Reunión da CRUE en Compostela.

Reunión da CRUE en Compostela.

Os reitores reclaman unha fórmula clara de acceso á universidade

Representantes de 76 universidades españolas celebran en Compostela o seu cumio anual

O decreto sobre a duración dos estudos de grao e máster en España e a futura proba de acceso á Universidade foron os temas centrais da Asemblea Xeral que os reitores de universidades españolas mantiveron este mércores na USC. Os reitores acordaron pedir ao Ministerio de Educación, Cultura e Deportes a maior axilidade posible para resolver estas cuestións pola súa importancia para a xestión universitaria.

Tal e como explicou o presidente da CRUE, Segundo Píriz Durán, as universidades propoñen substituír a Selectividade pola reválida de Bacharelato, proba obrigatoria segundo a lei para o alumnado que quere acceder ao ensino superior, recordou Píriz. O presidente da Conferencia de Reitores sinalou que mentres que a futura proba de reválida permitiría cubrir o tramo de 0 a 10 da nota final, para o tramo de 10 a 14 da cualificación final deseñarase un procedemento o máis parecido posible ao que se viña facendo ata agora. Segundo Píriz quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade ao futuro estudantado universitario e ás súas familias porque “pronto terán unha fórmula de acceso ao ensino superior”.

Respecto da duración dos estudos de grao e máster, unha comisión mixta da CRUE e do Ministerio traballa neste eido dende finais do pasado mes de xullo. As universidades propoñen ao Ministerio que as titulacións que xa existían con anterioridade á implantación do Plan Bolonia, incluídas as ensinanzas médicas e as enxeñarías, manteñan a duración de catro anos. O resto, as de nova formulación, poderían acollerse a unha duración de tres anos. Non obstante, o presidente da CRUE considera que si a formación é a mellor ferramenta para saír da crise non se entende unha redución da duración dos estudos a 3 anos.

Os reitores traballan na definición da duración dos estudos de grao e máster

A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) reúnese este mércores 28 e o xoves 29 no Centro de Estudos Avanzados (CEA) da Universidade de Santiago onde se celebrou a xuntanza da súa Asemblea Xeral. No acto inaugural deste encontro, o reitor Juan Viaño aludiu á celebración en Compostela, practicamente de xeito simultáneo, de Spin 2016, encontro que deixa patente o compromiso da Universidade cun novo modelo de transfrencia de coñecemento. Viaño afirmou que “a sociedade esíxenos que planifiquemos de forma ordenada a conexión entre a Universidade e os sectores produtivos do noso país”. Logo desta reunión tivo lugar un encontro co Consello de Reitores de Universidades Portuguesas (CRUP) e a intervención do asesor do Gabinete do Comisario de Educación, Cultura, Xuventude e Deporte da Comisión Europea, Rodrigo Ballester.

Xa o xoves 29, ademais dunha xuntanza do Comité Permanente de CRUE, está prevista a participación dos reitores en Spin 2016, o maior evento iberoamericano de emprendemento universitario que se celebra en Santiago ata o día 1 de outubro.

Constituída en 1994 e formada por un total de 76 universidades españolas, Crue Universidades Españolas é o principal interlocutor das universidades co goberno central e desempeña un papel clave en todos os desenvolvementos normativos que afectan á educación superior en España. Ademais, promove iniciativas de distinta índole co fin de fomentar as relacións co tecido produtivo e social, as relacións institucionais, tanto nacionais como internacionais, e traballa para poñer en valor a universidade española.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.