Venres 29 Marzo 2024

Un traballo dun profesor da UVigo achega o galego á linguaxe científica

O inglés é o idioma dominante na ciencia e na investigación, pero para que os avances científicos, pero para que os avances científicos cheguen á cidadanía precísase da divulgación e da didáctica como ponte entre estes dous ámbitos. É neste paso no que xoga un papel crucial a tradución. En linguas cunha reducida produción de textos científicos didácticos e divulgativos, como o galego, a tradución de textos, documentos, estudos, artigos, etc. abre unha fiestra enorme ao coñecemento, xa que permite que o público en xeral acceda a coñecementos e información que, doutro xeito, lle serían alleos. Pero a pesar de todas estas funcións de grande importancia social, a tradución de textos científicos didácticos e divulgadores “representa unha área aínda pouco atendida polos estudos de tradución”. Así o explica o docente da Facultade de Filoloxía e Tradución Carlos Garrido, que acaba de publicar unha monografía que trata de encher este baleiro titulada A Traduçom do Ensino e Divulgaçom da Ciência. O libro, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, trata segundo explica o autor “de explorar os fundamentos teóricos e metodolóxicos e trazar o perfil esencial dunha modalidade tradutiva que na actualidade se reviste de gran relevancia social” que inclúe xéneros textuais “tan significativos” como o manual didáctico, o artigo enciclopédico,o libro de divulgación, o artigo xornalístico divulgador e o documental cinematográfico ou televisivo.

A tradución científica é “unha área aínda pouco atendida”, segundo Garrido

Garrido subliña a importancia e transcendencia deste tipo de textos, xa que non só desempeñan funcións sociais relacionadas coa formación intelectual, o enriquecemento cultural e a capacitación profesional das persoas,senón que tamén favorecen a comunicación científica interdisciplinar, axudan a educar a poboación en valores sociais e éticos e informan sobre a actualidade “coas potentes chaves analíticas da ciencia”,establecendo unha conexión entre a opinión pública e o mundo da investigación a través do xornalismo científico. Ademais Garrido tamén engade que estas publicacións fundamentan moitas decisións políticas nunha sociedade verdadeiramente aberta e democrática.

Publicidade

Por iso, o docente sinala a relevancia da tradución deste tipo de textos para linguas nas que o acervo propio non é tan amplo como en inglés e alemán. “En países nos que o castelán e o galego-portugués son linguas socialmente estabilizadas, como é o caso de España, Portugal e Brasil, “a tradución de textos científicos didácticos e divulgadores contribúe para completar masivamente os respectivos repertorios textuais”, en canto que, no caso concreto de Galicia, “a tradución de textos científicos didácticos e divulgadores para galego-portugués está chamada a suscitar “os primordios deste repertorio textual e rexistro expresivo na variedade lingüística subordinada, e nunha altura, salienta o docente, “en que o poder determina na Galiza a exclusión do galego do ensino da matemática, da física e da química”, remarca o docente.

A Traduçom do Ensino e Divulgaçom da Ciência ofrece unha rica caracterización da comunicación especializada extradisciplinar e da linguaxe científica didáctica e divulgadora, co recenseamento e análise dos xéneros e subxéneros textuais desta área. O seu autor explica que, esta publicación está destinada non só a estudosos da tradución e da comunicación especializadas, senón tamén a profesores e estudantes de tradución, tradutores e xornalistas científicos.

Portada do traballo de Carlos Garrido.
Portada do traballo de Carlos Garrido.

A publicación focaliza a tradución de textos destinados ao ensino e divulgación da ciencia nas combinacións lingüísticas inglés/galego-portugués e alemán/galego-portugués e inclúe máis de 600 exemplos de tradución, que esclarecen os asuntos tratados e multiplican a riqueza de matices e suxestións. Garrido destaca que o texto supón a introdución do concepto-chave de modificación substancial (da tradución comunicativa), que permite explorar sistematicamente os caracteres esenciais desta modalidade tradutiva. Por outra banda, a obra presenta un estudo rigoroso, “probablemente o mais profundo que se teña acometido até a data”, do tratamento tradutivo das denominacións de grupos de seres vivos, “un problema de tradución importante ao lidar con textos didácticos e divulgadores do campo biomédico”. A monografía tamén establece unha nova clasificación das discordancias interculturais, máis clara e ampla cas anteriores e introduce novas categorías de modificacións substanciais como particularizacións naturalizadoras, actualizacións informativas e melloras factuais e formais, que salientan a natureza creativa desta modalidade de tradución. Nesta manual o autor tamén realiza unha delimitación rigorosa do concepto de ‘deficiencia do texto de partida’ e a introdución dunha “nova clasificación deses defectos textuais, mais clara e abranxente cas anteriores”.

Carlos Garrido tamén aposta nesta publicación por potenciar a vertente creativa da tradución, sobre todo tendo en conta que se trata dunha tradución de textos destinados ao ensino e divulgación da ciencia. “Sen descoidar o tratamento de importantes alteracións morfoestruturais, de tipo morfosintático e lexical”, lembra o autor, a monografía salienta a necesidade de que o tradutor efectúe no texto de chegada adaptacións naturalizadoras de discordancias interculturais, particularizacións naturalizadoras, actualizacións informativas, correccións de deficiencias formais e factuais do texto de partida, melloras formais e factuais e, mesmo, se for preciso, que cuñe neoloxismos.

A Traduçom do Ensino e Divulgaçom da Ciência é un libro composto en galego-portugués, “non en galego-castelán, é dicir, nun modelo de galego non subordinado ao castelán dende os puntos de vista ortográfico, morfosintáctico e lexical, mais coordinado coas variedades lusitana e brasileira da nosa lingua, o que representa unha estratexia natural e emancipadora para a lingua e cultura galegas”. Por este motivo, o profesor do Departamento de Tradución e Lingüística, valora o feito de que a Universidade de Vigo publique este texto en galego-portugués, e considera que esta circunstancia contribúe a “fomentar a liberdade intelectual e o debate de ideas no seo da sociedade galega, ao mesmo tempo que vence reticencias en favor da natural e indispensable internacionalización da lingua autóctona da Galiza”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas
00:03:49

F de Fala: as palabras que nos sosteñen

'Veiga', 'laverca' e 'Rábade' son palabras que herdamos de linguas perromanas, xermanas e árabes e que hoxe forman parte do léxico galego

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías