Biblioteca do campus de Ourense da UVigo.

Biblioteca do campus de Ourense da UVigo.

Ourense impulsa un programa de doutoramento dedicado á auga

Cen investigadores intégranse neste programa, cuxa tramitación comezou o Consello de Campus

“O primeiro produto académico do Campus da Auga” que amosa “o músculo e potencia do campus de Ourense”. Con estas palabras definiu Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, o proxecto do Programa de Doutoramento da Auga, que coa presentación da expresión de interese pertinente comeza a súa tramitación co obxectivo de implantarse no curso académico 2017/2018. Arredor dun centenar de investigadores de todas as facultades e escolas do campus de Ourense e case unha trintena da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e do Instituto Politécnico do Porto avalan esta proposta que destaca polo seu carácter multidisciplinar e especializado. Antes da presentación oficial da expresión de interese na Escola Internacional de Doutoramento, esta foi presentada no Consello de Campus de Ourense, que deu o seu apoio a esta iniciativa.

Reunión do Consello de Campus de Ourense que aprobou o inicio do doutorado.

Reunión do Consello de Campus de Ourense que aprobou o inicio do doutorado.

O título solicitado, apuntou o reitor, “deriva do avance do proceso de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga”. Co nome inicial de Programa de Doutoramento Auga, Sostenibilidade e Desenvolvemento, os estudos están deseñados para ser “a imaxe de marca académica a nivel internacional do campus” e dar acubillo a todas as liñas de investigación vinculadas co concepto auga para formar a novos doutores, segundo explicou o reitor. A posta en marcha deste programa, sinalou, dará cobertura a aquelas áreas que non tiñan masa crítica e capacidade suficientes para ofertar programas de doutoramento específicos no campus, situación que obrigaba aos investigadores a irse a outros campus ou universidades. Ademais de dar esta cobertura, recalcou, potenciará os catro programas de doutoramento xa existentes, complementándose con eles. “Con toda a masa crítica que podemos agrupar neste programa, teremos capacidade de atraer xóvenes investigadores de fóra, aumentando a capacidade de matrícula e a faciana internacional do campus”, dixo Mato.

No programa de doutorado participan tamén as universidadesde Alto Douro e Porto

Sobre a potencia deste programa de doutoramento, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, subliñou como na primeira consulta realizada 96 investigadores de todos os centros do campus de Ourense amosaron o seu interese en participar neste programa, sexa a través da docencia ou da dirección de teses. Ademais, amosaron o seu interese 12 investigadores da UTAD e 14 do Instituto Politécnico de Porto. Recalcando o nivel de esixencia requirido para ser docente nun programa deste tipo ou titor de tese, este amplo aval, subliñaron as autoridades académicas, “é unha garantía de éxito que non teñen outros programas específicos”. Nunha segunda fase de tramitación deste doutoramento, sinalaron, o programa abriríase á adhesión de investigadores doutros campus da Universidade de Vigo, “buscando aunar a todas as persoas que están interesadas nesta temática”. “É un programa moi sólido, viable, que responde ás necesidades da contorna”, sinalou Virxilio Rodríguez.

A expresión de interese presentada contempla que o coordinador do programa será o docente Francisco Javier Rodríguez Rajo e que este será elaborado tendo en conta as seis áreas de especialización do Campus da Auga (xestión da auga; innovación social e educativa; medio ambiente; TIC; turismo-patrimonio cultural e alimentación), aglutinadas en tres bloques temáticos (auga, sostenibilidade e desenvolvemento) e coa colaboración multidisciplinar de todas as escolas e facultades que aglutinan o coñecemento desenvolvido no campus. Dita sinerxía, apuntase no documento, “ten como finalidade un incremento do número de doutoramentos altamente cualificados, da calidade das publicacións científicas e na actividade de posgrao de carácter especializado”. Concíbese, recalcan os seus promotores, “como un programa capaz de ofrecer unha formación avanzada e de elevada calidade en temáticas propias do Campus Auga e que lle permitirá establecerse como un líder no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”. Así mesmo, engaden, constitúe unha oportunidade para superar as debilidades do campus e potenciar as súas fortalezas.

O programa, engaden os seus promotores, ten en conta a súa localización no marco da Eurorrexión, o seu contexto socioeconómico, no que a investigación é o alicerce do coñecemento e a competitividade, e o seu contexto temático, donde destaca a importancia do sector industrial agroalimentario en Galicia, a crecente importancia do dereito á auga, a calidade alimentaria, o envellecemento poboacional, o aumento da esperanza de vida, o potencial termal de Ourense como elemento diferenciador ou a existencia de lugares de elevado valor patrimonial e turístico.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.