Vista aérea do campus de Pontevedra.

Vista aérea do campus de Pontevedra.

Pontevedra, primeiro campus de España con bandeira verde

A Xunqueira lucirá o pavillón do proxecto Green Campus, que premia a xestión e educación ambiental na Universidade

A primeira bandeira verde coa que a FEE (Foundation for Environmental Education) recoñece en España a un campus universitario polo seu traballo en materia de xestión e educación ambiental ondeará en Pontevedra. Así o vén de determinar o xurado nacional do proxecto Green Campus, que coordina en España a asociación ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), e que por unanimidade acordou conceder a este campus da Universidade de Vigo a Bandeira Verde Green Campus, un distintivo que no presente curso só lucirá na Xunqueira e en dous centros da Universidade da Coruña, a Facultade de Ciencias da Saúde e a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica.

Logotipo de Green Campus.

Logotipo de Green Campus.

“Trátase un recoñecemento a un longo traballo e ser o primeiro campus de España en obtelo é algo que nos fai sentirnos aínda máis orgullosos”, salienta o vicerreitor Juan Manuel Corbacho, da resolución pola que estas dúas universidades galegas se suman ás quince institucións académicas de oito países que xa contan con esta distinción en Europa. Un traballo que, como resalta, “iniciouse co anterior equipo e no que é preciso facer constar o traballo da anterior vicerreitora, Antonia Blanco”, que se verá completado no vindeiro mes de novembro co acto no que a Universidade recibirá a súa bandeira verde. Unha distinción que servirá tamén “como tarxeta de presentación do proxecto de especialización Campus CREA, que ten no medio ambiente un dos eixos”, como engadiu Corbacho, quen incidiu tamén en que se trata “dun respaldo para a xestión do campus que non só nos prestixia a nós, senón á cidade na que estamos”. De feito, engadiu, “todos colaboramos para que iso fose así e para que o siga sendo”, xa que a resolución do xurado pola que se concede esta bandeira verde e na que se destacan os esforzos realizados “en favor da sustentabilidade e a mellora ambiental”, non significa o final do traballo, “posto que se trata dunha acreditación que hai que renovar ano tras ano”.

Segundo destaca o director da Área de Planificación do campus, Celso Cancela, o proxecto Green Campus tivo o seu inicio en xullo de 2013, cando a Universidade de Vigo e a ADEAC asinan un convenio marco, tralo que “se elabora un programa de actuación conxuntas, definindo as temáticas prioritarias e a partires do que se poñen en marcha unha serie de actuacións”. A primeira delas, a elaboración dunha “ecoauditoría”, na que, “conforme aos criterios fixados pola ADEAC, realizouse un exame as diferentes instalacións do campus, que nos permitiu detectar as necesidades e disfuncións que presentaba, así como o que estabamos a facer de maneira axeitada”.

O plan de xestión ambiental da Xunqueira inclúe oito obxectivos ‘verdes’

Tras aquel primeiro paso, en decembro dese mesmo ano constituíuse o comité de xestión ambiental do campus, ao que sucederon posteriormente as comisións ambientais que se crearon cada centro, e que contribuíron ao deseño dun plan de acción, “realizado cuns criterios pragmáticos e realistas”, como salienta Cancela. Neste documento, establecíanse unha serie de actuacións concretas que se levaron ou se están a levar a cabo con ese propósito de facer do pontevedrés un campus cada vez máis sustentable e respectuoso co medio ambiente. Actuacións que partían a súa vez, de “oito obxectivos prioritarios”; a optimización do consumo de auga e enerxía; a redución da xeración de residuos e a mellora da recollida selectiva; o correcto tratamento dos RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos); a mellora da mobilidade e accesibilidade; o fomento da biodiversidade e adecuación das zonas verdes; a promoción da compra verde, o comercio xusto e o consumo responsable; a promoción da participación, sensibilización e voluntariado ambiental e o desenvolvemento dunha política de sustentabilidade.

Partindo deses obxectivos e “buscando utilizar os recursos materiais e humanos cos que contamos”, coa idea de “promover a maior implicación da comunidade universitaria, o que entronca coa filosofía do proxecto Green Campus” foron poñéndose en marcha unha serie de medidas e actuacións, que ían da elaboración “de diferentes materiais cos que tratar de fomentar a concienciación ambiental”, á instalación nos centros de luces led ou a recente “renovación dos contadores de auga por uns con telemedición que nos proporcionan información do consumo en tempo real”, destaca Cancela. Así mesmo, xunto a campañas de recollida de residuos ou a plantación no campus dunha serie de árbores que compensasen as emisións de CO2 do Pavillón Universitario, outra das accions incluídas no plan foi a instalación nas últimas semanas, coa colaboración do Concello, deaparcabicis nas diferentes facultades e escolas. Deste xeito, “tratamos de promover o uso dun medio de transporte sostible”, salienta Cancela dunha medida que permitiu sumar aos soportes xa existentes no campus unha nova serie de aparcabicis a carón de cada centro, con capacidade en conxunto para un total de 60 bicicletas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.