Venres 29 Marzo 2024

Santiago e Vigo, entre as 10 universidades que crean máis empresas spin-off

O informe IUNE, que analiza a actividade investigadora das universidades españolas, coloca a Galicia como a quinta rexión do Estado con maior produción científica, cun total de 25.919 artigos publicados entre 2005 e 2014. É unha cifra só superada polas comunidades de Cataluña, Madrid, Valencia e Andalucía. O ano de maior produción foi o 2013, con 3.277 artigos.

Este documento sitúa a Galicia como unha referencia en innovación. As universidades de Santiago e Vigo están dentro das dez primeiras en canto a creación de empresas spin-off, con 28 e 24 iniciativas, respectivamente, entre os anos 2005 e 2014.

Publicidade

Non en tanto, estes datos ofrecen unha perspectiva canto menos pesimista sobre os efectos dos recortes orzamentarios nas universidades españolas. Os datos do IUNE amosan un descenso do 6,7 por cento na financiación por investigador (de 112.240 euros no 2008 a 104.890 no 2014). Respecto aos gastos correntes, o descenso é do 4 por cento.

A USC ingresou un total de 96.655 euros por patentes no ano 2014

Este informe, elaborado pola Alianza 4U, composta polas universidades Autónoma de Barcelona, Autónoma de Madrid, Carlos III de Madrid  (UC3M) e Pompeu Fabra, revela que, aínda cos recortes, os investigadores españois están respondendo de forma exemplar a esta difícil situación, mellorando os seus valores en produtividade, visibilidade, colaboración internacional e competitividade. Así, a produción científica dos autores nacionais en Web of Science, unha das principais bases de datos mundiais, aumentou nun 96,7 por cento entre 2005 e 2014. Houbo tamén aumentos moi significativos na concesión de patentes, cunha subida do 136,4 por cento, e na media de artigos publicados por profesor, que pasou de 0,45 no 2005 a 0,81 no 2014.

Os datos desagregados por universidades colocan aos centros de coñecemento galego no ‘top 10’ en varias clasificacións, coa USC como referencia. O resto das cifras pódense consultar na web de IUNE:

Produción tecnolóxica: é o campo no que máis sobresaen as institucións galegas. A USC  é a 5ª universidade do Estado en número de patentes, cun total de 195, o que supón unha media de 19,5 patentes cada ano. Neste eido, a Uvigo (16ª) e a UDC (20ª) entran dentro das vinte universidades españolas máis destacadas. En canto á creación de spin-off, Santiago (8ª) e Vigo (10ª) colócanse dentro do ‘top 10’.

Produción científica: cun total de 14.785 artigos publicados entre 2005 e 2014, a USC sitúase no décimo lugar. A UVigo colócase no 19º posto e a UDC, no 34º. Ademais, a Universidade de Santiago ascende ao sexto posto na área das Ciencias da Vida e ao sétimo lugar na rama de Medicina e Farmacoloxía.

Ingresos por licencias: no 2014 a USC obtivo 96.655 euros por ingresos de patentes, o que supón a sétima cifra máis elevada entre as universidades españolas.

Publicacións no ‘top 3’: un total de 1.424 artigos publicados na USC apareceron nalgunha das tres mellores revistas da súa área científica, o que supón o oitavo mellor rexistro en termos absolutos a nivel estatal. Nesta lista, a UVigo está no posto 21 e a UDC, no 32º. Ademais, a universidade santiaguesa destácase cun décimo posto na porcentaxe de artigos publicados en revistas do primeiro cuartil, é dicir, as de maior impacto científico.

Contratos de investigación: a USC é a sétima universidade no número de bolsas FPU e a novena nas Ramón y Cajal. Nestas últimas, a UVigo aparece no posto 15º.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O catedrático da UDC García Mira leva os seus estudos en psicoloxía ambiental ata Filipinas

A Universidade de Santo Tomás organizou unha conferencia sobre o papel da ciencia psicolóxica para abordar o impacto do cambio climático

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco

Un equipo da UDC aposta pola tecnoloxía dos videoxogos para mellorar a simulación industrial

Os investigadores Javier Pernas e Diego Crespo, da Área de Organización Industrial do Grupo Integrado de Enxeñaría do CITENI, publican no 'Journal of Simulation' o seu último avance