvenciencia.

Unha vez publicada a primeira listaxe, os aspirantes poderán formalizar as súas inscricións no mesmo enderezo web entre o 10 e o 15 de maio. A maior parte do alumnado preinscrito procede da provincia de Lugo (94), seguida de A Coruña (69), Pontevedra (68) e Ourense (7). Este ano, produciuse un forte incremento de alumnado dende fóra de Galicia, concretamente, dende Oviedo, Madrid, Burgos, Alacante, Albacete, Ávila, Cádiz, Girona, Logroño, Las Palmas, León, Toledo, Valladolid, Zamora e Zaragoza. Ademais, na presente edición tamén solicitaron praza estudantes procedentes das cidades portuguesas de Porto e Braga.

Publicidade

Este ano houbo un forte incremento de solicitudes de España e Portugal

Este campus de verán, que terá lugar entre o 2 e o 6 de xullo, e que está orientado a estudantado preuniversitario de 4º de ESO e Bacharelato, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia, a través do que se busca dar a coñecer á mocidade preuniversitaria os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do Campus Terra, así como nos seus dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o campus de verán Xuvenciencia Lugo 2018 presenta un módulo para veteranos, ao tempo que brinda servizo de aloxamento desde a noite do 1 de xullo ata o 7 de xullo, para poder gozar das actividades programadas polos monitores da A.D.C. Lumieira Lugo. A presente edición aspira, tal e como sucedeu o ano pasado, a impulsar a convivencia. Por este motivo, ofertáronse prazas con aloxamento para que todo o alumnado interesado poda aprender a convivir cos seus futuros/as compañeiros/as de carreira.

Os incendios forestais serán un dos asuntos centrais das xornadas

Este ano darase un tratamento especial ao tema dos incendios forestais, de tanta importancia no noso país, cunha charla divulgativa de enfoque multidisciplinar e o taller práctico “Plantando cara ao lume”. A visita e obradoiros que se levarán a cabo na Estación de Bioloxía Mariña de A Graña, actividade dirixida ao alumnado veterano, conformarán outra das novidades deste ano. Atendendo ás peticións do alumnado participante en edicións anteriores, inclúense nesta edición novos obradoiros nas áreas da física e da bioloxía, así como novos proxectos como o ‘Aqualab’, onde se fai unha monitorización ambiental usando un microcomputador, ou o proxecto ‘Arboredo urbano’, que trata o tema da fixación de carbono en relación ao programa europeo LIFE do Concello de Lugo ‘ Lugo+Biodinámico’.

As distintas actividades incluídas no campus de verán Xuvenciencia Lugo desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 20.30 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e os dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do Campus Terra e a centros e empresas colaboradoras (Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Museo Universitario A Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Castro de Viladonga, Sotavento, Fundación TIC, LARSA, Quescrem, Finsa, CETAL), e a realización de talleres relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do Campus Terra centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. Ademais, programouse unha oferta adicional con obradoiros de danza, teatro e creación audiovisual.

Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre 29 propostas. O programa ‘Lumieira Acompaña’, guiado por monitorado titulado da A.D.C Lumieira, ofrece, a partir das 18.00 horas, diversas actividades lúdicas en quenda de tarde para todos os estudantes e noite para os estudantes aloxados. O estudantado que tome parte en Xuvenciencia Lugo terá a ocasión de ser protagonista de diversos proxectos científicos, técnicos e sociais que versan sobre áreas de coñecemento moi diversas. Así, as propostas feitas polo Campus Terra da USC para este nova edición do campus abranguen un abano temático moi amplo que vai desde a análise das proteínas do leite e o iogur, crea o teu anuncio publicitario, xogando a ser xuíces ou prácticas clínicas veterinarias, entre outros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'