David Posada, no seu despacho. Foto: Duvi.

David Posada, no seu despacho. Foto: Duvi.

David Posada repite por 17° ano entre os científicos máis citados de mundo

O catedrático de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da UVigo céntrase desde hai dous anos na loita contra o cancro

Por decimo sétimo ano consecutivo, o catedrático da Universidade de Vigo David Posada confírmase como un dos investigadores máis citados do mundo. Así o reflicte o Highly Cited Researchers 2017 Clarivate Analytics, o listado anual que inclúe ás e aos principais investigadores das ciencias e ciencias sociais de todo o mundo con máis citas, no período comprendido entre os anos 2005 e 2015. En total son arredor de 3.400 as e os investigadores de todo o mundo que aparecen na lista deste ano, elaborada a partir dos artigos que están entre o 1% dos máis citados por campo e ano, os denominados highly cited papers, publicados en revistas científicas e de ciencias sociais indexadas na web Science Core Collection. “Teño moitas citas, pero a maioría son de papers antigos, non é que estea a publicar traballos novos que cada ano son moi citados, senón que son papers antigos que seguen a recibir cada ano moitas citas”, explica Posada, que ata fai unha broma sobre esta circunstancia, asegurando que “vivo de rendas”.

Un dos seus artigos está no posto 70º dos máis citados da historia

Centrado desde hai dous anos no estudo do cancro, o catedrático do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo, recoñece que esta transición desde o ámbito da bioloxía evolutiva está a ser moi complicada, “un cambio radical. Xa non é que non estea na miña zona de confort, é que xa nin a miro, estou noutra galaxia. Eu tiven moita sorte no pasado e vaime durar anos, porque os meus traballos de investigación dos anos 1998, 2001 ou 2013 seguen sendo útiles e seguen a ter miles de citas”, detalla. Posada, de feito, é o autor dun artigo publicado en 1998 na revista Bioinformatics, que está no posto 70 dos traballos máis citados da historia, “con 20.000 citas ou máis, unha burrada. Si é un orgullo”, afirma, aínda que lamenta a indexación desta publicación na categoría de Computer Science, “porque eu non xeraba procesadores. Non ten sentido, tería que ser en Bioloxía, porque son biólogos os que me citan e non informáticos”, lamenta o científico vigués que comparte o listado con preto de 60 investigadores españois máis.

De ser un investigador coñecido e recoñecido polo seu traballo no campo da Bioloxía Evolutiva, en especial no ámbito da metodoloxía da evolución dos xenomas “da evolución molecular, modelos estatísticos, matemáticos, para ver como cambia o ADN….”, detalla, Posada pasou a investigar o cancro, un mundo novo e máis complicado e no que hai moito máis en xogo, asegura.

Mudou a análise de datos polo traballo con células, tecidos e tumores

“Agora vou a conferencias e non me coñecen de nada”, recoñece o investigador, que deixou de analizar datos, que non producía, a traballar nun laboratorio con células de verdade, tecidos e tumores. O proceso que o levou a centrarse no estudo do cancro, Posada o define como “un paso de madurez científica e persoal. O cancro tócanos a todos, dun xeito máis ou menos directo e co paso do anos un faise máis pragmático e quere ser máis útil á sociedade, cun traballo máis próximo á xente”, explica, ao tempo que recoñece que “empezar de cero vaime custar, pero me apetecían novos retos científicos, que me estimulasen e a idade e a familia tamén xogan”.

Coa incorporación no equipo co que traballa na Universidade de Vigo de novos perfís profesionais máis centrados no manexo de grandes cantidades de información (big data), Posada enfronta esta nova etapa, “nun mundo do cancro e a biomedicina no que a competitividade é moito máis grande”, asumindo que neste ámbito no terá o mesmo impacto que logrou ata o de agora. “Este tipo de investigación é máis multidisciplinar e máis complexa, como a súa loxística. Antes o traballo podía facelo desde o banco dun parque e agora non”, explica o catedrático, que lembra a dificultade engadida que supón desenvolver este traballo nun país onde o Goberno non dá os cartos suficientes, fronte a centros estranxeiros onde os investigadores manexan proxectos con máis de 500 millóns de euros de orzamento.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.