Edificio principal da Universidade do Porto. Imaxe: Facebook.

Edificio principal da Universidade do Porto. Imaxe: Facebook.

A Universidade do Porto súmase ao programa de doutoramento do Campus do Mar

A institución portuguesa é a sétima universidade que participa no programa, ademais do CSIC e o Instituto Español de Oceanografía

Seis anos tiveron que pasar para que a incorporación da Universidade de Porto ao programa de doutoramento de Campus do Mar se fixese realidade. DOMAR, o programa de doutoramento Marine Science, Technology and Management, arrancou en 2012 e, aínda que ao longo destes anos as universidades e centros de investigación que o impulsan mantiveron unha estreita colaboración coa institución académica pública máis grande de Portugal, non foi ata hai uns días que a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego, verificaba a entrada de Porto no programa de doutoramento de Campus do Mar.

“Esta incorporación culmina un dos obxectivos do campus de excelencia internacional, que era englobar nun mesmo programa de doutoramento de temática mariña e marítima a todas as universidades de Galicia e do norte de Portugal, ademais dos centros de investigación do Instituto Español de Oceanografía e o Centro Superior de Investigacións Científicas”, explica Elsa Vázquez, responsable de Captación de Talento de Campus do Mar.

Co reforzo da Universidade de Porto, o número de institucións académicas de educación superior que integran DOMAR acada as sete: Vigo, que é a coordinadora, Santiago e Coruña, por parte galega e Aveiro, Minho, Tras-os-Montes e Alto Douro e Porto por parte lusa, ademais dos centros de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía e o CSIC, a través do Instituto de Investigacións Mariñas.

A universidade pública máis grande de Portugal, conta ademais, segundo Vázquez con grupos de investigación en temas mariños e marítimos moi importantes e con recoñecemento internacional. “Posúen un gran centro de investigación mariña, o Cimar, con liñas de investigación que se completan ou complementan a oferta actual de DOMAR en, por exemplo, cambio global, servizos ecosistémicos, biotecnoloxía mariña, acuicultura ou calidade dos alimentos mariños”, sinala a responsable de Captación de Talento de Campus do Mar, que tamén destaca o reforzo que Porto achegará ás liñas de investigación en tecnoloxías mariñas.

DOMAR é un dos programas de maior magnitude na Península por número de institucións

Trala incorporación de Porto non está previsto que ningunha outra universidade ou centro de investigación se sume ao programa de doutoramento, “os obxectivos están cubertos. Xa é un macroprograma de doutoramento moi difícil de xestionar con lexislacións de dous países diferentes e normativas de sete universidades distintas como para incrementar a ‘entropía’. Vexamos como marcha nos próximos anos e falaremos”, explica Elsa Vázquez.

DOMAR, que arrancou en Galicia no curso 2012-2013 e en Portugal no 2013-2014, suma ata a o día de hoxe 220 doutorandas e doutorandos, dos que 31 xa defenderon as súas teses e outros catro acaban de depositalas. “Non existe en España, nin en Portugal, un programa desta magnitude en canto ao número de institucións. E no resto de Europa eu non coñezo ningún que involucre tantas institucións de dous países diferentes”, lembra Elsa Vázquez, que destaca o traballo de colaboración e comunicación que se realiza entre os socios participantes e que se traduce nun incremento da competitividade do programa. “Os cursos de formación avanzada e transversal que oferta DOMAR e que son impartidos por docentes e persoal investigado de institucións internacionais abren vías de colaboración para as e os doutorandos noutras institucións e ademais dálles oportunidades de colaboración dentro da eurorrexión. En definitiva, fainos máis competitivos”, explica a responsable de Captación de Talento de Campus do Mar.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.