O Center for World University Rankings (CWUR) acaba de facer pública a clasificación das mil universidades máis destacadas do mundo. E as tres universidades galegas figuran na lista. A mellor situada, no posto 426, é a Universidade de Santiago de Compostela. A UVigo está no lugar 731 e a UDC, no 989. A nivel estatal, as institucións galegas están nos postos 11º (USC), 26º (UVigo) e 38º (UDC).
Na elaboración desta lista, o CWUR valora sete indicadores “obxectivos e robustos”: calidade da educación (15%), empregabilidade de exalumnado (5%), calidade docente (15%), produción científica (15%), publicacións de excelencia (15%), influencia (15%) e citacións (10%). Tamén se ten en conta a cantidade de alumnado universitario e de docentes ou investigadores que teñen gañado algún premio ou recoñecemento internacional; o ex alumnado que ocupa postos directivos en compañías internacionais destacadas; o número de artigos de investigación en xornais de alto impacto ou os máis citados, entre outras cuestións.
Con estes criterios, a USC obtén a súa mellor posición (327) en canto ao número de citacións, mentres que a UVigo sobresae pola calidade das publicacións (591), aspecto no que tamén obtén o seu mellor resultado a Universidade da Coruña (832). Pola contra, a institución compostelá cae ao posto 933 en canto á empregabilidade do alumnado, mentres que UVigo e UDC sitúanse fóra das 1.000 mellores universidades nese e noutros aspectos, como o da influencia.
A nivel mundial, Harvard é, por sétimo ano seguido, a mellor universidade do mundo para este organismo. Séguena Stanford, o MIT, Cambridge e Oxford.
O ránking CWUR, que comezou a publicarse en 2012 e ten as súas oficinas centrais en Dubai, di ser o único ránking académico de universidades que avalía a calidade da educación, a empregabilidade do alumnado, o resultado da investigación ou a produción científica, sen depender de enquisas ou presentacións de datos por parte das institucións universitarias”. Dende 2014, o ránking expandiuse para incluír ás mellores 1.000 das 18 mil universidades de todo o mundo, “polo que é a clasificación académica máis grande das universidades”.