Sábado 20 Abril 2024

Santiago pon en marcha o Centro de Biomedicina Experimental

Esta mañá asinouse un convenio de colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co fin de impulsar a investigación universitaria nas áreas da física, biomedicina e biotecnoloxía. O acordo, que conta cun investimento de máis de 900.00€ por parte da Consellaría, permitirá a posta en marcha e adecuación de espazos ao nivel de excelencia dos proxectos que se están a desenvolver no Campus Vida da universidade santiaguesa.

Por un lado, permitirá a apertura e posta en funcionamento do Centro de Biomedicina Experimental da USC (CEBEGA), un gran centro de experimentación que naceu coa misión de centralizar e satisfacer a demanda de animais de laboratorio de calidade, definidos ética, legal, sanitaria e xeneticamente, e de infraestruturas para a realización das máis avanzadas técnicas de experimentación biomédica.

Publicidade

Unha das misións do centro será a xestión dos animais de laboratorio

Para dar resposta a estas necesidades, así como para garantir a apertura e a súa posta en funcionamento, a Xunta financiará os sistemas de control, monitorización de instalacións, seguridade, sinalética e comunicacións; o equipamento sanitario, de esterilización, desinfección e servizos varios; o equipamento científico auxiliar; así como o mobiliario de apoio e dotación de vestiarios e baños. Ademais, tamén se fará cargo da obra de urbanización do entorno do edifico.

Este centro ten a visión de converterse nunha grande infraestrutura singular que preste servizo a toda a comunidade biomédica no conxunto da eurorrexión que conforma Galicia e o norte de Portugal, así como o noroeste español. O CEBEGA prestará servizo a todos os axentes do Biocluster de Ciencias da Vida integrados no Campus Vida, en particular grupos de investigación universitarios, institutos de investigación sanitaria de Galicia, OPIs (Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, CSIC,…) pero tamén a actores do sector empresarial no ámbito da biomedicina, a biotecnoloxía e a agroalimentación.

O CEBEGA poderá dar servizo a toda a comunidade biomédica do Norte de España

Por outra banda, o acordo permitirá a adecuación de laboratorios e espazos de investigación na Facultade de Física para apoiar as actividades científicas da Agrupación Estratéxica de Física Fundamental e Aplicacións na Tecnoloxía e a Saúde (AEFIS) impulsando o desenvolvemento de estratexias colaborativas dos grupos que se integran na Agrupación. Complementariamente, con esta iniciativa habilitaranse espazos para acoller a implementación de proxectos Starting Grant financiados polo Consello Europeo de Investigacion, (European Research Council) liderados por investigadores asociados á citada agrupación.

Na sinatura estiveron presentes, ademais do conselleiro e o reitor, a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica da Xunta, María Jesús Nieto Tallón; o director do CEBEGA, Anxo Vidal Figueroa; a secretaria da Facultade de Física, Elena López; e o investigador Starting Grant Carlos Salgado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Achado un novo mecanismo de control do ciclo vital dos fagos

Científicos do CSIC describen un sistema que permite aos virus das bacterias alternar entre multiplicarse ou a latencia

O comportamento humano altérase de xeito notorio en grupos de máis de 180 persoas

Unha nova análise matemática permite comprender como cambiará unha empresa ou unha rexión por medrar de tamaño

A forza dos raios: mortais nun radio de dez metros e inofensivos dentro dun coche

A presenza da gaiola de Faraday provoca que o campo electromagnético dentro dun condutor en equilibrio estático sexa nulo

Os investigadores das fundacións sanitarias pasarán ao sector público en 2023

A medida, que se incorporará á Lei de Acompañamento aos Orzamentos, dará estabilidade a persoal de IDIS, INIBIC e Fundación Biomédica Galicia Sur