Venres 29 Marzo 2024

A UVigo recruta voluntarios para recuperar zonas afectadas por incendios

Máis de 80 persoas están xa anotadas na campaña de voluntariado para a recuperación das zonas queimadas tras a vaga de incendios de mediados de outubro. Esta iniciativa, coordinada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais e a Escola de Enxeñaría Forestal, busca implicar á comunidade universitaria en futuras actividades encamiñadas á protección, recuperación e seguimento dos terreos queimados. A inscrición está aberta ata o día 10 deste mes e posteriormente artellaranse grupos, medidas e lugares de actuación. Como explica o director da EE Forestal, Juan Picos, “o primeiro que temos que facer é ver con canta xente contamos, o seu perfil académico e a súa procedencia para poder comezar a organizarnos e dar resposta ás necesidades dos concellos e comunidades de montes máis afectadas”. Esa será a clave desta iniciativa, “traballaremos con calma, planificando ben e tratando de achegar o valor engadido que pode dar a Universidade co seu voluntariado”.

A universidade xa contactou cos concellos de Vigo e Salceda de Caselas

Ata o momento “xa se puxeron en contacto co Concello de Vigo e co de Salceda de Caselas, así como con varias comunidades de montes da zona de Vigo, así como con asociacións forestais”, porque a idea é traballar nas contornas dos tres campus, como explica o vicerreitor de Extensión Universitaria, Manuel Fernández Iglesias. Nas vindeiras semanas continuarase unha ronda de contactos coas administracións locais para poder estender este programa a outros lugares afectados como Carballeda de Avia, Ponteareas, Ponte Caldelas, etc.

Publicidade

“Unha vez saibamos con canta xente contamos nesa bolsa de voluntarios debemos pensar na formación que poden precisar, non será o mesmo se a maioría procede de Bioloxía ou de Enxeñaría Forestal ca se procede doutro tipo de centros” explica Juan Picos, por iso se organizarán actividades de formación e se tratará que todos os grupos poidan contar, polo menos, con algún estudante ou docente da EEF. Trátase así de realizar accións coordinadas, adaptadas á contorna de cada lugar e sobre todo facelas baixo unha dirección científica que evite actuacións contraproducentes, algo que todas as asociacións ecoloxistas e comunidades de montes demandan.

“Isto é unha carreira de fondo, non se trata só de que botar palla no monte, hai que saber cando, onde e como facelo”, destaca Picos. Este grupo de voluntarios e voluntarias tratará de dar resposta ás necesidades de cada zona, e para iso hai que avaliar, antes de nada, cada unha das contornas e actuar na protección do terreo queimado, evitando a erosión do solo e impedindo que as cinzas cheguen a ríos e rías. É importante tamén, destaca, “previr riscos e avaliar os danos sufridos para poder planificar a reforestación e artellar o mellor xeito de facer seguimento das zonas que se vaian recuperando”.

Para Juan Picos tan importante é a boa vontade da xente que quere colaborar como o feito de que saiban o que fan. “Non é o mesmo que unha persoa estea a botar palla nas zonas queimadas por así llo indican, que se o fai sabendo por que se actúa deste xeito, neste momento e con estas características”. Saber o que se fai “redunda tamén na implicación das persoas voluntarias, é moi importante que teñan unha formación mínima antes de comezar o traballo”. Por iso dende a escola pontevedresa están tamén colaborando na formación de voluntarios doutras institucións, entre eles, un grupo de arredor de 100 persoas coordinadas polo Concello de Vigo que recibiron este martes un curso formativo previo. O director da EEF remarca neste sentido que para a Universidade de Vigo esta oportunidade debe ser entendida como un reto, un xeito de demostrarlle á sociedade a súa empatía e de amosar o valor engadido que os seus voluntarios e voluntarias poden achegar ás áreas máis afectadas polo incendios. “Queremos poñernos á disposición dos veciños e das institucións, que sintan que estamos preto, que poidan sacar proveito do noso coñecemento, iso tamén é transferencia do coñecemento” e con este obxectivo, engade, “é preciso avaliar ben a situación e planificar as actuacións que se deben levar a cabo e traballar da man das comunidades de montes e dos concellos”, como explica o vicerreitor de Extensión Universitaria, Manuel Fernández.

3 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%