Michèle e Armand Mattelart, no acto de entrega da Insignia de Ouro da USC.

Michèle e Armand Mattelart, no acto de entrega da Insignia de Ouro da USC.

A USC entrega a súa Insignia de Ouro a Michèle e Armand Mattelart

A institución compostelá recoñece as importantes achegas desta parella de investigadores no eido da comunicación

O reitor Juan Viaño impúxolle este martes 21 a Insignia de Ouro da USC a Michèle e Armand Mattelart, reputados investigadores no ámbito da comunicación. A Insignia recoñece aquelas persoas físicas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á institución académica compostelá. O acto institucional de imposición celebrouse no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación coa participación da catedrática Margarita Ledo para realizar a laudatio dos dous investigadores homenaxeados.

Armand Mattelart.

Armand Mattelart.

A parella de intelectuais está considerada como “referentes primordiais na traxectoria do pensamento crítico europeo e iberoamericano no eido das ciencias da comunicación nos últimos 50 anos” sinalou o reitor no discurso co que rematou o acto de imposición. “Eles os dous son un magnífico exemplo do que queremos ser”, engadiu Viaño para proseguir destacando a traxectoria transdisciplinar dos investigadores, “que lonxe de caer na hiperespecialización, practicaron o coñecemento global e o estudo dende varias ópticas para enfrontarse a problemas complexos que nos afectan a toda a humanidade día a día”.

Tratando de explicar o legado de Michèle e Armand Mattelart, o reitor destacou a súa pegada no pensamento contemporáneo trasladando “ao mundo unha alerta moi clara e concisa sobre a importancia de elementos intanxibles, como a cultura, pero imprescindibles para a paz, a liberdade e a ciencia”. Juan Viaño puxo en valor como os dous investigadores revolucionaron o xeito de entender os medios de comunicación do século XX e por extensión os do XXI, “as súas reflexións demostraron pronto que a comunicación social era a orixe común que atravesaba as sociedades occidentais e que unha ferramenta nacida para a liberdade estábase a converter nunha arma poderosísima capaz de cambiar vontades, xustificar o imposible e demostrar que o poder sempre ten a razón”.

As Insignias de Ouro impostas recoñecen a importancia do traballo dos Mattelart “ singularmente para esta Universidade que atopou nos seus estudos a referencia para formar xornalistas e profesionais da comunicación social durante vinte e seis anos”. En palabras do reitor, a distinción “recoñece, en definitiva, a necesidade de intelectuais da talla de Michèle e Armand Mattelart para que o mundo no que vivimos sexa cada vez mellor”.

Michèle Mattelart.

Michèle Mattelart.

A proposta de nomeamento realizada pola Facultade de Ciencias da Comunicación, subliña a influencia destacada do pensamento dos Mattelart na modernización dos estudos de comunicación na España das últimas dúas décadas do século XX “e, sobre todo, na orixe e desenvolvemento da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC”. Segundo esta proposta, as teorías desta parella de intelectuais “representa o enfoque máis renovador, contemporáneo e influínte da comprensión dos cambios que se estaban producindo no ámbito da globalización e no sistema de medios de información a través da introdución das novas tecnoloxías e satélites de comunicación, de Internet e das redes dixitais”.

A investigación e bibliografía dos Mattelart está presente nos principais programas das materias didácticas dos graos de Xornalismo e Comunicación Audiovisual da Facultade compostelá. Destacan os aspectos que relacionan a economía da comunicación, as políticas públicas, os estudos de xénero e máis a análise crítica do discurso, que son “nucleares” na formación dos graos que imparte a USC neste área de coñecemento.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.