John Nash e Jorge Mira pasean polo Obradoiro en 2007.

John Nash e Jorge Mira pasean polo Obradoiro en 2007.

“O trazo común dos premios Nobel é ser sinxelos, non son divos”

Jorge Mira dirixe o programa ConCiencia, que cumpre 10 anos traendo a Galicia aos mellores científicos do mundo

O catedrático de Física Jorge Mira é sen dúbida o divulgador científico máis coñecido en Galicia pola súa presenza en programas de radio e televisión nas últimas dúas décadas. Pero ademais Mira e o fundador do programa ConCiencia, que esta mesma semana trae a Santiago ao premio Nobel de Física 2012 Serge Haroche. O programa alcanza este ano a súa décimo segunda edición, convertido nunha cita imprescindible para a comunidade científica e universitaria galega.

-O programa ConCiencia celebra dez anos e 12 edicións. Cumpríronse as expectativas que tiñan cando se creou?

-As expectativas foron moi superadas. O programa naceu dunha xuntanza co ex reitor da USC, Senén Barro, co que falamos  de pór en marcha algo distinto, que fora máis alá de organizar unha conferencia dunha personalidade destacada. Pensamos en que era necesario que a xente que viña tivera unha maior relación cos grupos de investigación existentes na universidade. Entón decidimos invitar ao físico suízo Heinrich Rohrer, gañador do Nobel en Física en 1986, e aceptou.  Ese mesmo ano tamén viñeron Torsten Nils Wiesel, premio Nobel en Medicina, e Richard Robert Ernst, gañador do Nobel en Química. Comprobamos que a mensaxe científica é moito máis potente cando vén cun rostro detrás. Decidimos que non había que baixar o nivel e solo se invitaría a premios Nobel ou a outros científicos moi destacados. Isto foi unha das claves do éxito do programa.

“Tras da primeira edición decidimos non baixar o nivel: sempre premios Nobel”

-Despois de coñecer a tantos científicos importantes nestes anos, hai algunha característica común que os una a todos eles?

Si, o trazo común é a sinxeleza de todos eles. O meu temor era atoparme con divos e isto nunca sucedeu en todos estes anos. Os grandes científicos que tivemos aquí rachan totalmente coa imaxe dun divo que podamos ter nós. Mesmo moitos deles quitábanlle importancia ao feito de que gañaran un Nobel e dicían que a sorte era unha compoñente importante para gañar o premio. Son sinxelos, non son divos.

-Imaxino que podería contar moitas anécdotas, pero con cal delas se quedaría?

Para min o máis significativo aconteceu coa visita do matemático John Nash, unha figura que alcanzou gran relevancia coa película Unha mente marabillosa, baseada na súa vida. Uns meses antes de que viñera Nash tivemos aquí a Peter Lax, outro científico norteamericano que non coñecía a Nash pero que sabía que a el lle molestara moito que non lle deran a medalla Fields (máxima distinción para os matemáticos) no ano 1958. Lax sabía que Nash ía estar en Santiago e pediume que lle dixera que el tiña constancia de que estivera moi preto de gañar a medalla . Cando Nash estivo aquí eu llo contei e non tivo unha reacción moi expresiva pero creo que para el era importante sabelo porque estaba obsesionado con ese premio. Importáballe máis que o propio Nobel. Nash botou aquí case unha semana enteira e comportouse bastante ben, pese a esquizofrenia paranoica que padecía. É un milagre que chegase a ser capaz de conter os efectos desa grave enfermidade.

-O próximo invitado, que chegará esta mesma semana, é Serge Haroche e despois virán outros. Cal é o futuro do programa ConCiencia?

O programa está moi consolidado, alcanzou velocidade de cruceiro. Mesmo creamos tamén o premio Fonseca para invitar a científicos moi importantes que non eran premio Nobel, como foi o caso de Stephen Hawking. A súa visita en 2008 foi moi importante e despois viñeron outros tamén moi destacados como James Lovelock, David Attemborough e Roger Penrose. Seguiremos a traer científicos importantes e agora é máis doado porque podemos presentar unha larga lista de científicos moi importantes que xa viñeron. Creo que é unha iniciativa moi importante para a propia Universidade e para a cidade de Santiago. O prestixio da USC queda almacenado no “buffer” da cabeza dos premios Nobel que nos visitan. Ademais, xurdiron proxectos que tiveron a súa orixe na visita dun destes grandes científicos.

“O prestixio da USC queda almacenado na cabeza dos premios Nobel que nos visitan”

-Falando doutra cousa, como un dos divulgadores máis importantes da ciencia en Galicia, que lle parece o nivel de uso actual do galego no mundo científico e na propia universidade?

O uso do galego nas áreas de ciencia da Universidade e moi minoritario. Somos poucos os que poñemos os exames e damos as clases en galego. Creo que no aspecto teórico está todo ben e o galego e unha lingua respectada como calquera outra pero algo falla no aspecto práctico. Mesmo eu fixen algunha investigación neste terreo e as proxeccións din que o galego como idioma monolingüe vai caer nos próximos anos, mentres que o castelán vai medrar. Tamén vai a medrar o bilingüismo. A situación non é desesperada pero hai cousas que é difícil cambiar. O síntoma é que libros científicos básicos como a Teoría da Relatividade acaban de aparecer en galego por primeira vez e moitos deles non foron traducidos aínda.

-Vén de recibir un novo recoñecemento pola súa tarefa de divulgación científica co premio Ciencia en Acción, que xa gañara anteriormente. Como ve á divulgación científica en Galicia na actualidade?

Se botamos a vista atrás, ao ano 2000 por exemplo, a diferenza é moi grande. Nesa data comezaban os primeiros programas de contido exclusivamente científico en radio e televisión en Galicia. Hoxe estamos moito mellor, hai moitos máis divulgadores e a verdade é que calquera tempo pasado foi peor neste campo. Hai algunhas lagoas pero a situación é moito mellor que quince ou vinte anos atrás.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.